_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Viaxe ao centro de Suso de Toro

O escritor compostelán explora a identidade individual na súa última obra, 'Sete palabras' - "A pregunta é quen é un, quen son seu"

Saldar débedas. Recuperar memorias. Investigar que materia conforma o individuo. Descoser os xéneros literarios. Os combates que se libran dentro de Sete palabras, a última aposta narrativa de Suso de Toro, resultan múltiples. Pero o campo de batalla presenta derrregas concretas: "Hai autores que teñen un tema, outros teñen dous ou tres. O meu é a identidade e está todo aquí". O autor compostelán remexe, a un tempo descarnado e amábel, no propio faiado á procura do seu pasado. "A pregunta, realmente, é quen é un, quen son eu", di. Co ermo zamorano, o Caribe ou Santiago de Compostela como teatro de operacións, en Sete palabras cóntase o traxecto dun escritor á procura material do seu avó. De Toro explícase: "Tamén se trata dunha viaxe ao centro de min mesmo".

"O escritor é ese dobre, ese anxo da agarda que acompaña ao autor"
"Trátase dun libro moi parecido a min, no medio entre o soño e a práctica"
"Ao escribir sentía toques de maxia, como se me estivesen axudando"
"A literatura ten a súa verdade, pero a ficción é mentira; esa ambigüidade"
"Sete palabras' resultoume duro psicoloxicamente, pero gozoso"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete
"Fóra da mística do xudeocristianismo, é difícil enxergar ideas da miña obra"
Más información
Insomnio en Toro

O narrador do volume que Xerais colocará nas librarías a primeiros de novembro, simultaneamente en e-book, confúndese co autor. De Toro (Santiago de Compostela, 1956) non desfai equívocos. "Hai que lembrar sempre que o autor di que é ficción", afirma divertido, "e que o escritor é ese dobre, o anxo da garda que o acompaña". E que o traballo que desemboca en Sete palabras arrincou en xaneiro de 2008, cando o escritor decide enfrontarse "de maneira radical" ao seu pasado familiar. "Todo coincide cos últimos anos de meu pai e ten que ver coa idade; nese intre realizo a primeira anotación para o libro", lembra. A curiosidade polos devanceiros empuxou a De Toro cara a un proxecto, finalmente literario, adiado durante anos. "Cando o meu pai [falecido o 24 de decembro de 2008] perdeu a memoria, formuleime de novo a cuesión; xa había unha parte da miña historia á que non podía acceder".

En Sete palabras -"e el, que era tan boa persoa"-, o autor viaxa tras o rastro do seu avó Faustino. Polo camiño, segundo o propio De Toro, constrúese "unha investigación bastante radical da identidade". Nas aldeas da bisbarra de Sayago (Zamora), Galicia e ultramar, dentro de arquivos e libros parroquiais, vaise debuxando o contorno de Faustino de Toro, aquel orfo abandondado no hospicio de Toro. Esa trata de sombras, así se titula un dos capítulos, na que nada remata de se materializar, conduce ao libro máis intimamente atado ao escritor. "É un libro moi parecido a min mesmo", admite, "que posúe a miña coherencia: sempre no medio entre a ensoñación e a práctica, entre a teoría e a acción, entre o mundo social e o ensimismamento".

A historia de cómo unha persoa, "esa reunión de contradicións", se rastrea a si mesma equivaleu a unha pelexa. "Loitei contra o libro moito tempo, pero coido que o logrei", oufánase. E no tirapuxa, non só por desenlear o novelo dunha vida, senón por descubrir a voz peculiar que manexa a narración, pásase do cotián á trascendencia sen solución de continuidade. "Si, pero iso xa estaba no Ulises de Joyce, o máis alto e o máis baixo", apón De Toro. Un epígrafe da obra do irlandés, canda a cita de John Balan, encabezan Sete palabras e adscríbeno a ese sector do traballo do autor que dinamita arquetipos. "É un relato psicolóxico e histórico a un tempo", define, "pero tamén unha novela de ideas". E recoñece o paradoxo: "Quen mo ía dicir, eu que respecto moito a Thomas Mann pero nunca pasei da páxina 400 d'A montaña máxica...".

A desaparición de fronteiras xenéricas radicalízase no libro. Aínda que editorialmente enmarcado na categoría de narrativa, Sete palabras acolle trazos ensaísticos, de autoficción, o libro de viaxes, a literatura memorialística ou o diario. "A primeira versión, que se titulaba Por arte de maxia, resultaba máis metaliteraria, quizais redundante; neste hai máis equilibrio". Pero non abandono dunha aceda e, por veces, humorística autocrítica do escritor, da literatura como excedente da vida. "Pode ser, hai autocrítica, pero tamén moita comprensión", afirma, e concreta: "Critico o que chamo a miña pedantaría, pero, con todo, o libro é unha reivindicación radical da literatura".

O asedio ao que se somete o concepto de identidade -"penso que esgotei os ángulos do tema, individual e colectivamente", sorrí- desemboca nos seus estigmas. Eses que para o escritor se relacionan, antes de máis, coa pobreza. A desposesión material, a opresión sociopolítica, o analfabetismo, e a conseguinte emigración, marcaron a xínea da familia De Toro explorada en Sete palabras. E o autor abre o foco: "A sociedade galega, tamén a española, ten unha visión estúpida sobre si mesma, que ignora a pobreza como unha das forzas que fixo de nós o que somos". "O 90% de nós eramos traballadores e agora tan guapos e tan modernos", ironiza, non sen certo remorso colectivo. "Hai 40 anos emigrabamos todos e agora crémonos mellores que os alemáns". Unha ollada sobre o desclasamento análoga, dalgún xeito, á deitada polo poeta Antonio Gamoneda cando recibiu o premio Cervantes: "Unha sociedade que censura a memoria da pobreza vira parva porque non lle dá valor a nada".

Pero Sete palabras non só se preocupa polo material. Nunha historia de espectros e pegadas perdidas tamén compareceron, a dicir do autor, "os toques de maxia". O escritor escéptico atrapado por forzas que o exceden. "A verdade é que ao escribir sentía como se me estivesesn axudando", asegura, "e no relato aparece esa maxia porque me pasou". Introducido no traballo e nos días da obra, que se ía elaborando ao tempo que De Toro investigaba na realidade, os acontecementos facíasenlle literatura. Chamadas telefónicas, vellos censos en poeirentos arquivos provinciais, a proverbial pachorra cubana, a desolación da paisaxe castelá case como escenario de western, os versos do poeta zamorano Claudio Rodríguez e do sayagués Justo Alejo. "A vida só se pode explicar a través da literatura", non dubida Suso de Toro.

A liña de sombra a partir da que un texto se recibe como ficción ou como real non é asunto de Sete palabras. "A literatura ten a súa verdade, e neste libro hai moito de verdade", expón, "pero a ficción é mentira; nesa ambigüídade móvese Sete palabras". Porén, De Toro anóase á obra: "O que me importa é o texto; eu escribo para que duren as cousas que escribo, senón, non me atrevería a escribilas, mesmo as incluídas neste libro". O razoamento do escritor complétase cunha canción dos Rolling Stones: "It's only rock&roll, but I like it".

É este o Suso de Toro que se desprazou da escrita como mecanismo de desmitificación, contundentemente empregado en Polaroid (1986) ou no joyceano Tic-tac (1993), ao libro como pescuda no mito. "Con este libro verifiquei que a literatura pode traballar como curación, non unicamente como coñecemento", di quen describe a súa relación cos libros como "dialéctica", que avanza e retrocede. "Escribir Sete palabras resultoume psicoloxicamente duro, pero gozoso a un tempo, unha escrita de vivencia". E nese movemento constátase a viraxe operada entre a súa anterior novela, Home sen nome (2006) "na que se probaba a forza da literatura para romper tabús e trazar os nomes dos asasinos [da Guerra Civil]", e as Sete palabras.

Polo medio, Madeira de Zapatero (2007), o seu retrato coral do presidente do Goberno español. "Aquel libro rachou a miña dinámica literaria", rememora con certa amargura, "pensei que me ía levar meses e botei con el ano e medio". Daquela xa lle rondaba a pantasma de Faustino de Toro e só finalizar co volume dedicado a José Luis Rodríguez Zapatero permitiu a De Toro poñerse mans á obra. "Foi un alivio", recoñece, "aínda que sei que o libro de Zapatero me afectou e posibelmente afecte á recepción dos meus libros de agora en diante". E malia que outras veces incursionara no ensaísmo político -Camilo Nogueira e outras voces data de 1991, Outra idea de España de 2005-, foi Madeira de Zapatero o que o colocou no ollo do furacán da dereita madrileña.

Hai xa anos que nas teimas intelectuais de Suso de Toro ocupan lugar destacado os escritores de orixe xudea. En Sete palabras detéctanse ecos do último Philip Roth, o novelista estadounidense que anda arestora confrontado aos seus demos familiareres. "A meirande parte dos meus heroes intelectuais son xudeus e si, non teño reparos en admitir que eses libros de Roth sobre o seu pai están en Sete palabras". Pero antes que de espello ou influencia, habería que se referir a coincidencia: "O certo é que acudín a eles logo de comezar o meu proxecto".

"O que preconfigura o contemporáneo, a conciencia moderna do intelectual, foi o xudeu", teoriza, antes de sintetizar na problemática entre a integración na modernidade e a conservación da identidade propia esa esgazadura. O relativo á "radicalidade existencial" é outro dos riscos que rescata. "É que fóra de certa mística do xudeocristianismo faise difícil enxergar certas ideas dos meus libros". De Toro menciona, ademais, a Saul Below ou as reflexións ensaísticas do húngaro Imre Kertész.

O carácter sacro que a relixión da Torá outorga á palabra escrita subxace en Sete palabras. "Sempre me preocupei de que a palabra nos meus libros, aínda que fose banal, vulgar, común, fose cargada de significados", define, "sempre crin no seu poder e iso levoume á cifra da literatura, que é a poesía". Custa entornar ao Suso de Toro punk que entrou no canon literario facendo croquetas do cadáver de Castelao en quen agora se interesa "polo don, pola maxia do poema". Con todo, afasta sospeitas e nega calquera veleidade: "Eu non son capaz de falar nin de escribir como un poeta, iso ten que ver coa inocencia e eu non podo; ademais, a miña visión é demasiado extrema: César Vallejo ou nada". Nun derradeiro arrouto, dá en confesar que as súas únicas tentativas poéticas realizounas en inglés.

Mais a obsesión que atrapou ao escritor nos últimos tempos retorna. "Ao cabo, Sete palabras é case unha oración, un réquiem". Esa é a pregaria dun Suso de Toro que marcou neste libro un cabo de Fornos na súa traxectoria. "Hai autores que teñen un tema; outros apenas dous ou tres", considera, "e o meu é a identidade; está todo aquí, neste libro". E cun pouso melancólico, ese aire cadora máis presente no seu método operativo, reflexiona: "Esta mañá aínda me divertía pensando que en Toro haberá quen se imite a min, fisicamente, alguén que abandonou a un neno que logo foi o meu avó".

ANXO IGLESIAS

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_