_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Por fin 'Sós'

O novo de Mercedes Peón mestura viaxes e retallos antropolóxicos - "Pregúntanme se é doado saír do local cara ao internacional, pero é que eu estou no centro de todo"

É difícil fuxir dos tópicos cando se fala de Mercedes Peón. Porque é, efectivamente, unha das nosas artistas máis internacionais. E conseguiuno mesturando tradición e vangarda. Foi nomeada mellor artista do ano polo magazine Folkworld e top ten nas listas doutra revista británica, Songline, cando na súa web, un tanto semiclandestina, fala dos seus avós e non das súas influenzas. E participou en máis de 300 festivais en 30 países, malia a editar discos cada tres ou catro anos.

Precipitándose xa no manido, a súa voz xunta os rexistros máis íntimos e suxestivos cunha potencia que, como dicían cando a escolleron entre as dez mellores artistas de 1997 a 2007 (con Carlos Núñez e Berrogüetto) da Europa que eles consideran mediterránea, "é capaz de competir coa forza da gaita, e gañarlle". Despois do debú Isué (2000), de Ajrú (2003) e de Sihá (2007), o 22 de novembro sairá a luz un novo álbum, Sós. Antes, o 29 deste mes, seleccionada entre 800 propostas de todo o mundo, actuará na sección oficial do Womex de Copenhague, o certame máis importante de world music. Estes días ocupa o tempo, coa axuda do escultor Suso Basterrechea e do fotógrafo Ovidio Aldegunde, en preparar a escenografía da nova xira. "Tentar crear o ambiente necesario para expresarme totalmente soa, sen atrancos".

"Antepoño a emoción á perfección, e nunca estiven tan emocionada"
"A cultura normalizada é cando te podes realizar con ela en todo"

Sen romper a cabeza, Sós podíase definir como un calidoscopio de sons, pero é algo máis complexo. É como o mar, que baixo a mobilidade das ondas agocha unha estrutura de capas e estratos de auga. "Está baseado en viaxes a São Paulo ou Marrocos, experiencias no festival de teatro Radicals Lliure de Barcelona e sentimentos fondos na miña terra. O fío condutor parte do electroacústico, tratando os sons, a un tempo presentes ao redor dunha obra, formando parte dela con todo o espazo que ocupan. Na cuestión da temática acontece o mesmo. Comezo pola forza e a intuición, continúo co poder, deixo espazo para as palabras dos demais sen dirección, para que a xente se exprese como queira. Desemboca en desaparecer, nacer, emocionarse, anoxarse", defíneo a súa autora.

As experiencias e os ruídos evidéncianse en Sós. Empezando pola polisemia do título, que atinxe á soidade, á petición de socorro en código morse e mesmo ao xeito arxentino e uruguaio de dicir "sodes" e "es", pero en realidade "o título é o son do morse, tres pitidos curtos, tres longos e tres curtos". No primeiro tema, Elas? conta cómo mercou unha pandeira en Rabat e, cando se puxo a tocala, os que escoitaban batían as mans, os pés e bailaban. "Síntome como de aquí. Son galega, son bérber, son árabe marroquí. Son cousa rara, son", di o retrouso. São Paulo está entrefebrado de sons que a compositora ía gravando polas rúas, mesmo un "próxima estaçao... Esperanza" composto a medias pola megafonía do metro paulista e a expresión que dixo unha compañeira para completar o título do álbum de Manu Chao. "Ou o bruar dos helicópteros, omnipresentes en São Paulo".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Hai tamén trazas da súa faceta máis antropolóxica en Falar mellor, que comeza como un batoallo de cancións populares. E, pola contra, pezas instrumentais como Ciumes (baseada na banda sonora da longa de Margarita Ledo Liste, pronunciado Lister), diálogo sinuoso de ventos. No seu conxunto, Sós levoulle dous anos e medio compoñelo e gravalo na súa casa, tocando ela todos os instrumentos. Nacho Muñoz inclúe nalgúns temas os teclados, Fernando Abreu o clarinete, Manuel Cebrián a guitarra e Fernando Martínez o acordeón, pero son instrumentos que tamén toca Peón. Mesturouno José Puga, pero tamén o produciu ela. "Creo a música producindo. Non hai un estudo de gravación nin amigos que boten unha man. Traballo moito en base á edición dos sons e baixo un concepto: antepoñer a emoción á perfección. E nunca tan emocionada estiven".

Nin o novo disco (que sairá nunha caixa metálica serigrafiada, en edición limitada a 5.000 exemplares, cunha distribución internacional) nin as xiras afastan a Mercedes Peón do labor como recompiladora da música popular que comezou a facer aos 13 anos. "Fágoo moito menos do que me gustaría. Hai unha xente urbanita que está a facer un labor incrible, formando parte da fonte, provocando festas (fiadas), e sobre todo disfrutando de algo único que non se vai repetir, do que a xente do noso redor carece... Toda Europa debería de poñerse en pé para non deixar que desaparecera. Esa liberdade coa que se vive en calquera cultura ancestral, iso témolo nós".

Quizá por iso, a intérprete da banda sonora de Mareas vivas ve diferenzas na percepción da súa música. "En Galicia síntome comprendida, agasallada, seguida. Se eu evoluciono, o público segue querendo compartir e emocionarse comigo aínda que non estea sendo doada ou amable, musicalmente falando. Son de aquí e levo o de todos nós na miña creatividade. No resto do mundo transcende o máis fondo, a sorpresa musical. Se xa falamos de festivais, son a persoa apropiada para poñer o público en pe".

Mercedes Peón, amais de intérprete e compositora, é unha empresa. Unha empresa que nunca pide subvencións. "É un tema moi complexo. Cando saquei o primeiro disco pedín un crédito para pagar estudos de gravación, músicos, etcétera. Busquei selo discográfico para venderlle o CD, e formei unha banda á que lle tiña que pagar aínda que a min non me pagaran en tres meses. As viaxes ao estranxeiro teñen que ser rendibles de seu, se hai axudas benvidas sexan, pero o meu traballo non pode depender da subvención. Outra cousa moi distinta é a creación e o rexime fiscal ao que estamos sometidos. Se teño que parar dous anos para crear unha obra, de que vivo?".

Iso non quere dicir que lle aforre ás Administracións o deber da difusión cultural. "Hai que pensar que a cultura é un ben común. Se se peneira a sociedade coa subvención ou se están creando produtos artificiais. Se ao mellor habería que ter comisións con parámetros moi distintos para cada cuestión. A cultura é tan ampla que debería ser pensada máis a longo prazo, e valorar onde hai que incidir para crear espazos autosostibles nun futuro". Na música galega hoxe, di, "existe creatividade, e hai moita máis formación". "Movementos concretos con tendencias semellantes que fan escola e seguidores".

E non está a música máis normalizada ca outras facetas da cultura? "É cuestión de actitude. Nunha entrevista en Madrid, preguntáronme se vía doado saír do local cara o internacional. Respondín que eu estou no centro de todo, non me sinto na periferia. Outra cousa é como pretenden ordenar o mundo. Para que a cultura galega estea normalizada habería que poder realizarse en todos os ámbitos con ela e non é así".

A cantante e instrumentista Mercedes Peón, nos arredores da Praza de Vigo, na Coruña.
A cantante e instrumentista Mercedes Peón, nos arredores da Praza de Vigo, na Coruña.Gabriel Tizón

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_