_
_
_
_
_
Reportaje:ESPAZO CONSTRUIDO | LUCES

O arquitecto artesán

Alfonso Penela defende os estudios nos que non traballen máis de dez persoas

O estudio do arquitecto vigués Alfonso Penela non é demasiado grande, pero ten a contrapartida de estar situado nun lugar privilexiado: nun vello edificio da Praza da Constitución, case o único corazón con vida do casco vello. Aínda que ve como se lle queda escaso, Penela defende os estudios pequenos, artesanais. Por ese motivo o número de persoas que traballa no seu mantense entre cinco e dez, sen sobrapasar nunca esa cifra. Se cadra, é unha medida que garda relación coa concepción humanística que Alfonso ten da arquitectura. E se cadra tamén polo mesmo motivo a arquitectura parécelle hoxe un bo programa de vida a este curtido home de 51 anos, a pesar de que esa foi precisamente unha carreira que nunca desexou estudar. Paradoxos da vida.

Sexa como sexa, Alfonso Penela é hoxe un dos arquitectos galegos máis valorados e con maior proxección fóra de Galicia. Sen presas pero con decisión e con criterios moi claros vai construíndo pouco a pouco unha obra referencial que destaca por non aceptar nunca as evidencias. Curiosamente, nin é capaz nin quere reivindicar unha determinada poética arquitectónica para si, aínda que na súa obra se recoñeza unha clara liña invisible posiblemente guiada pola intuición.

Entre as súas actuacións hai impresionantes traballos de rehabilitación como o levado a cabo coa casa de turismo rural de Aldán ou o proxecto de renovación acometido no emblemático edificio Arines de Vigo; a contrución de edificios de usos sociais como o pavillón polideportivo de Cabeza de Manzaneda ou o novo edificio do rectorado da Universidade; a creación de Centros de Saúde como o dos Tendales en Baiona ou os da Doblada e do casco vello, así como a resposta a algunha iniciativa privada como a tenda de mobles Sirvent, situada en plena na Gran Vía, que lle acaba de valer a concesión do prestixioso Premio Enor.

Aínda que é un arquitecto sen fronteiras e nestes momentos está a levar a cabo un proxecto en Catania (Sicilia), Vigo é o seu principal espazo de reflexión arquitectónica. E cando pasea pola cidade, Alfonso Penela non pode deixar de observar con desgusto a caótica estrutura dunha urbe difícil de entender: Vigo carece de elementos de identificación que poidan explicala. Entón lembra con certa nostalxia aquel Vigo de cando era neno en que as persoas dominaban o seu entorno. Pero, como escribiu o tamén arquitecto Xaime Garrido, ese era o Vigo que se perdeu. No seu paseo, Penela diríxese á persoa que o acompaña e desafíaa a que lle diga unha parte da cidade que sexa interesante ou defendible desde os anos 60 até hoxe. O acompañante só pode responder co silencio.

E, por se fose pouco, Vigo parécelle hoxe unha cidade moi difícil de reinveintar, aínda que tampouco se poidan negar as posibilidades que a arquitectura e o urbanismo ofrecen na actualidade. "Vigo é a cidade de Europa que máis medrou no século XX e en consecuencia -di con amargura- a cidadanía perdeu o control sobre o ordenamento urbano e ese feito acabou por converterse nun hábito". Con todo, el móstrase optimista con respecto ao futuro, aínda que na súa opinión quedará afogado dentro deste novo Plan Xeral que carece de ambición pois "non ten ningún proxecto ilusionante que a xente identifique: limítase a falar de edificabilidade e a organizar a estratexia construtiva".

Para este home crítico, idealista e pragmático ao tempo, que nas súas clases da Universidade emprega diapositivas de distintas partes do mundo para explicar a tradición galega, a arquitectura ten que servir para resolver problemas e desexos e, desde unha óptica contemporánea, acometer a recuperación urbana. Nese sentido, xa se convenceu de que desde a política resulta moi doado mandar construír un edificio pero é moito máis difícil levar a cabo unha reflexión sobre o que unha cidade necesita. Ora ben, se nada o impide, Alfonso Penela ten na súa man a posibilidade de repensar unha parte emblemática de Vigo: o Barrio do Cura. Sen dúbida, será unha actuación de gran trascendencia para a cidade, auspiciada desde a construtora de Karpin, que servirá para rexenerar o casco vello en conexión cunha zona de Vigo dos 60 e dos 70. "Hai que convertir esa actuación nun valor arquitectónico que os construtores desexen repetir", asegura.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A capacidade reinventiva de Alfonso Penela quedou patente no abraiante campus da Universidade de Vigo, onde leva traballando desde 1988. Da súa autoría son o novo edificio do rectorado, a residencia de estudantes, a Facultade de Ciencias Xurídicas e a Facultade de Económicas. Ademais, o feito de gañar o concurso do Plan Especial serviulle para concebir (xunto co falecido arquitecto Enric Miralles e agora canda Paulo Méndes da Rocha) a personalidade dun campus que cada vez esperta máis os desexos e as olladas na arquitectura internacional. Ese é o novo Vigo que medra na Universidade.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_