_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A derrota de Sinbad

Oito linguas, ademais dos seus dous idiomas de creación, acollen ao autor de 'Merlín e familia' - "É un escritor bilingüe que xoga na fronteira cunha conciencia clarísima", expón Rexina Vega

O incrédulo de Sari fregaría unha e outra vez os ollos se soubese o que se conta das navegacións e os naufraxios do vello Sinbad. Coas traducións de Cunqueiro cómpre ser tan cauteloso como coas lendas sobre as illas Cotovías. Postas unha a carón da outra, as edicións en linguas estranxeiras locen tan luminosas como as sete laranxas do mariño na alborada, pero polo miúdo aparentan outra cousa. Con todo, aí están: no apartado de monografías, a Biblioteca da Tradución Galega (Bitraga) testemuña 35 distintas. O creador do incerto señor Hamlet pódese ler en castelán, asturiano, catalán, éuscaro, francés, inglés, alemán, italiano e árabe, da súa man ou levado por outras.

O máis traducido dos seus textos é Xente de aquí e acolá (1971). Basilio Losada, Sheila Ingrisano e Rosendo Ferrán puxérono en castelán, inglés e francés para unha singular colección de Iberia a finais dos oitenta. O propio Cunqueiro levouno ao castelán -La otra gente (1975)- e Mikel Iriarte e Concha Prieto ao éuscaro e o asturiano. Máis para acó publicáronse aínda outras dúas edicións en francés e inglés: Galiciens, corbeaux et parapluies (Actes du Sud, 1992), tradución do castelán por François Maspero, e Folks from Here and There (Small Stations-Xunta, 2011), directamente dende o galego da man de Kathleen March, tradutora tamén de Otero Pedrayo e Rosalía.

Ao asturiano, por exemplo, vertéronse un total de seis 'cunqueiros'
'Xente de aquí e acolá' é o máis traducido dos seus textos
Cunqueiro tamén traduciu abondo, sobre todo a poetas, de moitas linguas
Outras versións corresponden a poetas que nunca existiron
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Outras cinco linguas coñecen versións d'As crónicas do sochantre (1956). A desaparecida Elke Wehr, tradutora tamén de Merlín e familia (1955) e de escritores como Manuel Rivas, Cortázar ou Roberto Arlt, entre outros, partiu da autotradución do autor ao castelán para a edición alemá de 1996, o mesmo que Claude Bleton na versión francesa de Actes du Sud (1992). Giovanni Allegra encargouse do italiano (1983) e Milio Rodríguez Cueto do asturiano, lingua á que se verteron en total seis cunqueiros. Fóra de española e a galega, ningunha outra literatura chegou tan lonxe.

Para Awda al-Sinbad al-'aguz ila al-guzur (2006), a edición árabe que publicou unha editorial de Rabat coa colaboración do Instituto Cervantes e a Xunta, Larbi El Harti non partiu tampouco do libro que publicara Galaxia en 1961, senón do que tirara Argos ao ano seguinte en Barcelona. Cuando el viejo Sinbad vuelva a las islas tamén o asinaba Cunqueiro. "Algúns tenden a pensar que a versión castelá, por ser posterior, é a definitiva", advirte a escritora Rexina Vega, quen lle dedicou ao asunto a súa tese de doutoramento, "En realidade, son dúas variantes dun único texto ideal".

Ao refutar o mito do fabulador intuitivo e trapalleiro, Rexina Vega constrúe "un escritor bilingüe que xoga na fronteira cunha conciencia clarísima". Cunqueiro, argumenta, non escribe en castelán, senón nunha interlingua. "Padece a neurose do tradutor, pero de maneira extrema. Na súa vontade de ser asumido por un sistema que non é o seu, emprega unha lingua pirotécnica. Trata de ser máis nativo que o nativo. E do outro lado, na sintaxe e no léxico nótaselle tamén unha tendencia a conservar a estranxeiría. Nese diálogo entre dous sistemas lingüísticos hai achados expresivos".

A autora de Cardume, novela que ela mesma verteu ao castelán, cre que a autotradución está en exceso "criminalizada" en Galicia. "Se coñecemos os dous códigos, o natural é que autotraduzamos as nosas obras. É o máis natural, somos duplos. O outro é unha convención política. E a Cunqueiro, que é un macrotexto, esta segmentación non lle fai ningún ben. O mellor que escribiu é a súa última novela, El año del cometa. Aí está todo, pero queda en terra de ninguén. A nós resúltanos moi díficil de asumir porque está en castelán, e en España non o van reivindicar nunca".

Fóra dos seus propios libros e desa práctica "delicada" que acusa problemas de adscrición, Cunqueiro tamén traduciu abondo. Sobre todo, poesía. Recordábano hai pouco Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger no limiar de Poesía 1933-1981 (Galaxia). Tanto na revista Nós, onde anosara a Hölderlin, como nas publicacións nas que colaborou na posguerra, como La Noche, Galicia Emigrante ou os suplementos literarios de Faro de Vigo, o escritor trouxo para o galego textos de Joan Teixidor, Anna Akhmatova, William Blake, Emily Dickinson, Boudelaire, Kavafis, Leonard Cohen, anónimos xaponeses do século VII ou poetas beat norteamericanos.

Os poemas que traduciu e publicou no caderno semanal Letras da cabeceira viguesa ocultounos baixo unha vintena de pseudónimos. Os máis frecuentes, din Costas e Castro Buerger, foron Álvaro Labrada e Manuel María Seoane, tamén nas súas siglas. Nomes cos que tamén asinaba as versións que os dous investigadores engloban agora na súa Poesía apócrifa. Versos de escritores que nunca existiron ou dos que non se atopou pegada até agora, como os falsos poetas suecos Erik Triggvason e Frank Sigmundson, a danesa Argret Svaden ou os italianísimos Enzio Buoncompagni e Giorgi Cantalupo. Alófonos fantásticos, outras Cotovías.

70 anos de vida e letras

- 1911: Nace en Mondoñedo. "O meu pai era un bo botánico e un bo zoólogo, sobre todo un gran botánico. Pronto empecei a distinguir toda esa tribo mundial que dicía Otero Pedrayo: o choupo, o amieiro, o salgueiro... Sabíao todo". (Carlos Casares, Leria con Cunqueiro)

- 1921-1927: Estudante no Instituto de Lugo. Coñece a Ánxel Fole e, por Pimentel, accede á biblioteca de Correa Calderón. Le centos de libros das materias máis dispares. "Aos quince anos eu era republicán, ateo galeguista" (X. F. Armesto: Cunqueiro, unha biografía).

- 1927-31: Vive na rúa da Ensinanza, en Santiago de Compostela, onde estuda Filosofía y Letras. Nunha libraría de Coímbra dá cun libro sobre demos e bruxas. "Inventeime un autor, datas, datos e un mar de cousas máis. E os críticos saudaron alborozados o nacemento dun novo investigador".

- 1931-36: Tras a proclamación da Segunda República e a fundación do Partido Galeguista, do que se fai membro, Fole invítao a participar nun mitin en Ribadeo. Coñece e frecuenta ao editor Ánxel Casal. Chega a el por Pimentel, que lle ensina o primeiro exemplar de Nós que le. En 1932 publica Mar ao norde (Santiago, Editorial Nós). En 1933, Poemas do si e non. O mesmo ano, en Resol, Cantiga nova que se chama riveira.

- 1936-1947 : Asasinados Díaz Baliño, Bóveda ou Casal, escribe ao amigo Armesto o 24 de xullo: "Ben en serio ¡probe Hespaña! ¡E probes de nós tamén!" (extractado de Álvaro Cunqueiro criticó inicialmente el alzamiento militar, publicado en La Voz de Galicia por Carlos Fernández). Vive entre Ortigueira, Vigo, Donosti e Madrid, onde se incorpora á redacción de ABC o 29 de marzo de 1939. En 1940 publica Elegías y canciones (Azor, Barcelona) e casa, en Mondoñedo, con Elvira González-Seco. Un ano despois nace o seu fillo César Cunqueiro. No centenario da morte de Hölderlin, en 1943, dase de baixa na Falange y de las JONS. Un ano despois nace o seu fillo Álvaro e o pai é suspendido como xornalista. En 1945 comeza a publicar na revista Catolicismo.

- 1947-60: De volta en Mondoñedo. En 1955 publica, por decisiva intervención de Del Riego, Merlín e Familia. En catro anos, sempre en Galaxia, saen As crónicas do Sochantre, O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca e Escola de menciñeiros e fábula de varia xente.

- 1961-1965: Establécese en Vigo e ingresa na Real Academia Galega. É nomeado director de Faro de Vigo. "O meu propósito máximo era galeguiza-lo periódico, cousa nada doada naquel momento".

- 1969: Publica La cocina cristiana de Occidente e gaña o XXV Premio Nadal de novela con Un hombre que se parecía a Orestes.

- 1971-1979: Publica, entroutros, Xente de aquí e acolá, Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca e Os outros feirantes.

- 1981: Tras apoiar o referendo polo Estatuto e a Realidade Galega de Ramón Piñeiro, morre en Vigo e danlle enterro, o 1 de marzo, en Mondoñedo. Galaxia publica o t primeiro volume das súas obras completas. Un hombre que se parecía a Orestes, sae nunha editorial checa.- Ó. I.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_