_
_
_
_
_
Reportaje:LUCES

Xornalismo en tempos de crise

Cúmprense 30 anos do peche da revista 'Teima', icona xeracional da Transición galega

"Tratábase dun tempo histórico no que todo semellaba posíbel", lembra Perfecto Conde. O veterano xornalista refírese aos oito meses da experiencia de Teima. Revista galega de información xeral, que publicou o seu derradeiro número, o 35, en agosto de hai tres décadas. A primeira publicación xornalística integramente en galego da posguerra, dirixida por Ánxel Vence e de periodicidade semanal, avanzou entre o boicot publicitario, o fogo cruzado das liortas internas do nacionalismo e os límites para exercer o oficio informativo durante a restauración monárquica. "En Teima intentamos facer un novo xornalismo galego", sinala o daquela redactor Manuel Rivas, "e penso que influímos para que outros medios renovasen o seu traballo".

Freixanes: "Unha experiencia como esa é difícil de entender sen o contexto político"
Vence: "Andabamos nun xornalismo valente cando agora xa todo está máis asimilado"
Rivas: "Penso que influímos para que outros medios renovasen o seu traballo"
Non hai pegada de arrepentimento entre o grupo de xornalistas que impulsou Teima
Pousa: "A liña moi radical da revista contribuiu ao fracaso da experiencia" "
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A historia de Teima, que comezou a súa xeira nos quioscos a semana do 16 de decembro de 1976, cunha capa dedicada ao referendo sobre a denominada reforma política, remóntase a 1974. Luís Álvarez Pousa, logo encargado de temas culturais na revista, relata unha xuntanza arredor de mesa de braseiro de Ramón Piñeiro, en Compostela: "Piñeiro, Carlos Casares, Beiras e máis eu concluímos na necesidade de crear un medio de comunicación en galego". Xunto a este monllo de intelectuais, arrimados ao Partido Socialista Galego que dirixía o propio Beiras, converxeu un segundo grupo. "O outro colectivo estaba vencellado á dirección do Colexio de Arquitectos", explica Álvarez Pousa, "eran xente como César Portela, Daniel Pino ou Enrique Aller". Malia a que a primeira idea dos dous sectores consistía na fundación dun xornal, Álvarez Pousa non dubida en recoñecer "a inviabilidade, sobre todo económica" daquel proxecto.

"A experiencia de Teima é difícil de entender sen coñecer o contexto político", afirma Víctor Fernández Freixanes, que se responsabilizou da información do "sur de Galicia" na revista. Ese contexto consistía na terra de ninguén que sucedeu á morte do xeneral Franco e precedeu ás primeiras eleccións. A oposición entre a reforma do réxime ou a súa ruptura establecía a liña de separación que determinaba o combate político na segunda metade dos 70. A efervescencia partidaria caracterizaba a unha esquerda, a galega, na que aínda non actuara a mediación electoral. "A publicación situouse nunha liña na que coincidían esquerda e galeguismo", argumenta Álvarez Pousa.

Manuel Rivas, que contaba 19 anos cando asumiu a tarefa de reporteiro en Teima, indica "a falta de receptividade ao proxecto que tivo dende o comezo a UPG [Unión do Pobo Galego]". A distancia entre o grupo da publicación e a formación comunista que vertebraba o BN-PG non cesaría de se agrandar. Segundo Álvarez Pousa, a UPG deu orde de que os militantes non mercasen a revista despois dun editorial titulado Os novos mesías. "Na marcha contra o proxecto da central nuclear de Xove, o domingo posterior á legalización do PCE, os militantes da UPG atacaran aos comunistas, que celebraban a súa nova situación legal", relata, "e nós apoiamos ao PCE". Os dirixentes nacionalistas Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos presentáronse na redacción de Teima "para pedir contas, e con xeitos ameazantes". Ánxel Vence non dubida: "A revista foi de contado bloqueada polo que daquela era o BNG, que aínda non baixara do monte á moqueta".

Nun escenario de confrontación, pouco dado a sutilezas, desenvolveuse a curta traxectoria do semanario. "En Teima tivemos que inventalo todo", rememora Xosé María García Palmeiro, que levaba a sección de Pobos Ibéricos. Se as expectativas de saída provocaron que a tiraxe inicial acadase os 17.000 exemplares, os conseguintes axustes situárona nos 10.000. "Vendíanse máis ou menos o 80% das revistas", explica Ánxel Vence. Máis de 5.000 subscritores certifican a incidencia da publicación na paisaxe mediática da época. "Cónstame que Teima era lida, amais de nos ambientes progresistas, no ámbito do poder", asegura Rivas, "e que chegaba a sectores que non lían usualmente en galego, o que demostra que a lingua non é barreira ningunha".

As páxinas de Teima respondían ao seu subtítulo, Revista galega de información xeral. Entre a política e a cultura, a reportaxe e a entrevista dominaban os contidos. Álvarez Pousa fai memoria e rescata unha entrevista co cineasta exiliado Carlos Velo. "Falábase por primeira vez con Velo como cineasta, da súa implicación na fundación da UPG, do 36 en Cartelle [a vila onde naceu Velo]". Álvarez Pousa realizara o traballo nunha viaxe en coche co director de Galicia Finisterrae entre Ourense e Cartelle. O descubrimento das raíces galegas de Fidel Castro é o primeiro que lle vén á cabeza a Xavier Navaza. "Localicei a aldea de Láncara e o nome completo do pai de Fidel, Ángel Castro Agriz. O certo é que andabamos nun xornalismo valente, cando agora xa todo está máis asimilado".

"Mira que eu publiquei cousas en Interviú, en Triunfo, en EL PAÍS", conta Perfecto Conde, "pero nunca recibín un recoñecemento como o que tiven por unha reportaxe publicada en Teima sobre a rapa das bestas en Sabucedo". "Mesmo Xosé Luís Méndez Ferrín incluíra o texto nunha antoloxía sobre a escrita en galego tirada polos Blázquez en editorial Castrelos, o que me inchou o peito". A serie de informes elaborada por Víctor Freixanes so o título de ¿Quen manda en Galicia? marcou outro dos fitos do semanario. "Era sobre o poder real de Galicia, os empresarios, algo que nunca se contara até ese intre", indica Ánxel Vence. O propio Freixanes non oculta, aínda a día de hoxe, o seu orgullo por aquel traballo: "Levoume tempo e algún desgusto, pero penso que segue a ser unha radiografía máis ou menos axeitada do país".

Rivas fala da atmósfera de novela negra na que se movía o xornalismo de Teima. "Había unha sensación de ter que saír correndo dos sitios, de ser elementos indesexábeis". As liñas que Rivas dedicou ao conflito das Encrobas, onde Fenosa expropiou aos labregos para extraer lignito, son citadas por todos os redactores da revista. "Do relato do día máis duro, o da conquista militar, pola Garda Civil, das Encrobas, gardo un recordo profesional satisfactorio", di Rivas. A reportaxe, estruturada ao xeito do minutado dun documental, sucedía a unha achega inicial titulada Que verde era o meu val. "Aquel titular

[recollido do título do filme de John Ford] mesmo me valeu, por parte dalgún dirixente nacionalista, o alcume de intelectual colonizado'".

"Houbo problemas coa publicidade e certas empresas desmarcáronse e eu, retroactivamente, entendo a actitude dos anunciantes", recapitula Vence, que evita calquera tentación de heroísmo. "Teima respondía a un momento histórico", conclúe, "como outras publicacións en Euskadi, Berriak, ou en Cataluña, Canigó, que tamén apareceron e desapareceron naqueles anos". Álvarez Pousa apunta que "o posicionamento de Teima nunha liña de esquerda moi dura, moi radical, contribuíu ao fracaso da experiencia".

Para Manuel Rivas, o intento de crear "unha zona común entre o nacionalismo e a esquerda estatal deu en virar contra a revista". "Teima non pechou, extinguiuse", opina Perfecto Conde, quen contradí a Rivas: "Coido que en Teima fomos sectarios demais respecto do PC ou do pequeno PSOE que había daquela". "A precariedade estrutural da empresa", considera Freixanes, "deixounos sen anunciantes e iso afogounos".

Non hai pegada de arrepentimento entre o grupo de xornalistas que impulsou Teima. Freixanes fala de "vellos rockeros" e para Rivas "non se tratou de fracaso, senón dun foco, no sentido que din lanterna na Costa da Morte". Segundo García Palmeiro, que ensaia unha elaborada conclusión, a publicación supuxo "un paso máis na longa marcha por un xornalismo atento ás necesidades do país e coa lingua como primeiro sinal de identidade". "Os redactores seguímonos levando ben", remata Vence, "pero somos pouco dados ás conmemoracións".

Historia dunha entrevista

"Un día petaron na porta da redacción [na rúa do Hórreo en Santiago] e, cando abrimos, era Manuel Fraga", narra Luís Álvarez Pousa. Fraga atopábase en reconversión, e no camiño que levaba dos intestinos da dictadura á democracia parlamentaria, un semanario nacionalista, en 1977, merecía paraxe. Acompañado de Pedro Puy Muñoz, o ex ministro quería aparecer presentábel para unha xeración, a de Teima, radicalmente contraria ao que el representaba. "Reaccionamos de contado e tres redactores e máis o director dispuxémonos a unha entrevista con Fraga", di, "que se expresaba en galego e deitaba opinións estrañas a prol do galego ou da autonomía".

Coa entrevista en maqueta e o número de Teima listo para se enviar á rotativa, o consello de administración vetou a publicación da conversa con Fraga. Pousa lembra que foi Xosé Manuel Beiras quen se opuxo. "Foi a única vez que se impuxo unha decisión externa á redacción", afirma. Víctor Freixanes confesa que, logo deste episodio, se decatou "de que a revista xa non tiña futuro". O texto reproduciuse, en febreiro de 2002, na revista Tempos Novos.

Que foi deles

O grupo de xornalistas que, con idades que abalaban entre os 19 e os 24 anos, puxeron en marcha Teima. Revista galega de información xeral continuou a súa traxectoria profesional, sempre vencellado á profesión. Perfecto Conde, que se incorporou á redacción mediada a andaina dunha publicación na que traballaron ou colaboraron sinaturas como Xosé Luís Vilela, Alfonso Sánchez Izquierdo, Xurxo Lobato, Xosé Manuel Pereiro, ou Antón López Mariño, afirma de entrada: "Os recordos son agradábeis, porque eramos mozos e a sociedade tamén o era".

- Ánxel Vence: Dedícase ao columnismo político no Faro de Vigo, no que foi subdirector, tras exercer varios anos como correspondente de EL PAÍS en Galicia.

- Luís Álvarez Pousa: Dirixe a revista mensual Tempos Novos, que trata de manter vivo o espírito de Teima, e exerce a docencia na Facultade de Xornalismo. Antes traballou en La Voz de Galicia e chegou a ser director xeral de Cultura da Xunta.

- Manuel Rivas: O escritor máis traducido fóra de Galicia, a súa última novela é Os libros arden mal. Malia a sua dedicación á literatura, nunca abandonou o xornalismo.

- Víctor Fernández Freixanes: Dirixe a editorial Galaxia, é profesor en xornalismo de Santiago de Compostela e escribe opinión en La Voz de Galicia.

- Xavier Navaza: Articulista político en El Correo Gallego. Anteriormente traballou no servicios de prensa da Xunta.

- Xosé María García Palmeiro: Desenvolveu unha longa carreira en Radio Popular de Vigo, onde foi pioneiro na introducción do galego. Agora é xefe de prensa do Consello da Cultura Galega.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_