_
_
_
_
_
Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

A estrela e os galácticos

A recente concesión dos Premios da Cultura, coa comentada renuncia de Agustín Fernández Paz a aceptar o recoñecemento, en paralelo coa non menos comentada aceptación por parte da Editorial Galaxia alegando o carácter institucional da convocatoria, ponnos fronte a un debate de maior calado que o do simple xogo de opinións ou as tensións domésticas do sistema literario.

As posturas de Agustín Fernández Paz e da histórica editorial son tan contrapostas que por forza habemos de pensar que un acerta e outro erra. Haberá quen diga, hóuboo, que non existe tal contraposición, que a reacción dispar non vai máis alá dunha banal cuestión de matiz estratéxico. Era boa! Que máis se precisa para certificar a fenda no mundo da cultura? Comunicados agresivos? Promoción de boicots? Aldraxes públicas?

Agradecemos a Fernánez Paz, máis grande que nunca, que nos retratase a todos, sen focos

Agustín sitúanos ante a incomodidade de ter que optar. A un concédenlle un premio ou non llo conceden. E un vai recollelo ou declina facelo. E declina en silencio ou expresa un motivo. E acepta saír na foto ou non. As puntualizacións de que "xa se sabe o que pensamos e que na Xunta hoxe están estes e mañá estarán outros" valen tanto coma sorrir na foto do acto a carón de Feijóo ou poñer cara seria.

Hai ano e medio que, fronte á política do PP, os partidos, os sindicatos, as asociacións, os medios, as universidades, a Real Academia Galega (RAG), os creadores, os pensadores ou as industrias culturais teñen que retratarse. Folga un novo repaso da colección de ataques directos e deliberados aos fundamentos da nosa cultura por parte do Goberno. Argumentar que as relacións deben manterse polo seu carácter institucional lévanos a preguntar: onde está o límite? Ou mellor aínda: existe ese límite? Se vale todo, a colaboración enténdese. Se o límite existe... onde o situarían os que aceptan esa colaboración?

No paradoxo de Zenón a frecha disparada non se movía porque sempre ocupaba un lugar concreto no espazo, pero poucos nos situariamos na súa traxectoria confiando nunha argumentación física que prescinde do concepto de límite. Galaxia dinos que non hai problema, que a frecha nunca nos alcanzará. Debe a Xunta tirar cócteles molotov contra as editoriais para que digamos "basta"? Debe expulsar ao profesorado galegofalante das escolas? Estaría ben saber ata onde se supón que debemos aturar?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Un pensaba que ese límite debería ser distinto para a Fundación Barrié de la Maza e para Galaxia. O límite da Barrié xa o imaxinamos. O de Galaxia, se non nolo explican, déixanos coa dúbida. Non se pode equiparar a Barrié con Galaxia pero, se esta acepta o premio e Agustín non, algo máis haberá en común entre as dúas primeiras que entre calquera delas e o escritor.

De entrada, Agustín Fernández Paz xógase co seu xesto a súa presenza pública, móllase diante do seu público e das mesmas institucións que Galaxia invoca para dicir que non se molla moito, que iso seca axiña. Agustín xógase a dignidade e parte da súa carreira literaria. Xógase a vida.

Galaxia tamén se xoga a existencia, noutro sentido. Porque a Fundación Galaxia é a todos os efectos unha empresa e a viabilidade económica dunha empresa é o que podemos chamar a súa vida. Dirase que se a Galaxia lle fosen mal as contas, o mal sufriríao o país. Pode. E se a un escravo lle quitan a comida, morre, e a morte é en principio peor que a fame. En principio. O feito é que Fernández Paz toma a súa decisión exercendo as súas conviccións e representando o sentir dunha multitude de creadores. Galaxia toma a súa decisión aparcando as súas conviccións e representándose a si mesma como sociedade anónima: a censura máis efectiva, e ao tempo elegante, non é a que reprime senón a que acada a dependencia dos censurados.

A RAG, da que o presidente de Galaxia é membro, non colaborou na patomima destes Premios-parodia de normalidade. A Asociación de Escritores amosou o seu apoio a Fernández Paz, e non fixo o mesmo coa decisión da editorial. O que as diversas posturas reflicten é que, hoxe máis que hai dous anos, existe unha fenda entre parte dos creadores e parte dos xestores do traballo deses creadores. En termos agrícolas, entre os productores e os intermediarios, e posturas como a aceptación deses premios non contribúen a pechar a fenda. Este distanciamento vén, atrevémonos a dicir, non dunha radicalización dos creadores, abofé que non. Débese máis ben á institucionalización, non como difuminada actitude vital senón de facto, pola vía do financiamento, de parte dos que noutrora viaxabamos no mesmo barco.

Por suposto houbo outros premios. E de momento ninguén máis de entre os galardoados expresou a súa molestia en recibilo, a tempo están. Desde aquí felicitamos a Agustín Fernández Paz, máis grande que nunca, e agradecémoslle que nos retratase a todos, sen focos, nin cámaras, nin excesiva acción.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_