_
_
_
_
_
EPISODIOS GALEGOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O enterro da Galicia emocional

Manuel Rivas

Na fin da súa viaxe a América, en Bos Aires, e en solemne mensaxe de clausura no congreso dos centros da emigración no continente, o presidente instou aos participantes a emprender unha tarefa histórica: "Hai que repensar a galeguidade". E deixou aberto o camiño desta revisión estabelecendo unha diferenza fundamental entre o que chamou "galeguismo útil" e "galeguismo sentimental". Nese gran discurso, nesa inflexión epistemolóxica, nesa revolución paradigmática, nese xiro copernicano, nese salto de cabalo, nesa peza bárbara, o presidente decretou o enterro da morriña e de todo o lastre da Galicia emocional. Contan as crónicas que nos refrixerios desta viaxe non había gaitas nin empanada. E contan tamén que no fondo musical a peza que marcou o ton desta xeira moderna e pragmática do presidente Feijóo en Bos Aires foi a célebre copla dos mestres Quintero-León-Quiroga, na voz de Isabel Pantoja: Ay, pena, penita, pena, pena / pena de mi corazón / que me corre por las venas, pena/ con la fuerza de un ciclón.

A esta dereita garbosa non lle chegaba coa guerra da lingua e agora quere enterrar a morriña

Dicía Roland Barthes que a verdadeira arte percorre un camiño indirecto cara á verdade. Esa é tamén a estratexia da Galicia sentimental. A copla será andaluza, mais o ciclón non hai quen nolo quite. É inequivocamente galego. Eu non sei o que figura nos xenes, mais eu ter teño na célula tronco o ciclón dos Azores. Sinto como me corre polas veas antes de tocar terra, como un vedoiro sente no pulso a auga dun manancial oculto.

Ben me lembro na taberna de Leonor, en Castro, todos a mirar o primeiro televisor. O que queriamos era ver Os Intocábeis de Eliot Ness por aquilo do "galeguismo útil", pero, cacho na anatomía da melancolía!, o que alí aparecía antes que nada era o Home do Tempo, o petiso aquel, Mariano Medina, cunha vara na man. Facía tranquilamente o prognóstico para toda España, mais había un intre en que nos miraba en fite, xusto a nós, os de Castro, convocados por Eliot Ness na taberna de Leonor, e aquel home manso sacaba un ton intimidatorio e dirixía o bico do brelo da vara xusto enriba dos tellados das nosas casas, para engadir ameazante: "Y por Galicia entrará, una vez más, el fatídico ciclón procedente de las Azores". E nós, coa dirección musical de Carlos o de Hilario, cantabamos a coro: Que me corre por las venas, pena/ con la fuerza de un ciclón.

Así que a esta dereita garbosa non lle chegaba coa guerra lingüística e agora quere enterrar a morriña, a pena e mais o ciclón. Coa lingua xa quixeron facer unha boa labarada, mais as palabras aínda están verdes, aínda non secaron, e non lles arden ben. Agora disque veñen cun decreto do ensino que é un bidón de gasolina. Alá eles. O que é unha guerra inútil é esta do "galeguismo útil" contra o "galeguismo sentimental". No tempo da intelixencia emocional, da economía emocional, vén Feijóo cun hardware sen software. Un "galeguismo útil" que enterre o "galeguismo emocional". Mi madriña! Coido que con tanta axuda á natalidade de automóbiles entroulles a idea de que os galegos hai que fabricalos en Citroën. O día que dean tanta axuda para ter unha crianza como para ter un coche, acabouse o problema demográfico. Vaise inzar Galicia de nenos Berlingo e nenas Xsara. E aínda haberá algún que se chame Audi!

O caso é que en Bos Aires, na capital emocional de Galicia, non había gaitas. E non había empanada. Os gardas de seguridade impediran a entrada das irmáns Morriña, Saudade, Muiñeira, Pandeirada, María da Empanada e mesmo de Guadalupe, A Rianxeira, esta última por ir descalza. A nova dereita iconoclasta vai acabar por censurar o Adeus a Mariquiña e a foto da despedida de emigrante de Manuel Ferrol. O que eu non entendo é que censuren a empanada. A empanada é a perfecta síntese de galeguismo útil e galeguismo sentimental. Daniel Goleman publicou en 1995 un libro decisivo. O titulado Intelixencia Emocional: ¿Por qué pode importar máis que o concepto de cociente intelectual?. As teses de Goleman convulsionaron todos os eidos da investigación sobre o comportamento humano. Tamén na economía. En 2002, David Kahneman, catedrático de Princeton, recibiu o Nobel por afondar na economía emocional ou neuroeconomía. Pois ben, a empanada é un logro da intelixencia emocional (IE) e o cociente intelectual (CI). Mesmo está aí na forma de neocórtex que ten, envolvendo a prebe e a sustancia límbica de xoubas ou bacallau ou zorza que aporta a memoria emocional. Así, o consumo da empanada é un acto sentipensante. A empanada non se come: remóese. É a un tempo unha emoción e un concepto. E sobre todo é un froito útil de neuroeconomía galega.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

"Hai que repensar a galeguidade!", espetou o presidente Feijóo aos emigrantes. Como quen di: "Iso de ser galego, hai que pensalo dúas veces."

Comprendo o estupor dos asistentes. Á maioría deles chegoulles con pensalo unha vez. E agora vén un que é presidente, que é estudado, que o elixiron para gobernar Galicia, que cobra por iso, que debía ter un rumbo, un programa, unha idea clara e aberta do país, e dilles que hai que repensalo. E ademais, sen empanada e sen gaitas. Isto non é un discurso. É unha penitencia. Polo menos dera algún consello de galeguismo útil ao xeito daquel cómico americano que imitaba a Gerald Ford: "Teño unha mensaxe moi importante para a nación: cando se duchen, metan a cortina por dentro da bañeira". A xente marchou a América (ou foi expulsada) á procura de benestar a liberdade que aquí non tiña. Fixeron por Galicia moito máis do que nunca se lles poderá devolver. Crearon xornais, o primeiro sistema escolar digno de tal nome. Financiaron obras públicas. Enviaron remesas e divisas que permitiron a reconstrución económica de España despois da desfeita da guerra e o disparate franquista da autarquía, e ese diñeiro emigrante aínda deu para o enriquecemento de bancas privadas e o levedar das caixas de aforros.

Last but not least. Por se todo isto fose pouco útil, sostiveron unha cultura que aquí tentou ser queimada de raíz. Conservaron a nosa mellor arte contemporánea (Luís Seoane, Laxeiro, Arturo Souto...). Alí, no Centro Galicia, está o noso Gernika: A última lección do mestre, de Castelao. Na Federación de Sociedades Galegas está o mellor arquivo do exilio. Editaron verdadeiras arcas da cultura como Historia de Galicia, en tres tomos, que pagaron do seu peto empresarios galego-porteños. Sostiveron institucións como o Consello de Galicia e participaron no Goberno republicano, esa continuidade que permitiu que se falase dun Estado das Autonomías e que Galicia tivese a condición de nacionalidade histórica, iso que fai posíbel que haxa un Goberno, e con tanta xenerosidade que hoxe o rexen os capadores da autonomía. Os nosos americanos foron útiles porque sentiron. E o feito de que sentiran os fixo útiles.

Non haberá un galeguismo útil se se enterra o galeguismo emocional. Agora todo é falar do Camiño de Santiago. Élles útil. Mais ese camiño non existiría nunca de non ser antes trazado polo sentimento. Que veña Daniel Goleman ao Xacobeo e lles explique que non val un peso o cociente intelectual sen a intelixencia emocional. Marchando unha de empanada!

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_