_
_
_
_
_
Entrevista:ARTURO LEYTE | Filósofo | Luces

"A democracia é absolutamente nihilista"

Estudoso do idealismo alemán -é investigador da Comisión Schelling da Academia de Ciencias de Baviera-, da hermenéutica e da estética, Leyte publicou Ensaios sobre Heidegger, Heidegger ou o máis actual El arte, el terror y la muerte, con versión inglesa en camiño. O filósofo vigués refresca o fascinio do pensador que equiparou dominación e ideoloxía. A secularización da súa obra, alimento de lecturas contrapostas que chegan ata o marxismo e a psicanálise, foi abrollando malia as chanzas de Adorno e os desencontros coa filosofía analítica. Sobre a posibilidade de editar en galego textos breves e decisivos do pensamento contemporáneo (de Husserl a Derrida), que el mesmo propuxo a Xerais hai tres anos, Leyte é "pesimista".

"Só interesa a educación como industria, rendible e organizada"
"Identificándose coa democracia, o pensamento liberal escusa a reflexión"
"Desgraciadamente, cousas como que 'a poesía salva' tamén están en Heidegger"

Pregunta. Por que tantas dificultades?

Resposta. Por falta potencial de lectores e pola dificultade de atopar xente que poida coñecer ben ao autor e traducilo directamente desde o orixinal. Rafael Martínez Castro, que traduciu o Tractatus, si respondía a esas esixencias, pero a miña percepción é pesimista no que se refire a atopar xente entre os investigadores e os estudantes de Filosofía galegos. Dous sinais dunha mesma dificultade...

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

P. As reivindicacións de Filosofía "non teñen cabida no currículo", segundo explicou a conselleira de Educación.

R. Incluso o mellor do pensamento contemporáneo se considera de pasada, ou inaccesible. Iso, unido ao feito de empezar a verse como unha alfaia do pasado... Maniféstase na redución dos planos de estudo de bacharelato e nunha nova concepción do saber no que as humanidades nun sentido clásico, historia, filosofía, literatura, tenden a desaparecer. A parte deses estudios menos cinguibles a unha metodoloxía científica, os potencialmente máis críticos, quedan como adubío. Agora hai ciencias humanas e ciencias da natureza.

P. Que é o que interesa?

R. A educación como industria; como tal, rendible e altamente organizada. Se algún tipo de ensino se sae desas pautas, torna potencialmente perigoso, ademais de difícil de avaliar, que é a obsesión da psicopedagoxía. Como se pode avaliar a capacidade de ver un cadro ou de comprender un texto filosófico ou literario? Por aí van as cousas. Non se admite o suspenso, o fracaso [cita A tentación da inocencia, de Pascal Bruckner], porque, dalgunha maneira, tamén hai un engano previo da psicopedagoxía: que, realmente, tecnolóxica e metodoloxicamente, todo se pode ensinar. Que ese modelo de enxeñería fracase, malia todo, debería obrigar a buscar claves de explicación anteriores.

P. En que medida a tese do olvido do ser fronte á "apoteose" da técnica explica hoxe a vixencia de Heidegger?

R. A sociedade actual é estruturalmente científica, pero a paralaxe entre progreso técnico e humano, entre saber instrumental e crítico, produce un aborto de saber. Heidegger viu algo moi claro nunha percepción tráxica do saber en sentido científico: que non pode resolver os problemas da existencia humana. E se realmente considerase que o pode todo, conduciríanos a unha ditadura. O elemento irreducible non é algo máxico, é o que non se deixa reducir á organización. E iso chámase existencia. A tecnoloxización da existencia en todas as súas dimensións é o que forma parte da catástrofe posible.

P. Na súa versión posmoderna non favoreceu linguaxes demasiado estetizantes, por exemplo no ámbito da identidade?

R. Heidegger sería o voceiro da diferenza, da imposibilidade de recoñecer unha identidade como principio e, en consecuencia, de ter que partir en todo momento da diversidade, á que dificilmente se lle pode atopar conceptualización. Iso, é certo, pode interpretarse como unha patente de corso que lexitima calquera xustificación estética. Que a poesía nos pode salvar, que a arte é un lugar privilexiado para a manifestación da verdade... Asuntos parecidos, desgraciadamente, atópanse en Heidegger e dan pé a intérpretes mistificadores que, de todos os xeitos, máis parecen membros dunha secta que honestos lectores.

P. No mundo anglosaxón aínda hai quen cadra a súa xustificación metafísica do nazismo cun programa filosófico orientado a negar a "esencia humana".

R. Para Heidegger o humanismo é a concepción científica da vida. Fronte a ela, reclama outra existencial, en absoluto a negación do home. A súa crítica é durísima, pero recóllena desde Foucault a Sloterdijk. A miña posición aquí é moi clara. Por suposto, desde unha convicción fondamente democrática, pero non santulleira, porque é esa beatería a que remite á industrialización da educación... Sobre o potencial da democracia e os perigos que a axexan, apréndese moito máis dos antidemócratas que dos beatos da democracia. Só desde aí se comprende que a partir de Heidegger ou de Schmitt, representantes da antidemocracia, se poida entender mellor ca en ningures que é a democracia e os seus límites.

P. Humanísticos, ao cabo.

R. Claro. A democracia como organización política dominante é absolutamente nihilista, ao non recoñecer ningunha norma previa que non sexa produto do propio diálogo democrático... Aí segue o dilema: cómo estar seguros de que a lei emana da sociedade e non é un produto da súa tecnoloxización, ou do seu secuestro por un valor agochado? É moi difícil ser demócrata sen recoñecer unha sorte de valores, cando a democracia, xenuinamente, non presupón ningún... Na antipolítica de Heidegger pódese albiscar algo decisivo sobre a vida política actual: non se pode identificar infantilmente a política cunha nova relixión salvadora. Á vista está. Non asumimos o descarnada e nihilista que é a democracia, pero precisamente aí reside a súa potencia.

P. En Por que Heidegger fixo o correcto en 1933, aínda que na dirección contraria, Zizek fala de volver sobre eses límites para recuperar un pensamento forte.

R. Por aí orientaba a cuestión: é como se o pensamento liberal, que se identifica sobreentendidamente coa democracia, se puidese escusar así dunha reflexión... Zizek pensa que é necesario reformular os fundamentos máis duros da Ilustración. Quen admite que non hai principios, sexan espirituais ou culturais, aos que agarrarse para fundamentar algo? En certo modo, o que a tradición chamou espírito e desterrou como reliquia, veu ser suplantado pola cultura, que parece que ten un valor de seu e que serve de raíz para, por exemplo, fundamentar unha política... Desde a perspectiva dun pensamento forte, isto é simplemente premoderno. Insisto: o problema inhibidor segue sendo a concepción relixiosa da democracia, no sentido de que dela pode proceder unha salvación [menciona ao "Obama salvador"]. Ilustradamente, ou ben non se pode falar de salvación ou, de haber algo así, só pode vir do exercicio humano. Pero é que aínda hai medo á Ilustración.

P. Falamos do rescate político do capitalismo.

R. Si, unha política de rescate antidemocrática. Pero do que falamos é do destino da sociedade.

P. Felipe Martínez Marzoa xubilouse en Barcelona...

R. Si, cando a súa presenza nunha facultade de Filosofía galega tería modificado o futuro da universidade e da sociedade mesma... Unha perda decisiva, pero así se escribe tamén a historia das institucións.

Arturo Leyte, no seu domicilio de Couso, en Gondomar.
Arturo Leyte, no seu domicilio de Couso, en Gondomar.LALO R. VILLAR

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_