_
_
_
_
_
Reportaje:Unha figura chave do galeguismo Luces

Vivir co permiso do enterrador

Cales foron os éxitos e os fracasos do nacionalismo galego? Son preguntas que, de seguro, se fixo Del Riego aínda que as deixara sen responder

Conta Fernández del Riego nas súas memorias O río do tempo (Ediciós do Castro, 1990) que cando chegou a Vigo, en busca dunha atmosfera menos espesa e perigosa que a compostelá, acudía cada día ao bufete de Paz Andrade para familiarizarse co procedemento xurídico. Frustrada a posibilidade da docencia universitaria, malvivindo dun puñado de clases nun colexio privado, o licenciado en dereito quería abrirse outras posibilidades. Media hora despois de chegar ao despacho soaba o auricular para facer, de maneira anónima, unha ameaza: "Sabe vostede que está a vivir co permiso do enterrador?". Era unha pregunta que se repetía un día tras outro.

Como moitos outros derrotados, Fernández del Riego estivo exposto ao perigo e, aínda peor, á burla dos que se sentían protexidos polo novo réxime. No entanto, aquel home de 30 anos, de aspecto sólido como unha chanta de pedra, non deu un paso atrás. Un día atopouse con Enrique Peinador, un dos propietarios do Balneario de Mondariz, e, dende aquela, pasou a visitalo todos os domingos na súa casa da Rúa Cuba. De aí saíu o intento de reconstrución do Partido Galeguista (PG). Nunha casa de Coruxo tivo lugar a primeira reunión, un milagre naquel ano 1943. Para o habitual cinismo de hoxe dificilmente será comprensible o risco que aqueles homes asumían mentres as bombas caían sobre unha Europa asolada.

Foi solidario coa concepción de Piñeiro na longa noite de pedra
Nunca abandonou a idea de alimentar a intervención política nacionalista
Más información
O derradeiro patriarca

Dende aquel tempo, a súa figura será asociada, sobre todo, á de Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto, os tres rapaces que atravesaron a longa noite de pedra para redefinir o sentido do nacionalismo galego. Aínda que sexa a Piñeiro a quen se lle atribúe o xiro, todos os seus compañeiros, con escasas diferenzas ocasionais, deron o seu asentimento ás sucesivas reviravoltas do que, dos anos cincuenta en diante, deuse en chamar galeguismo, para diferencialo do nacionalismo político. A opción estaba entre facer do galeguismo un partido ou convertelo na "conciencia xenérica de Galicia". Que Paco del Riego foi solidario desa liña é incuestionable e son moitos os lugares onde considera que, de non ter mantido eles acesa a chama, non tería reverdecido a póla. Así que se lles terá que salvar ou condenar en grupo.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Agora ben, a pesar de que este relato -o da reconversión do nacionalismo en galeguismo- é a Versión Admitida, ¿produciuse de verdade unha reformulación do nacionalismo galego, como sostén Miguel Barros? Vimos unha presciente "estratexia do galeguismo" como a denomina o profesor Rodríguez Polo? Os dous estudosos teñen moitos argumentos para así consideralo. Comezando polas declaracións dos protagonistas, sobre todo Ramón Piñeiro. Dende a crítica xuntanza que tivo lugar en Santiago en 1958, na casa de García-Sabell, hai constancia documental do intento de teorizar a renuncia a crear un partido do tipo do que fora o PG para pasar a proceder á tantas veces mentada labor socrática e de sementeira cultural a través de Galaxia.

Pero, por suposto, non existe ningún mandato metafísico que nos obrigue a crer o que alguén di de si mesmo. A versión ortodoxa non explica como foi posible que, con tal declaración de intencións, fose Fernández del Riego un dos fundadores do PSG no ano 64, no que desempeñaría durante moitos anos un papel decisivo, nin que, polo lado máis centrista do espectro, xa en plena transición política, Xaime Illa Couto intentase a aventura dun partido demócratacristián. En realidade, ningún dos galeguistas de primeira fila deixou nunca de alimentar a idea da intervención política nacionalista. Simplemente foron navegando, decidindo entre as opcións que se lle presentaban ao areópago -ao final non eran moito máis que iso. O seu tema era como influír, e onde podían. Foi un camiño que os levou a lugares insospeitados. Piñeiro era, dende logo, mestre nesas fintas: pénsese no papel de Antonio Rosón ou Marino Dónega, entre outros exemplos. Era un tempo, hai que lembralo, máis plástico.

Non hai moitos anos Xaime Illa dicíame que el fora o que concibira a idea de Realidade Galega. A final ousadía de formar parte como independentes da candidatura do PSOE, que tanta reacción suscitou (Paco Fernández del Riego disentiu dese salto) formaba parte desa liña de pragmatismo e ambigüidade calculada, froito da debilidade, que viña de moi lonxe, tal vez daquel momento en que o PG desapareceu de pura inanición. Un dos que xulgara arriscado e improcedente nos anos corenta o intento de reconstitución do PG, Valentín Paz Andrade, declaraba anos despois a Tucho Calvo en Valentín Paz Andrade. A memoria do século (Ediciós do Castro, 1998) "Penso que deixar esmorecer o Partido Galeguista na clandestinidade, e moito máis non reorganizalo antes da morte do ditador, constituíu un erro".

Dende logo, resulta difícil non coincidir con esa opinión. O grande oco da ausencia dun partido nacionalista burgués, moderado e centrista, que enchese a autonomía e modernizase Galicia é un baleiro que aínda hoxe se deixa sentir e que lle deixou a porta aberta ás sucesivas maiorías do PP. Tal vez, non só dende o punto de vista do galeguismo, esa foi a grande eiva da Galicia contemporánea. Pero as ocasións as pintan calvas e aínda que o intento de Coalición Galega pareceu fraguar, moi logo a morte de Franqueira fixo que se esvaecera. A segunda eiva foi, claro, a desafección da autonomía por parte do sector maioritario do nacionalismo de esquerda que máis tarde tivo que tragar a súa xenreira contra o Estatuto, sen que, por outra parte se dignara explicar xamais, ata o día de hoxe, ese bandazo.

Dende a fundación do Partido Galeguista, aló polo 1931, pasaron 80 anos. Ata qué punto a historia do nacionalismo galego é un éxito? Cales foron os seus logros? Cales os seus fracasos? Ten futuro por diante? Este é o tipo de preguntas non venais que cabe facerse con motivo da morte de Francisco Fernández del Riego. Ao fin e ao cabo, poucas vidas foron máis consistentemente dedicadas ao servizo desa causa, cunha lealdade mantida nas circunstancias máis difíciles. Abonda pensar que entrou a formar parte do Partido Galeguista, aló polo ano 1931, cando tiña 14 anos e que se deu de baixa no PSG, no ano 78, para despois manterse sempre nese espazo. Estivo sempre ás duras, e apenas ás maduras.

Son preguntas que de seguro don Paco se fixo. Nas eleccións europeas, a última das consultas realizadas, o BNG, a única opción nacionalista, obtivo o 9'5% dos votos. Nas autonómicas, celebradas un pouquiño antes, esa porcentaxe se vira elevada a un 16%. Son cifras lonxe das de 1997, cando chegou ao seu punto climático: un 24'8%, moi preto da cifra de galegos (o 25%) que, segundo Fermín Bouza, se declaran a si mesmos nacionalistas. Caben poucas dúbidas de que, de continuar o ciclo, os erros pasados atribuídos aos galeguistas con tanta dureza serán reduplicados coa análise do fracaso da xeración de líderes nacionalistas que os substituíu no período democrático. Non pode descartarse, mesmo, a posibilidade dunha progresiva consunción que o deixe na irrelevancia ou no ridículo.

Tras tempos veñen tempos. Despois do ano Piñeiro, a morte de Francisco Fernández del Riego aumenta a nosa distancia visual e anímica co período franquista. Ábrese unha xeira na que, unha vez serenado o xuízo sobre o tempo da ditadura, unha vez gañada perspectiva sobre a liña de conduta dos resistentes a ela dende o campo galeguista, serán os últimos 30 anos, xa dentro da etapa democrática, os que serán sometidos a revisión.

"Queimamos a vida en defender a cultura do país"

Hai case catro anos que o xornalista Xan Carballa entrevistaba a Francisco Fernández del Riego para as páxinas de Luces de EL PAÍS. Daquela, o intelectual galeguista dirixía a biblioteca da Fundación Penzol de Vigo

- "Risco, Cuevillas ou Otero. eran intelectuais que coñecían a literatura estranxeira, admiraban aos simbolistas franceses... Un día decatáronse de que estaban nun país que descubrir e ao que se entregar e deixaron de dar voltas sobre si mesmos".

- "En 1936 refuxieime en casa duns amigos da familia que eran de dereitas. Sentía as leiteiras contando que viran os mortos nas cunetas".

- "Durante o franquismo non viamos posibilidades políticas. Pensamos que o labor cultural era un refuxio

- "Galaxia controlabámola entre Illa Couto, un magnífico promotor de proxectos, Piñeiro, un reflexivo que estudaba as cousas antes de pronunciarse, e eu, un executivo que tiraba para adiante. Eramos completamente distintos en termos ideolóxicos e temperamentais, pero chegamos a un punto de coincidencia para actuar".

- "Sen nós nin os que nos precederon nada quedaría. Queimamos a vida en defender a cultura do país. Agora outros recóllena e transfórmana".

- "Na Academia aínda hoxe pervive o defecto do seitarismo, porque propuxen dar o Día das Letras a Carvalho Calero, de quen se pode discrepar pero non negar o seu inmenso labor, e non conseguín un só voto de apoio á miña proposta".

- "A xente que veu das cidades desertou moito do idioma, pero de todos os xeitos ninguén se atreve a dicir hoxe que o galego é de analfabetos. A nosa teima era europeizar o idioma para que todos os saberes tivesen un vehículo. Conseguímolo"

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_