_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Unha literatura de intervención

Alberto Lema edita a súa primeira novela á vez en versión orixinal e en castelán

"O outro día estaba na casa e puñan na televisión Walker. Ranger de Texas, a serie que protagoniza Chuck Norris. A min paréceme un produto hiperpolítico, cunha carga ideolóxica potentísima: autoritarismo, machismo implícito, defensa da propiedade privada, mesmo racismo. Que sucede? Que non se considera político porque eses valores son asumidos como os normais". Alberto Lema (Vimianzo, 1975) procura, coa súa primeira novela édita, "facer explícitos certos motivos políticos que usualmente se adoitan dispoñer de maneira implícita". En Unha puta percorre Europa, que aparece simultaneamente na versión orixinal galega e na tradución ao castelán (Galaxia e Caballo de Troya), un comando feminista decide enfrontar hipocrisías dende a clandestinidade. "Si pretende ser unha novela que interveña en certos lugares que, por usar unha palabra ambigua", explica Lema, "o sistema tende a facer pasar desapercibidos. Podemos entender que é unha novela de intervención".

"Non me sentiría cómodo facendo 'prosa bonita' sobre a prostitución"
"O xénero negro-vermello de Hammett fixo de nós epígonos"
"Habería que crear un contracanon que fose contra a verosimilitude"

Unha puta percorre Europa sitúase nas marxes do común na narrativa galega contemporánea. Conectada con experiencias literarias extremas -Jean Genet, Jean-Patrick Manchette ou, asegura o texto de contracapa, Pier Paolo Pasolini-, a obra de Alberto Lema válese dunha prosa cortante. "Trátase dunha prosa espida, substantiva, que busca a coherencia lingüística e na que non sexa recoñecíbel a voz do autor", afirma, "unha novela aparentemente obxectiva malia a que, por suposto, este sexa un termo discutíbel". "A literatura en sentido contrario a este, novelas máis labradas, máis retóricas, con máis experimentación na linguaxe", engade, "son camiños perfectamente válidos e dos que gosto; de feito, non creo que haxa necesariamente unha continuidade entre aquilo que a un lle gusta ler e aquilo que produce".

Mais, para Lema, a linguaxe non é inocente. O fraseo contundente e aguzado preside o relato de Luz e Ada polas zonas escuras das sociedades occidentais: "Non me sentiría cómodo facendo prosa bonita sobre este tema, resultaríame moralmente inaceptábel". O autor fala da investigación nun "grao cero da escrita" na que o espazo para "disquisicións do autor" se reduza ao mínimo: "Na metáfora da escultura, máis quitar cousas que poñelas". Iso si, n' Unha puta percorre Europa non hai oportunidade para o moralismo, apenas para as propiedades reveladoras da literatura.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

"Toda literatura é política, por suposto, por aceptación, por acatamento ou por submisión, e tamén a que fai explícito o grao de consciencia", di. Velaí o aproveitamento que o libro de Alberto Lema fai da denominada narrativa negra ou criminal, fóra de estilemas ou clixés. "Cando ti usas unha estrutura dada, por exemplo o policial, corres o risco de que decante a novela, que o xénero escriba a novela. Tentei evitalo. Unha puta... utiliza esa estrutura máis ou menos policial e coido que axuda á hora de construír e de fornecerche unha andamiaxe, pero tratei de non ser consecuente con todas as implicacións do xénero". O escritor de Vimianzo cita Red Harvest [Colleita vermella], a célebre novela que Dashiell Hammett publicou en 1929.

"É un texto fundador do xénero político, o negro-vermello", ri, "que nos converte a todos en epígonos". Con todo, Lema non dubida en afirmar que o libro que sempre quixo escribir, escribiuno o estadounidense Nathaniel West en 1933: Miss Lonelyhearts. "Textos capaces de poñer sobre a mesa cuestións políticas dun xeito intelectual, que ten que ver co ideolóxico e co diálogo, e que ao mesmo tempo son quen de pasalo sen que o lector se decate, sen que tropece". As distopías de Aldous Huxley ou a política-ficción de J. G. Ballard ou Ganga, a obra de Antón Lopo que Lema non cansa de reivindicar, axustan a poética d' Unha puta percorre Europa. "Habería que crear un contracanon, unha caste de contra verosimilitude", apunta divertido en alusión á conferencia Un pistoletazo en medio de un concierto. Acerca de escribir de política en una novela. "Só é verosímil aquilo que confirma a concepción normalizada dos feitos".

A peripecia editorial d' Unha puta... si que escapa da concepción normalizada dos feitos. Obxecto de publicación simultánea en galego e en castelán, algo polo menos singular nun debú narrativo, Lema tentara, infrutuosamente, colocar a súa obra nalgunha editorial. "Regresei da emigración en Canarias e decidín dedicarme a escribir. Dixen: 'Véñome para Santiago, alugo un piso, escribo a novela, envíoa a unha editorial e publícana", relata, "pero non suceden así as cousas: mandei a novela ás editoriais e sorprendeume que nin sequera responden. En fin, unha si me respondeu, negativamente, cousa que lle agradezo". Foi a publicación dunha escolma dos seus poemas -Lema tirou este ano, na plataforma editorial Estaleiro, o poemario Plan de fuga- na Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe a que o puxo en contacto con Caballo de Troya. "O director de Caballo de Troya, Constantino Bértolo, galego de procedencia e lector no noso idioma, viu que na biografía incluída na RdL falaba de novelas inéditas e pediumas; Isto precipitou a edición en Galaxia, que se interesara por Unha puta percorre Europa un tempo antes".

Alberto Lema anuncia a publicación d' A fame fatal, "unha especie de precuela de Unha puta... [presentada onte en Santiago, xunto a Xabier Cordal], que escribín antes", ao mesmo tempo que prepara o terceiro volume desta "triloxía involuntaria". "Véndenos que acabou a galaxia Gutemberg e comezou a dixital, e con todo segue a haber a quen lle afectan as palabras", finaliza.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_