_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A feira das industrias culturais está no aire

A Xunta non compromete fondos este ano para Cultur.gal

Se hai un acontecemento cultural en Galicia que medrou exponencialmente, é o Cultur.gal. Ou foi o Cultur.gal, porque a feira das industrias culturais probablemente non se celebrará este ano en decembro e no Palacio de Congresos da Coruña. A Consellería de Cultura, que asumiu a tarefa na anterior edición, deixou claro este ano que non o fará, e a Asociación Galega de Editores (AGE), os impulsores da mostra, teñen pendente consultar cos outros afectados se facela ou non, cando ou en qué formato. Mentres institucións e promotores non o teñen claro, unha iniciativa cidadá xurdida en Internet a favor da autoorganización da feira achégase ao milleiro de apoios.

Aínda que Cultur.gal09 sería a terceira edición aberta ao público, a iniciativa apareceu hai catro anos nos baixos dun hotel de Santiago, "sen máis relevancia ca unha exposición comercial de cuberterías ou de xoias", admite o presidente de AGE, Alfonso García Sanmartín. Ao ano seguinte derivou nunha carpa ambulante que rotou polas sete cidades galegas, "e ocupaba todo o ano". En 2007, o Concello de Pontevedra ofreceu acubillo, o Culturgal sumou empresas musicais e do audiovisual e convocou 10.000 visitantes no Pazo de Cultura. O pasado ano fíxose cargo a consellería, celebrouse en decembro na Coruña e o público cuadriplicouse: 37.000 persoas e un cento de casetas.

Unha iniciativa cidadá propón organizala á marxe das institucións
A consellería di que non había ningún convenio asinado coa organización

A pasada semana, nunha xuntanza da AGE co Director Xeral de Cultura, Francisco López-Barxas, para tratar o apoio da Administración á presenza galega nas feiras internacionais do libro, os editores sacaron o tema do Cultur.gal. López-Barxas contestou que nos orzamentos da Xunta non había partida. Como moito, poderíase estudar a edición do 2010, segundo a versión de Sanmartín, que coincide coa do propio López-Barxas.

"Non se pode dicir que a consellería retira o seu apoio ao Cultur.gal, porque non estaba asinado ningún convenio, nin atopamos documento algún sobre o asunto, e a estas alturas do ano as partidas están esgotadas. Os editores entendérono así e quedamos en tratar o tema o próximo ano", asegura o director xeral, que tamén salienta que non existe compromiso escrito de fixar a feira na Coruña. "Nós falaramos do tema co conselleiro en maio, nunha reunión sobre fomento do libro. A Roberto Varela pareceulle interesante, pensando sobre todo en levala para a Cidade da Cultura, pero foi só un comentario", lembra o presidente do gremio editorial.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A última información da web de Cultur.gal08 é precisamente o anuncio da entón conselleira, Ánxela Bugallo, de que a feira tería como sede definitiva A Coruña. A concelleira coruñesa de Cultura, a tamén nacionalista María Xosé Bravo, foi das poucas voces en queixarse da non celebración da edición deste ano. "A decisión de fixala na Coruña era atendendo a que había máis poboación e que é a cidade con maior consumo de produtos culturais, pero non é localismo. Queremos que se faga aquí, pero que sexa en calquera outro sitio antes de que non se celebre. Un sector en crise o primeiro que fai é unha feira para incentivar as vendas, e na cultura, van e suprímena", considera. Bravo reuniuse co presidente de AGE para reiterarlle o apoio do concello, 50.000 euros.

Ante os indicios da probable anulación do Cultur.gal xurdiu en Internet unha iniciativa para organizala á marxe das institucións. Difundida en redes sociais, nos tres primeiros días sumou 700 apoios e vén de estrear web (queremoscultura.blogaliza.org). "A cidadanía debe poder decidir, non sempre é necesario o diñeiro institucional", sinala unha das propulsoras, Tati Mancebo, sorprendida do éxito da proposta: "Hai quen se ofrece para carrexar vultos media xornada e quen se compromete a levar o gabinete de prensa".

"Non é unha cuestión de voluntarismo, senón de medios", xulga García Sanmartín, sen deixar de agradecer a proposta. A AGE decidiu onte convocar aos outros sectores para ver qué facer. As opcións van desde renunciar ao Cultur.gal deste ano e aprazala ata 2010, como din en Cultura, a organizala este ano con orzamento reducidos. O que si decidiron en firme foi apostar pola vella idea de constituír unha fundación, "para que a feira non dependa de quen estea nas institucións".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_