_
_
_
_
_
Reportaje:LUCES

Unha ducia de novísimos galegos

Escritores, artistas, 'blogueiros' e músicos tentan emerxer de costas ao pasado

Da literatura ao rotulable como artes plásticas e visuais, pasando pola Rede e a música feita por xente nova en Galicia, non se pode falar de xeración nin facendo partillas. Pero si é posible xuntar a doce galegos novos para que falen do presente con menos nostalxia do futuro cá ducia de galegos que deron título ao libro de entrevistas de Víctor Freixanes cos históricos do galeguismo, hai agora trinta anos.

Pódese discutir a pertinencia do termo novísimos, pero os que están son novos, teñen obra recente e, en moitos casos, nin sequera son famosos.O que resulta máis difícil é xuntar a unha ducia de persoas e que o diálogo resulte transversal. Si que houbo unanimidade no que atinxe ao proxecto da Cidade da Cultura de Galicia. E nunha caste de estrañeza ou tristura poscambio, que a maioría atribúe a un "exceso de expectativas".

Más información
"Da cultura institucionalizada non sei nada"

"Isto é como cando un señor de Ribadavia me explicou por qué no Ribeiro hai tantos poetas. 'É que vos hai moito paro', díxome". Rubén Ruibal (Oza dos Ríos, 1970), seis anos máis vello có compostelán Diego Anido (Paperboy e O alemán, agora na Sala Nasa), traballou dez anos co falecido Roberto Vidal Bolaño en Teatro do Aquí. En 2005 levou o Premio Cunqueiro por Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), pero a obra aínda non foi representada, malia que as bases do premio garantíano. "Compañías hainas a eito, pero para que haxa cultura de teatro como hai en Cee, Narón ou Ribadavia hai que investir en dinamización nos concellos".

Se tivese que imaxinarse cun obxecto simbólico a carón da Consellería de Cultura, Ruibal escollería "unha calculadora". A poeta Elvira Riveiro (Pontevedra, 1971) elixiría "unha hipoteca". "Anque se tivese que achegarme ao poder levaría un preservativo, por aquilo da protección", di. Riveiro, o poeta Daniel Salgado (Monterroso, 1981) e o novelista Diego Ameixeiras (Lausana, 1976) intercambian opinións sobre a normalización da lingua e da literatura galegas.

Os tres engarran un pouco cos artistas, que teñen outras coitas narrativas. "Non cabe discusión lingüística se falamos de literatura galega", resume Salgado, cos seus tres poemarios -Éxodo é o último- premiados. "No mundo da cultura pasa ao revés que noutros ámbitos da vida", prosegue Riveiro, que dá clases de cerámica no cárcere da Lama (en Arxilosa, o seu último poemario, recicla a semántica do seu choio). "Eu por falar galego non atopaba emprego", asegura.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Ameixeiras, que levou o premio Xerais deste ano por Tres segundos de memoria, reitera os problemas que lle ocasiona buscar unha xerga urbana galega para as súas obras. Sobre a cuestión xeracional, unha das cantarelas coas que se lle risca o libro

[un crítico dixo que os seus personaxes "ata consumen algunha droga"], evita alusións. "Pode que haxa alguén interesado en matar a alguén a través de min", insinúa. En calquera caso, a aposta xeracional das editoriais é clara. Á parte da nova novela de Mario Regueira (Ferrol, 1979), L` affiche rouge, que pronto sairá do prelo, e d?O club da calceta, de María Reimóndez (Lugo, 1975), ás que habería que engadir a ampla produción de Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976), Xerais vén de publicar Dz ou o libro do esperma, do antropólogo Samuel Solleiro (Tui, 1982), case unha novidade de seu: son relatos.

A oposición

Malia comezar a apórselle unha certa iconoclastia para o que son os adubíos do varón escritor en Galicia, Solleiro confesa non ter lido moita literatura galega e critica de vez "a conversión da Guerra Civil nun tópico literario".

"Intento facer o que me gustaría ler, sen imitar modelos estatais. Supoño que ese é un xeito de ir normalizando un sistema literario". A propósito do cambio político considérase "oposición, igual que antes". Para Salgado, "os que pillaron cacho non estarán tristes. Anque é certo que agora collemos aire, se pensamos na etapa de Fraga".

María do Cebreiro (Santiago, 1976), cunha das obras máis sólidas da nova poesía galega e incursións no ensaio e na novela, desfruta da libertade que dá un contrato na Universidade de Lisboa. Sobre o cambio e as novas dinámicas laborais, fala de recuperar "a idea de cultura de oposición, como foi sempre, alén do que hai do meu". "Estamos un pouco descolocados", confesa. A poeta compostelá vese "máis preto" de Solleiro, Salgado, Regueira, Lucía Novás (Bueu, 1979) ou Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979) que da súa xeración poética, que se fixo visible a través da editora Letras de Cal. Alí estaban Olga Novo (Vilarmao, 1975), María Lado (Cee, 1979) ou Yolanda Castaño (Santiago, 1977), que vén de afiunzarse no Estado coa publicación do seu El libro de la egoísta, na editorial Visor.

Optimismo

Rubén Ramos Balsa (Santiago, 1978), Antía Moure (Monforte, 1981) e Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970) son tres expoñentes da arte galega en diferente situación. Os tres consideran "imposible" manterse en Galicia. A súa obra comparte espazo interxeracional coa de Rubén Santiago, Victoria Diehl, Fran Hervello ou Carme Nogueira, en diferentes formatos, e os tres intentan ventear o contraste entre as súas expectativas e a realidade: quedar ou marchar.

"Eu debo rexeitar moitas exposicións aquí porque perdería cartos", di Ramos, ao que non lle faltan requerementos estatais e europeos. "¿Que artistas galegos fan obra pública en Galicia?", pregúntase Alonso, afeita ás grandes instalacións.

A respecto da creación, Ramos fala de "optimismo cultural, independentemente da situación". Para Alonso, o mercado da arte en Galicia, cunhas poucas galerías voluntariosas, é "demasiado conservador, e o mesmo vale para as fundacións e o coleccionismo privado". Antía Moure, que traballa a memoria desde unha expresión -vídeo e fotografía- máis pegada á experiencia persoal, fai agora en Madrid un máster en xestión cultural "por ver de intentalo desde a outra beira".

Nun momento dado fíanse algunhas respostas sobre o oficio da cultura. Mónica Alonso, filla de labregos, di: "Estamos aquí para pensar e deberiamos poder vivir disto". É difícil que os literatos poidan aspirar a tanto, e entón discútese a lexitimidade de pretendelo. "O traballo que procura o substento é outra cousa", retruca Riveiro. "Pouco se pode esperar das institucións, pero fóra delas aínda están os rapaces de alga.org, os filocafés...".

Sobre a arte que precisa diñeiro público tamén quixo pronunciarse Pánchez (Vigo, 1976), cofundador con Berto Yáñez do blog Aduaneiros sem fronteiras, unha sorte de referente situacionista nun mundo onde a substitución simbólica non sempre é o pan de cada día. Eles meteron en chanza á eivada troika galega - un banco, un xornal e o ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez- ao mesmo tempo que facían camisolas coa lenda Kill your idols a carón do rostro de Castelao.

Pánchez - que compareceu para a fotografía desta reportaxe cunha carauta de dinosauro- crítica "a derradeira aduanada de Fraga [en referencia á Cidade da Cultura]. "O mausoleo onde enterrar a cultura galega está sendo construído agora por aqueles que din defendela", remata.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_