_
_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

É mala a literatura galega?

Manuel Rivas

É a literatura galega contemporánea un desastre? Dispensen a pregunta. Non é por provocar. Non é por faltar. É que veño de ler unha sutileza de Xosé Luís Franco Grande en La Voz de Galicia (domingo, 16 de decembro do 2007) e aínda ando a apañar os dentes polo chan. O Franco Grande fai ben en reclamar o "bo gusto". A min el lémbrame na escrita a aquel lendario número 5 do Peñarol de Montevideo, Wilmar Everton Cardaña, gran experto na chamada "patada voadora", a quen nos inicios os comentaristas bautizaron co alcuño de O Home e que acabaría sendo coñecido, nun meritorio proceso de revalorización popular, como O Home de Neandertal.

A histórica peza titulase Pouca lectura e comeza así: "Sinto moito dicir que, despois de máis de medio século participando no mundo cultural galego, que nada me estraña que a xente non lea literatura galega, nin, en xeral, libro galego. Por unha razón moi sinxela: porque o que se escribe en galego acostuma a ser, non só de moi pouca calidade, senón un timo á cultura, á intelixencia e ao bo gusto".

Segundo Franco Grande, as editoriais galegas son fontes de mentiras
Na Galicia de hogano lese máis literatura galega que nunca

E o todo o que segue é un auténtico round de cariño de Franco Grande. As editoriais galegas son fontes de mentiras, non hai unha crítica merecente dese nome, vivimos unha xeneralizada banalización e falta honradez intelectual. Mesmo hai unha data para estabelecer o principio de semellante dexeneración: "Penso que nos últimos corenta anos a creación en lingua galega se foi degradando". Así que foi en 1967, máis ou menos, cando subimos a ese maldito tren que nos leva cara á Estación do Carallo.

Falando de transporte, eu tiña que parar en Catro Camiños, mais pareime en Franco Grande. A súa non é unha sección calquera. Trátase dun membro da Real Academia Galega, un home que sempre está a "facer país". Eu levaba libros galegos na bolsa para os agasallos de festas. Logo de ler o artigo, entroume un sistema de perturbación na cabeza. En realidade, tratábase do sistema literario galego, que sempre anda á procura dun acocho. "Qué fas? Vaite de aí!", dixen alarmado. Pareceume que había xente que miraba con carraxe, especialmente un que se parecía a López Rega, aquel secretario espiritista do xeneral Perón: "Leva libros de literatura galega contemporánea! Qué vergoña! Qué timo! Qué falta de honradez intelectual!". Eu pensei en botarme a berrar e negar tres veces: "Qué están a pensar? Non, non. Equivócanse! Non son libros, que son zapatos contemporáneos". Mais a min pásame como á personaxe d'Unha soidade demasiado ruidosa, de Bohumil Hrabal. Que me sinto culpábel de todo o que leo na prensa. Así que pensei en baixar en Correos e por un telegrama urxente: "Non persista. Toda a culpa é miña, don Xosé Luís. Proceda".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Se o académico di que a literatura galega é unha desfeita, pois non vou ir eu a rebatelo, a dar a nota, para que logo digan: "Aí está o Rivas, como sempre, a desfacer país, levándolle a contraria a Franco Grande". Ademais, ninguén máis piou. Nin escritores, nin críticos, nin editores. Todos apreixados por ese profundo ollar. Se cadra ten razón o Franco Grande. Eu téñolle moito respecto. Mesmo confeso que lle teño un pouco de medo. Eu coido que o que a xente tiña que facer canto antes, sen demora, era ler a Franco Grande. E facer caso dos seus consellos. Non se tira proveito dos talentos. Franco Grande podería ser o noso Marcel Reich-Ranicki, o crítico alemán que atraeu a millóns de espectadores, no programa O cuarteto literario. Nunha ocasión, Reich-Ranicki apareceu en pantalla facendo cachizas un libro de Günter Grass. Imaxinen a Franco Grande, a festa que podía montar na TVG! Toda Galicia a ver enfeitizada a aquel home anoxado. O espectáculo de velo enfurecido a chimpar libros contra a cámara.

-Un timo, señores! Unha calamidade nacional! Un peido enxebre! Un arrouto cosmopolita!

Cómpre, pois, que reflexionemos. Deus é bo pero Franco Grande non é malo. Qué parte de razón ten?

Falando de honradez intelectual, Franco Grande non é moi honrado (ui, ui, ui, Manolo, se non sabes torear, pa que te metes!) porque manipula a información básica, os datos reais. E as causalidades que formula son falsas. Isto non é Finlandia, mais na Galicia de hogano lese máis que nunca. Si. Máis literatura galega que nunca. Non falo de corenta anos atrás. Falo de hai un, catro ou seis anos. Cada ano lese máis. E á marxe das lecturas recomendadas nos centros de ensino, existe un pobo lector ceibe, de milleiros de persoas, que len non por patriotismo senón por pracer. Un pobo lector que existe pola enerxía do desexo, con moito traballo honrado detrás, moitas horas de entrega desinteresada. Hai novos espazos, hai clubes de lectura, hai unha rede de bibliotecas que move xente con saber e pracer. Hai tamén un nivel da crítica que traspasou a época das recensións. Ademais, é equívoco estabelecer unha relación directa entre a calidade da última literatura e o nivel de lectura. Os lectores sempre poden acudir, e acoden, aos clásicos. (E mesmo, en caso extremo de desacougo, sempre lles queda a man Franco Grande). Se abondan e se se multiplicaron as traducións ao galego supoño que será precisamente porque se creou un pobo lector, que apreza os novos froitos. Algo, unha pisca, un chisco, unha frangulla, algo, digo eu, tería de ver a literatura galega das últimas décadas na creación dese gusto, desa degaro.

Ando a apañar os dentes e non falei dunha cuestión básica. A calidade. É mala a literatura galega? Se é mala, como é de mala? É simplemente mala, mala mala, malísima? Mala a rabiar? É ruín? É mala per se ou está mala in situ? Non será que está maliña?

O matiz é importante, decisivo, señor Franco Grande.

Se está maliña, aínda menos mal. Cunha literatura maliña aínda podemos ir tirando. Aínda podemos ir ao albeite. Hai por aí herbas coas que facer infusións filo-glósicas. Eu saio todos os días ao monte. Por ver se mellora a maliña.

-Qué tal está esa novela que estás a ler?

-Está maliña, pobriña.

-Pois quérea un pouco, ho! Bótalle unha ollada, só unha olladiña, e xa verás como mellora.

Na literatura ten moita importancia a escrita mais tamén a recepción. Hoxe en día fálase moito do lector-receptor. Mais sempre foi así. De repasarmos a historia da literatura galega, atoparemos ferintes incomprensións que nos poñen agora os cabelos crechos. Ese calafrío que sentimos cando lemos O divino sainete de Curros. Aquí sempre houbo moi bo dente para o raxo contemporáneo. Falemos claro: a Rosalía comérona viva algúns canibais galegos. Como comeron a Blanco-Amor. Unha e outro atoparon no pobo e en críticos foráneos a comprensión que as bárbaras elites galegas lles negaron. Por iso os escritores galegos, como coñecen o percal, sempre escribiron moito de gastronomía. Para desviar a atención cara outras especies.

Ánimo, Franco Grande. A desfacer país.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_