_
_
_
_
_
Entrevista:RAMÓN CARIDE | Escritor | Luces

"A literatura galega aínda ten déficit de se introducir no mundo de hoxe"

Máis de trinta libros despois, Ramón Caride (Cea, 1957), biólogo e profesor en Cambados, mantén a ficción fantástica como marca da casa. Dos primeiros autores, canda Fernández Paz, en achegarse ao público xuvenil, recunca no relato (social, de tema científico) en Exogamia 0.3, publicado na colección Fóra de xogo de Xerais.

O autor da triloxía De sombras e de lume -composta por Soños eléctricos, Sarou e O sangue dos camiños (Premio Risco 2003), publicada en México e Portugal como Tempos de fuga e agardando reedición en Galicia- prepara tamén outra novela para adultos ambientada no verán dos incendios de 2006.

Pregunta. Debutou con poesía e relato, foi dos primeiros en probar co infanto-xuvenil e non abandona a ficción para adultos. Cómpre estar dacabalo de todo?

"Sigo sin saber por que, segundo o selo, unha novela é xuvenil ou para adultos"
"Condiciónanos xente que nunca veremos, e non somos quen de reelaboralo na ficción"

Resposta. A vida diaria xa ten repetición dabondo, trato de fuxir diso na literatura. Si é certo que primeiro publiquei poesía, pero xa daquela publicaba contos. Tardei máis en entrar na novela [Soños eléctricos, Premio Blanco Amor en 1992], e xa no 95 publiquei o primeiro da saga de Said e Sheila, Perigo vexetal.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

P. Pódese dicir que deixou de lado a ficción realista do comezo?

R. Non, de feito teño unha novela de ficción realista que empecei en 2006 e agardo rematar este ano. Ambientada ao comezo do bipartito, naquel verán dos incendios... Un momento interesante. A literatura infanto-xuvenil publícase sen a demora típica, pero eu sigo traballando nas dúas.

P. Por que se foi arrimando ao público novo?

R. Perigo vexetal presenteino ao Merlín coa idea de que se publicase, pero ao obter o premio tan rápido... Ves que aí tes unha vía. Non se sabe por que, pero conectas... Aquilo foi máis ben pola insistencia da miña filla maior, Lucía. Non pensaba daquela que ía ter esa saída, pero logo vas a unha escola e quédanche ganas de volver.

P. Logo está o criterio editorial que prescribe Exogamia 0.3 como libro xuvenil e Made in Galiza, por exemplo, para adultos.

R. Son cousas dos editores. Eu podo saber o que é ou non para adultos, pero nunca saberei se é para oito anos ou para 12, e de feito iso muda segundo os países.

P.Cal é a medida pedagóxica na escrita escolar?

R. Sei que Exogamia 0.3 non pode ir a Primaria porque se falas de biotecnoloxía ou reciclaxe, pode que ese lector non se entere de nada. Pero si penso que podería publicarse nunha colección para adultos. Por outra parte, a historia importa máis cós valores, non hai que hiperpedagoxizala.

P. Ponse os límites un mesmo, alén das marcas editoriais?

R. O único que teño feito é quitar algún taco, por exemplo n?O frío azul, que saíu en galego como narrativa para adultos e en Anaya, en castelán, nunha colección xuvenil. Na edición galega escribía quirica, e houbo que quitalo, fixémoselle aí unha perífrase... Pero sigo sin saber por que unha editorial considera unha obra para adultos e outra como xuvenil. Eu non o penso á hora de escribir.

P. Séntese parte dunha xeración?

R. Hai unhas constantes nos narradores coetáneos, como tamén en Lois Pereiro: o rock, escribir tipo colaxe incluíndo voces noutros idiomas, o relato curto, a influenza do cine... Eu leo a Suso de Toro ou Bieito Iglesias e vexo moitos puntos en común, é normal. En moitos casos fomos os primeiros universitarios da familia, vimos dunha cultura agraria, atopamos as mesmas cousas á mesma idade, estabamos na Universidade cando morreu Franco...

P. Para escribir en liberdade hai que vivir doutra cousa, como di Ramiro Pinilla?

R. O oficio de escritor ten que ser libre. Hai quen se poderá atopar libre gañando a vida doutro xeito e escribindo no lecer. Pero se gañas a vida doutro xeito tes menos tempo para escribir...

P. "Sae máis rendible escribir para a escola" tamén é algo que se lle pode escoitar a algún escritor que pasou ao infanto-xuvenil.

R. A literatura infanto-xuvenil é escolar, pero iso non é bo nin malo de seu. A través dunha gran campaña podes facer moito diñeiro co Código Da Vinci, pero que alguén se acorde del en cinco anos... Ao final, queda o ben feito.

P.Falta fantasía política na literatura galega?

R. Fantasía é toda, pero unha. Non toda a fantasía é a materia de Bretaña, hai videoconsolas.

P. Cando empezou aínda se falaba diso.

R. A diversidade é riqueza. N?O frío azul, ambientada en 1525, hai lendas de época sen ruptura temporal. Creo que segue habendo certo déficit á hora de introducir a literatura galega no mundo de hoxe. Inténtoo facer en Exogamia 0.3, coller elementos que xa están aí: a clonación, a enxeñería xenética, a Rede... Non como valor de seu, pero forman parte do cotián e, como tal, teñen que estar presentes.

P. Nos 90 fixo realismo sucio. Mudou fontes ou estaba todo aí?

R. Leo todo tipo de cousas, e iso abrolla na escrita. Realismo sucio é contar a realidade poñendo o foco nunha parte, e o fantástico non deixa de ser literatura realista. Unhas memorias xa son literatura fantástica cando as escribes. J. G. Ballard escribiu Noites de cocaína, e podería asinala Graham Greene como realismo sucio. Pero tamén ten historias máis puramente especulativas, iso é o bonito. Como el dicía, vivimos nunha sociedade ficcional, a realidade que vivimos é unha ficción. Condiciónanos xente que nunca veremos, desde Rajoy a Belén Esteban, pero non somos quen de reelaborar iso. Dicía Ballard que o labor da ficción é crear a realidade. Dalgunha maneira, con todo no mesmo plano, eu intento experimentar con iso.

P. Inflúe a falta de hábito á hora de situar todo nun mesmo plano, tradición incluída?

R. É que cando empezabas a escribir en galego coñecías a Curros polos Tamara, moito máis non. Eu tiña vintepico anos cando lin o cancioneiro galego-portugués. Se escribín en galego é porque o falaba, non por tradición. É bonito ter unha tradición literaria, mais non para pensar 'se Cunqueiro fixo literatura fantástica, voume colocar ao seu carón, e o seguinte son eu'. Sobre isto escribiu cousas moi divertidas Bolaño n?Os detectives salvaxes...

P. Se tivese que sincronizar a súa obra coa literatura galega, onde a poría?

R. A miña tradición é Ferrín. En Elipsis e outras sombras, o primeiro relato, Prólogo á impunidade, sobre a represión franquista, é realista a tope. E despois escribe sobre o mundo de Huxley e máis a materia de Bretaña... Non é que se adiantase, senón que naquel momento xa tiña aquela visión. Como el di, o escritor é coma un pirata. E as literaturas que aspiren a estar no mundo teñen que botar man do propio e do alleo, porque nada lles é alleo.

P.Cría que nesta altura ía ter que estar asinando manifestos en prol do galego?

R. A verdade é que non, pero o galego, a fin de contas, será o que nós queiramos. Está ben asinar manifestos, pero falando galego non agredes a ninguén. E quen se sinta agredido por iso ten un problema psicolóxico que ti non vas solucionar. Eu teño libertade de cátedra e ninguén me vai imponer o idioma das miñas aulas.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_