_
_
_
_
_
Reportaje:XENTE DE AQUÍ | Luces

A lenda de Manoel Antonio Pérez Sánchez

Manoel Antonio. Nin Manuel Pérez nin Antonio Sánchez, un nome leve de autor; como se fose o nome dun rapaz sen familia, sen pais. E algo hai de rapás na figura do Manoel Antonio, o que está de aprendiz. Ninguén quere morrer novo mais os poetas están obrigados a soñar que son raptados novos para o ceo, como os sinalados, como o profeta Elías nun carro ardente.

As circunstancias da vida do de Asados (Rianxo) fixeron del un mozo eterno, detívose para sempre xusto nos comezos da madurez. Un rasgo atractivísimo procurouno instintivamente o Rimbaud que afundiu e perdeu o don, escapuliuse polos mares para unha costa ignota. O rianxeiro fixo de fuxir unha profesión: mariño. E pode que fose un náufrago desapercibido toda a vida, que o seu naufraxio xa viñese de cando lle morre o pai, comerciante rianxeiro ben estabelecido, ao meniño de catro anos. A nai, mestra, non é capaz a crialo e pide axuda da avoa e mais dun seu irmán sochantre na colexiata de Iria. Coa morte do pai naufraga a familia e tamén a infancia do rapaz. Manoel Antonio medrará e romperá coas ideas conservadoras da súa familia mais sempre estará atado a esa infancia, á súa nai.

O '¡Máis alá!' ataca aos "pollitos bien" que escriben en castelán, como Valle
Morreu aos 30 anos e quedou a crenza de que súa nai queimou papeis seus

Manoel Antonio é unha figura literaria única e, con todo, achamos nel correspondencias con outras como Miguel Hernández. Tamén o rianxeiro ocupa o lugar do periférico, o que nunca acabou de estar no núcleo do grupo xeracional. Un é o pastor, o outro mariño, en ambos casos a orixe de clase ou a historia familiar marcan os seus pasos de escritor. Manoel Antonio, de vivir o pai, probabelmente tería rematado unha carreira universitaria e formado parte daquela irmandade que formou o Seminario de Estudos Galegos. Mais logo de estudar o bacharelato en Santiago e de non decidirse a continuar con Filosofía, matriculouse na Escola de Náutica de Vigo. Con todo e non pertencer a un grupo, si participou do movemento político e cultural do fecundo primeiro tercio do século XX, o mozo que naceu en 1900 e morreu en 1930 está na cerna dese primeiro tercio e foi ese vento da historia o que soprou nas súas velas, unha regata moi intensa e curta. Aínda que participou do seu tempo dun xeito moi seu, como estando de paso, como o mariño que vai e ven.

O rapaz chegou a estudar a Santiago con 13 anos e implicouse desde moi noviño na política, con 17 xa aparece no Centro Republicano. Un ano despois, publica en castelán nunha revisa padronesa un soneto e tres textos anticaciquís. E con todo e con iso conservou unha atadura segreda coa súa nai que lle impediu asinar co seu nome, por non disgustala. Polo mesmo que aparecerá logo na II Asamblea Nazonalista Galega en Santiago co nome disfrazado. Inmaduro e apaixonado, aos 18 anos desaparece e viaxa cara Francia para alistarse no exército francés, ao que vía como o defensor da democracia na I Guerra Mundial. É detido na fronteira de Irún, un menor de idade que quere cruzar ilegalmente, e tráeo de volta a Garda Civil.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Aos 19 anos diagnostícanlle xa un "catarro bronquial crónico, con hemotisis frecuentes". Anda a morte a perseguilo e el corre en zig zags. Galeguista radical participa nas Mocedades Galeguistas e cartéase con Castelao, Vilar Ponte e Risco. Con Risco é unha relación imposíbel polo conservadurismo deste, mais a correspondencia con el foille moi útil para formarse literariamente e encontrar referencias estéticas nas vangardas europeas. A relación con Vilar Ponte, máis achegado ao seu militantismo republicano, conduciuno á acción na cultura, levouno a escribir un manifesto, ¡Máis alá!, inspirado polo propio Vilar Ponte, e que asinou conxuntamente co debuxante Álvaro Cebreiro.

¡Máis alá! son moitas cousas. Como todo manifesto vangardista é fortemente edípico e liquida a todas as xerazóns anteriores, desde Rosalía aos vellos, como alcumaba á xeración de Risco, Castelao, Otero... Deles acabaría por distanciarse completamente na ditadura de Primo de Rivera. Manoel Antonio entendeu que a actitude dese galeguismo non era o bastante combativa. O manifesto ataca tamén a opción dos que escriben en castelán, "pollitos bien", nomeadamente á figura de Valle-Inclán. "Arrenegamos de mestres e dos seus consellos. (....) da lei e do costume (...) de toda imitanza". Todo ataque, ademais dunha obxección, supón unha proposta. A do o manifesto é senlleira e lúcida: literatura escrita en liberdade por individualistas. "Isto é arbitrariamente persoal". "Consagramos a individualidade até o extremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha verba: o seu propio nome".

Desde os primeiros versos en castelán, sendo moi novo, non volve utilizar a poesía para o combate político, aínda que apareza a preocupación social que vai co poeta sempre. "Porque nós non sabemos esa cantiga longa / dos emigrados sós que van na proa".

O seu inconformismo, a súa velocidade a escapar da tose que lle roe o peito, a pose de artista e o dandismo, o berro escrito dos manifestos, levaas ás tertulia do café Derby de Vigo, onde estuda para piloto de barco. Reencóntrase con Maside, antigo compañeiro de escola, que o retrata con arte e cariño. Por eses anos, en 1928 edita o seu libriño de 19 poemas, De Catro a Catro, un diario poético da navegación e a melancolía. Durante moitos anos foi a única obra publicada do autor e retratouno dun modo totalmente incompleto como "o poeta do mar", unha figura que faltaba nunha literatura onde o campo é dominante. Como todo artista innovador e belixerante, a súa obra afrontou obstáculos; ténselle obxectado unha excesiva influencia do creacionismo de Huidobro, cando os poemas dese libro, como os 101 restantes editados póstumamente, nacen da súa sensibilidade particular. De catro a catro é un acto artístico que está condicionado polo ¡Máis alá! Neses poemas é efectivamente moderno e individualista. Porén é persoa de amigos e de lazos de afecto, e dedícalle o libriño ao capitán do paquebote Constantino Candeira no que navegara: "Ao capitán Dn. Augusto Lustres Rivas coa lembranza das navegacións feitas ao par". Navega ao redor da Península, de África e de América do Sur. E avanza esa tose no peito que embarcou con el.

Volta morrer cabo da nai a Rianxo. Escribira de novo nunha carta a Castelao: "Rianxo, coma decote (sempre e máis despois)".

Morre de tuberculose aos 30 anos e aí comeza un novo e extraño episodio do relato da vida do poeta, ten un aquel de esperpento macabro propio do noso país devoto das ánimas e caníbal cos espíritus libres. É un relato confuso e misterioso. Comeza coa crenza de que a nai queimou papeis do fillo. Non é imposíbel dadas as ideas da nai, as do fillo e a que xa se sentían as ameazas da violencia que estouparía seis anos máis tarde, no 36.

Polo xornalista Borobó sabemos que no ano 56 un cuarteto, do que el formaba parte, foi cabo da nai do poeta e ela consentiu en darlles a chave do cuarto do fillo, unha cripta que levaba fechada 20 anos. Alí encontraron cartas, os dous debuxos que lle fixera Maside e novos poemas, inéditos. No 72 foron editados por García-Sabell, un dos integrantes do cuarteto que entrou na cripta do poeta e que gardara eses papeis. Segundo a edición que el fixo en Galaxia os poemas formarían varios libriños. No momento actual ese leigado segue encerrado nun feitizo: a edición deses poemas é discutida e sen embargo os estudosos non poden acceder aos papeis, se existen.

De maneira que non podemos aínda coñecer exactamente a obra do escritor, mais ese broche de misterio acáelle ben a un artista que nunca ocupou moito espazo na literatura galega. Un poeta fuxidío. Quizais por iso siga a ser atractiva a figura dese mozo prohibido. "Veu no vento unha voce / unha voce na noite".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_