_
_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O bipartito e o Contentamento Descontente

Manuel Rivas

Nun dos seus sonetos de amor (Amor é fogo que arde sem se ver), Luis Vaz de Camões define así ese sentimento: "É un contentamento descontente". E non estaría o grandísimo vate de Os lusiadas a facer un prognóstico tamén do porvir das sociedades de farturento desacougo? O caso é que o espírito do soneto intimista coincide co que indican os resultados dos estudos de opinión verbo do ánimo colectivo nesta Europa que din da transmodernidade. E aínda poderíamos ir máis alá, ou aquén, no xogo dunha poética da historia. Cómo é o tempo que vivimos? É a época CD, a dun Contentamento Descontente.

Se o diagnóstico acae ben ao que chamamos Europa, no caso de Galicia semella nin feito de encarga. Que pensan os galegos do actual Goberno bipartito? Unha porcentaxe está contenta, outra descontenta, mais a maioría mantense nun ánimo de "contentamento descontente". Esa é a verdadeira maioría natural de Galicia. Por fin hai unha coincidencia de fondo entre a cultura popular e as elites gobernantes. Galicia non é un Estado de Malestar, nin tampouco o anhelado Estado de Benestar. É un Estado de Contentamento Descontente.

Os conflitos no bipartito teñen a condición de leas domésticas que se volven combates cósmicos

Os xornais reflicten con frecuencia conflitos entre os dous socios de Goberno. Natural. Prodúcese mesmo algunha polémica na que os voceiros regueifeiros quéntanse de máis. Pois tamén natural. Ten que haber un equilibrio natural entre o Contentamento e o Descontente. Se aparece un conselleiro con cara de Contentamento no Telexornal pois hai que mandar un retén do servizo de Descontente para compensar. Vin o outro día na Coruña un rótulo ben curioso, na rúa que vai das escaleiras de San Agustín ao Campo da Leña: O Garabullo Refinado. Trátase dun estabelecemento de carpintería xeral. Pois o manter un estado de Contentamento Descontente é tamén un traballo de garabullo refinado.

Por unha banda, ten de haber un reparto de funcións. Por outra, non pode haber unha apropiación partidaria. O bipartito non é unha coalición entre o Partido do Contentamento e o Partido do Descontente. No Bloque hai contentes e descontentes, e no Partido Socialista, descontentes e contentes. E nin sequera están claras as posicións persoais. O que hoxe está contente mañá pode estar descontente. E así todos contentes, todos descontentes. O Contentamento Descontente.

Os conservadores creron durante moito tempo que representaban a maioría natural en Galicia. Era a base xeolóxica da súa política. Mais agora constatamos que era un relato ficticio, unha aparencia histórica construída polo maior experto en propaganda que deu o Estado español no século XX. Eu non vou dicir agora, pola contra, que a maioría natural sexa a que representa o Goberno bipartito. Mais o que si acho natural é que o galego é un ser bipartito. O mesmo Fraga é un dos exemplos máis acabados do home partido en deus, quero dicir, en dous. O que pasa é que o conservadorismo era excluínte. Ou estabas contente. Ou estabas descontente. Se estabas contente, ben. E se estabas descontente, hala, a cantar a Salve Mariñeira!

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A grande transformación que supuxo o Goberno bipartito foi a de conciliar eses dous estados. A maioría de Galicia quere estar a un tempo contente e máis descontente. E penso que o Goberno está a corresponder de xeito case anatómico a esa demanda. Presidente, vicepresidente, conselleiros, todos e todas, van tendo ese medio sorriso, esa alegre tristura, esa expresión de animosa melancolía que é o contentamento descontente.

Dende unha ollada convencional, esta relación de amor e desamor verase como algo moi incómodo e mesmo insostíbel. Tamén eu o pensei durante un tempo. Xa están a armala. Miña nai e maila túa quedan no río berrando por culpa dunha galiña que ten amores cun galo, etcétera, etcétera. Nesta tipoloxía de conflitos entraría o mandilón das galescolas ou a medida da fiestra do escusado que dá ao patio de luces no decreto do Hábitat.

Se un pescuda neses conflitos sempre atopará que teñen esa condición de leas domésticas que se transforman en combates cósmicos. O do mandilón, por exemplo, estivo a piques de chegar á Unesco.

-Qué pasa en Galicia? - preguntábame un xornalista francés-. É unha loita polo poder entre socialistas e nacionalistas?

- Non, home non. É polo mandilón.

O problema para o bipartito, como nas festas de antes, é o de quen non goza se non desfai o baile. O proverbio ese, dunha ironía encarnizada: "Festas aquelas nas que morreu meu pai!". Ou aqueloutro: "Os de Lalín, con razón ou sen ela! Ao que me dea un pau, doulle un peso, e se é de Carballo, corenta reais!" (Lalín ou Carballo aquí son metáforas, que ninguén se moleste). Un político que ten unha responsabilidade nunha coalición non pode andar a competir co canteiro aquel de Asorey que furou nunha noite sete silveiras. A regueifa política, como a das festas, require un arte, unha medida, unha rima. E cando se dá entre socios de Goberno, a regueifa tería de ser coroada polos brindeiros.

Velaí unha figura extraordinaria da cultura popular. O brindeiro. Home ou muller, a persoa que tiña o don de brindar, de pronunciar o brinde ou o brindo. A do brindeiro era a voz laica, o loureiro poético, que puña o broche a unha celebración. Era un mester sutil, refinado. Porque é máis doado desfacer unha festa a paus que saber celebrala até o final con leixaprén e todo. Cóntanme que só queda en Galicia un brindeiro, que é o señor Riveira de Louzarela. O derradeiro brindeiro do Courel! Morreu Calviño de Tallo, o noso Camões da regueifa, mais regueifeiros aínda os hai e bos, como os Novos de Bergantiños (Suso e Antonio) ou a escola de Pinto d'Herbón e Lois Caruncho. O que non hai é brindeiros. Outro honorábel mester en extinción.

Un país competente ten necesidade de bos regueifeiros. Na festa ou na política. Mais un país precisa tamén escoitar algún brindo. Os voceiros parlamentarios do bipartito danlle ben á regueifa, sobre todo cando regueifan entre eles. No que andan inexpertos é no brindar. O partido menos grande ten a síndrome da aperta do Oso. E o máis grande a síndrome da Toupeira na Casa. Natural. O oso e mais a toupeira. Mais a xente non quere unha coalición de síndromes, senón de xente que saiba botar un brinde na voda.

O enlace galego na Xunta dura xa tres anos, que non está mal para os tempos que van. E ten ese soporte popular natural, amplo, do contentamento descontente. Por mor das síndromes, a contorna intelectual deste Goberno non elaborou unha teoría das virtudes da coalición progresista en Galicia. Os conselleiros e os asesores, e non sei se os choferes, miran de esguello cara á Presidencia ou Vicepresidencia para ver se toca ser regueifeiro ou brindeiro. Farían ben en ler a Crítica da razón galega, de Marcial Gondar Portasany, e en especial o capítulo O porqué dos opostos no que se cuestiona a lóxica do si ou non vixente nos discursos convencionais mundo adiante.

Nos gobernos baseados no acordo os electores non só valoran a forza de cada un dos factores senón quen máis fai por sumar e non por engrolar. En Galicia sempre se valorou moito a unión, o que pasa é que despois cada quen montaba a súa unión. Eu coido que se dan circunstancias para que se manteña este estado de Contentamento Descontente e mesmo que mellore en Contentamento e en Descontente. Agás que trunfe o berro atávico: "Festas aquelas nas morreu meu pai!".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_