_
_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Unha ponte a ningunha parte

Manuel Rivas

Anunciase á fin a edición en galego de dous libros de George Steiner (París, 1929), entre eles unha magnífica escolma de traballos publicados durante trinta anos, entre 1967 e 1997, nun dos medios máis orixinais e valorados do xornalismo cultural no orbe. Trátase da tradución de George Steiner at The New Yorker. Un verdadeiro goce, perturbador e fértil, no que un vai subindo e baixando chanzos de escaleiras de espiral e percorrendo labirintos con corredores segredos que nos levan polos obradoiros e belvís onde levedan, murchan ou reviritan as ánimas de Salvatore Satta, Orwell, Karl Krauss e Thomas Bernhard (ese desacougante Danubio negro), Walter Benjamin, Borges, Beckett, Céline, Canetti, Russell, Solzhenitsin, Brecht ou Simone Veil. Todo é gran coa palla xusta para pousar a cabeza, aínda que a min emocionáronme en especial dúas pezas: Morte de reis, sobre o xadrez, e Dade a palabra, sobre James Murray, o factótum do Oxford English Dictionary.

Agora que imos poder ler 'After Babel', de Steiner, en galego, suspéndense as axudas á tradución

Pode ser un heroe o autor dun dicionario? Na escrita de Steiner os ensaios acadan o xeito de relatos e a achega aos autores atravesa sempre a liña de sombra. Así, o caso de James Murray (1837-1915), un dos grandes colleiteiros de palabras da historia da humanidade. Murray, escocés de orixe humilde, mestre de escola, empregado da correspondencia nun banco, optou a un posto na biblioteca do British Museum sabendo tantas linguas como a idade que tiña, 29 anos. Mais lembraríanse del para dirixir a obra máis monumental da lingua inglesa, o OED, o insuperábel dicionario. Traballou con cinco millóns de fichas nun galpón ao que chamaron Scriptorium. No rexurdir da lingua e da cultura de Galicia un pode recoñecer a xentes da estirpe de James Murray. Vidas prometeicas, moitas veces fanadas polo infortunio ou a persecución. Da estirpe de Murray era Manuel Murguía, primeiro presidente da Academia Galega, e moitos dos personaxes que aparecen n'Os precursores. Da estirpe de Murray eran os sabios compoñentes do Seminario de Estudos Galegos, a comezar polo seu presidente fundador Lois Tobío, outro colleiteiro amante das palabras. Para ter unha idea da monumental labor deses sabios pode consultarse o volume O Seminario de Estudos Galegos (Alfonso Mato, Edicións do Castro, 2001). O Seminario foi incautado en 1936, e segundo a información pescudada polo historiador Mato, 19 membros foron daquela asasinados, morrerían no exilio outros 17 (Castelao entre eles), e 32 foron detidos ou sancionados (Otero Pedrayo, Fraguas, Carvalho Calero e o xuíz Fermín Bouza, entre outros).

Murray foi un heroe que, con moitas dificultades, saíu adiante. Aos nosos Murray esmagáronos. Non eran uns fanáticos "identatarios", como se di a xeito de alcume a quen ama a súa terra e a súa cultura. Eran sabios abertos ao mundo, que aplicaron en Galicia os seus saberes, ao contrario de quen mallaron neles e amputaron a gran primavera de Galicia. Por iso un sente noxo ante a "ferocísima ignorancia" dos que fan da súa contra-identidade unha identidade da desfeita, unha identidade asasina (léase a Amin Mahalouf).

Lembrarán que hai un ano, máis ou menos, houbo unha confusa lea con Steiner referida á presunta imposición do idioma galego na universidade, e todo por mor daquilo que tanto atormentaba a Miguel Torga en literatura: a palabra de máis ou un verso desnecesario. Manuel Bragado aproveitou o proverbio de que non hai mal que por ben non veña e a mellor consecuencia daquel malentendido é este lexema de simpatía de edicións Xerais, o dar a coñecer en galego a obra deste sabio que tivo o humor de pór o título de Errata á súa autobiografía.

Dáse unha curiosa coincidencia. Agora que imos poder ler en galego ao autor de After Babel, xustamente agora, anúnciase a suspensión das axudas á tradución. Así todas as medidas que imos coñecendo son medidas para desmediar. A identidade da que falaron os mellores devanceiros era a vontade de construír un espazo de diversidade, de integración, de mestura, de convulsión permanente. Do ideal das identidades compartidas pasamos ás identidades segregadas por sexo, como eses centros para xente rica que subvenciona esta Xunta que disque non ten diñeiro para máis galescolas, perdón, para poleiros.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A cultura galega non é un círculo pequeno dentro de Galicia. É o local sen paredes, o belvís onde pousa a esfera celeste. Dito en metáfora borxiana, a literatura galega e as creacións culturais que agromaron e agroman en Galicia forman parte do gran libro do universo. En verbas de Steiner: "O mundo é un inmenso alfabeto. A realidade física, os feitos da historia, todas as cousas creadas polos homes son, como se dixéramos, sílabas dunha mensaxe constante. Estamos rodeados dunha rede ilimitada de significación, cada un destes fíos ten unha palpitación de existencia e conduce, en última instancia, ao que Borges, nun enigmático relato de gran forza, chama o Aleph". Ben. Ese Aleph, no caso de Borges, alí onde o narrador ve o eixo do cosmos, é un recanto do soto da casa de Carlos Argentino, na rúa Garay, e unha tarde de outubro. Mais eu vin ese eixo cósmico nunha escaleira dunha casa do lugar de Corpo Santo, en Tabeaio (Carral). O eixo cósmico é portátil. Hai que querer velo.

De Steiner gústanos o seu rigor arriscado e a súa seriedade irónica. A ironía é unha ferramenta da intelixencia, un froito do profundar. Hai dous estremos que padecemos no eido da cultura: a fachenda erudita e a ignorancia fachendosa. Hai veces en que os dous tipos de fachenda se entenden. Unha vaidade cómplice de señorito e túzaro. É coido que iso é o centauro que señorea Galicia. O que Theodor W. Adorno apuntaba nun dos aforismos da súa maxistral Minima moralia: "A baixeza do alto enténdese coa arrogancia do baixo". Por iso a ironía é esencial na ollada contemporánea. É o ferrete que desartella este novo totalitarismo da banalidade. Dise que o novo Goberno non ten un proxecto para Galicia. Eu penso que si existe ese proxecto: O nin Fu ni Fa. Nin facer, nin deixar facer. Antes dicíase que o galego era ciclotímico. Agora estamos nun estado de hipnotismo retrógrado. Un bilingüismo, si, mais un bilingüismo mudo: O nin Fu nin Fa.

Verbo da ironía, recomendo recuperar neste tempo as Notas para una antropología del hombre gallego, de Domingo García-Sabell, unha das obras máis simpáticas escritas sobre a identidade galega, pois trata da identidade do galego enfermo. Do galego como doente. A verdade é que había tempo que non me vía tan recoñecido. Cando está doente, o galego non sofre unha perda. Ten unha doenza. Ten algo de seu. Ten unha propiedade! É aí onde el fala da "vaidade do enfermo". Da fachenda do que padece. Eis o profundo diagnóstico: "Non hai que sande a súa doenza, como aínda non naceu quen lle dea a el, ao propietario da enfermidade, unha labazada". Velaí a nova noción de liberdade na Galicia de nin Fu nin Fa. Non temos identidade. Temos unha doenza. Máis é nosa!

O pinchacarneiro que tiveron que dar para non chamar escolas galegas ás escolas galegas debería continuar en curiosos exercicios para eludir o nome mesmo do país no que vivimos. Será un paso máis na liberdade desposuída. Vivir, á fin, no Non Lugar, un No Man's Land. Na illa de Lewis, nas Hébrides exteriores, hai unha ponte que chaman a ponte de Nowhere. Como o seu nome indica, vai a ningures. Adiante!

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_