_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A cultura en suspenso

A demora nos cambios na Xunta paraliza os pagos ás artes escénicas

Os últimos datos fornecidos polo Observatorio da Cultura Galega deitan a cifra de 23.300 empregados no sector cultural. 3.565 empresas fan o 1,7% do total do país. Os números do organismo, participado polo Consello da Cultura e o Instituto Galego de Estatística, certifican o teatro e o libro coma os apartados "con evolución máis positiva". Nesta xeografía deberá desenvolverse a nova Consellaría de Cultura, que o pasado martes amosou no Parlamento unha aproximación á súa acción durante a lexislatura. Roberto Varela cargou a súa intervención no turismo e no aproveitamento económico a curto prazo no Xacobeo 2010. Apenas mencionou o futuro da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o ente que, dende 2008, centraliza orzamentariamente os subsidios ás artes escénicas, nin o Plan Galego de Artes Escénicas, consensuado cos axentes do campo teatral polo bipartito.

Cultura atendeu á reclamación dos editores e asume o Plan Galego do Libro

Aos traballadores da cultura percórreos, a un tempo, o escepticismo e a preocupación perante o novo tempo político. Para Celso Parada, que até este mércores presidía a asociación Escena Galega, "todo o sector se atopa paralizado dunha maneira inexplicábel". Refírese ao teatro, pendente de cobros do Agadic "dende hai meses". "Se non se soluciona antes de agosto", expón o actor, susbtituído por Ernesto Chao , "vai ser un fiasco". O primeiro e, de momento, último director da axencia das industrias culturais, Miguel Martín, cesou en maio. "Viñamos de aprobar o primeiro convenio para os actores", di Parada, "e agora párase todo". O promotor da compañía Teatro do Morcego, unha das 30 que se integran en Escena Galega, advirte de que "o día a día das empresas está chegando ao límite".

Á fronte do Centro Dramático Galego (CDG), inscrito tamén no Agadic, continúa Cristina Domínguez. "Se cadra non estamos moi habituados aos cambios de Goberno", ironiza, "e a situación, quizais, é normal". Pero Domínguez, ligada á compañía pública por un contrato de alta dirección, engade: "O que non resulta tan normal é a paralización técnica da Xunta; a Administración debera ter máis profesionalidade".

O estado de contas do CDG non reviste gravidade, malia a recibir o seu financiamento do Agadic. "Temos facturas e impagos", admite Domínguez, "pero previsíbeis". Outro dano colateral, explica, reside na ruptura dos tempos. "Acadáramos unha certa periodización da tempada, as subvencións nun mes, a Feira de Teatro... e agora párase todo". Tampouco os actores, a dicir de Celso Parada o estamento máis perxudicado -cinco actores viven de cada compañía-, escapan dos problemas derivados do stand-by. Aínda que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia se reuniu co conselleiro de Cultura o pasado 26 de maio, na súa vindeira asemblea (convocada o día 21 deste mes) decidirán "as medidas de presión que fagan posíbel desbloquear os temas pendentes".

Se a vitoria electoral do Partido Popular o 1 de marzo orixinou a paralización das axudas cinematográficas da CRTVG -a directiva saínte non quería aprobar a partida sen o consentimento do PP no consello da corporación pública-, as axudas dependentes de Agadic corren idéntica sorte. O reparto das competencias en materia audiovisual non está pechado e, amais de Cultura mediante a Axencia Audiovisual Galega, concorren a Secretaría Xeral de Comunicación e un departamento de Industria. "Que vai pasar co Consorcio?", engade Xosé Manuel Olveira, Pico, o actor que vén de suceder a María Bouzas na presidencia da Academia Galega do Audivisual.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

"Estamos preocupados", explica. O popular Pico súmase á perplexidade sobre o "parón". "Non ten sentido", apón, "porque, ademais, o sector estáo notando, hai producións detidas e proxectos presentados que se quedaron aí". A Academia defende a unificación de competencias sobre cinema, "sería máis operativo", mais a través dun "estudio xurídico independente" que ratifique as súas teses. O presidente da Academia, con todo, amosa prudencia: "A nosa actitude é de certa expectación".

No ámbito musical, Ugia Pedreira, cantante en Marful ou Eclectica Ensemble e directora do Centro Galego de Música Popular, reclama que "a música sexa tratada como unha profesión, como a industria, comercio e turismo que é". Nesa dirección traballan na Asociación Galega de Empresas Musicais, que representa ao "90% do sector, máis ou menos 4.000 empregados" de promotoras musicais e salas de concertos. Joaquín Martínez Silva encabézaa e fala da "necesidade de regular e dignificar o sector". Non quere ouvir das dependencias xacobeas e si de excedelas: "Non pode ser que haxa un Xacobeo e que remate e que logo non haxa nada". "Pretendemos que as nosas empresas non dependan tanto da Administración", márcase como obxectivo. Á nova Xunta ofrécelle "experiencia, colaboración total e sentar [xa solicitaron entrevista]" a ver se poden "ir todos da man".

Entre as poucas liñas claras, polo momento, trazadas por Roberto Varela aparece a continuidade do Plan Galego do Libro da consellaría anterior. "Esa foi a proposta fundamental que lle fixemos ao conselleiro na xuntanza", lembra o presidente dos editores, Alfonso García Sanmartín. A AGE prepara agora un documento coas prioridades no desenvolvemento do texto lexislativo: o libro como sector estratéxico, o impulso da lectura ou a internacionalización. Xusto cando Varela lle prometía todo aos fabricantes de libros, a Deputación de Pontevedra, en mans do PP, rescindía unilateralmente o convenio que mantiña cos editores dende 1989 e que dotaba de libro galego a súa rede de bibliotecas.

As débedas do bipartito

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Francisco López Barxas, lembra que ao aterrar na consellaría había encol da mesa "un comunicado de Afectados polo Impago das Axudas ao Audiovisual". Segundo Barxas, no Agadic non fixeran "pagos da totalidade das axudas concedidas en 2008 e que debían reebolsarse antes de xaneiro deste ano". "Xa efectuamos pagamentos polo 25% do total da débeda contraída, que ascendía a máis dun billón de euros", asegura. A promoción da materia audiovisual, afirma, seguirá adscrita ao departamento de Cultura. En respostas remitidas por correo electrónico, o director xeral non menciona a problemática expecífica do teatro.

O mantra da austeridade, dominante no novo Goberno, plana tamén sobre a Consellaría de Cultura. Malia a insistencia de Roberto Varela na "internacionalización" -análoga á da súa antecesora, Ánxela Bugallo-, López Barxas fala de "valorar a viabilidade e os custos engadidos de ser convidados en lugares como Guadalajara". Fai referencia á posibilidade de que a Feira Internacional do Libro de Guadalajara, a máis importante do ámbito hispano, convirta a Galicia no país convidado na edición de 2011. O bipartito iniciara as xestións no 2008. "Todo aquilo que leve implícito o aumento de lectores é do noso agrado", engade, no entanto.

O programa para levar a cultura ao exterior segue pendente de concreción. Pero o número dous da consellaría avanza as liñas xa expostas por Roberto Varela en declarcións e no Parlamento: "Desenvolveremos un dobre fluxo de programas de visistantes, personalidades estranxeiras en Galicia e dos nosos representantes no exterior".

Na súa comparecencia do martes, Varela revelou que a que ía ser a Biblioteca Nacional de Galicia -o mesmo adxectivo utilizado pola de Cataluña- perde o epíteto Nacional. Tamén os Premios Nacionais, outorgados o ano pasado por vez primeira, non convocados para esta tempada e instaurados por decreto, "non están, loxicamente, consolidados, apenas botaron a andar". "Temos polo tanto que reconsiderar a súa permanencia", expón, "e que non compitan uns premios cos outros".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_