_
_
_
_
_
Entrevista:LUÍS ÁLVAREZ POUSA | Director de 'Tempos Novos' e profesor | Luces

"Se un medio en galego cae, non é só culpa do poder político"

Malia á caída da publicidade, Tempos Novos resiste, desde 1997, convertendo "a información en coñecemento", como lle gusta dicir a Luís Álvarez Pousa. O que fora cofundador de Teima e director xeral de Cultura entre 1983 e 1985 -a primavera Pousa- estrea un informe que esmiuza con datos a Galicia actual. Un informe "pesimista" no que atinxe á articulación da sociedade civil, en parte pola ausencia dun poder político "que asuma o país coma un proxecto de futuro". O responsable de Tempos opina tamén como membro da Asociación de Medios en Galego. "Non quixemos fiarnos en exceso das dádivas do bipartito, malia apoiármolos para xubilar o sistema fraguista", di. "E penso que atinamos. As políticas de comunicación non mudaron".

"Deixar como estaban os medios públicos foi unha irresponsabilidade"
"Non podemos flaxelarnos, pero hai que mudar o modelo de resistencia"
"Feijóo esqueceu a súa oferta de 'gran pacto pola lingua' ao saír do Courel"
"Aínda non sabemos por que Touriño nunca nos deu unha entrevista"

P. Que imaxe do país proxecta este Informe Galicia 2010?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

R. No que atinxe á articulación dunha sociedade civil, pesimista. A súa vitalidade tería que estar vencellada aos niveis de investigación, aplicados aos segmentos produtivos, mesmo creativamente, da sociedade, e, ao mesmo tempo, ao que significaría un poder político que asumise o país coma un proxecto de futuro. Quen non cre nun proxecto global de país, non posibilita o seu desenvolvemento.

P. Villares propuxo en 2009 un "pacto de non agresión" no que respecta á lingua e á cultura, invocando o pacto da autonomía. Este ano, no Courel, Feijóo prometeu un "gran pacto pola lingua", e ata agora.

R. Feijóo esqueceu esa oferta un día despois de estar no Courel, ratificando o decreto da lingua que levou á xente á rúa. O Consello debería seguir esixindo ese pacto, quizais o primeiro gran pronunciamento sociocultural da súa historia, igual que fixo a Academia. Ese pacto é necesario, pero non é posible a non ser que o Goberno actual deixe de usar a lingua como ferramenta electoral e partidaria, que é o que explica a persecución explícita e a desactivación permanente e soterrada da lingua, que está como sabemos aos pés dos cabalos da globalización, cos que paradoxalmente se identifica un Goberno que, en boa medida, recibe dela a lexitimación e a existencia.

P. Por que o bipartito non modificou as axudas aos medios?

R. Eu creo que por medo. Niso non se diferenciou da etapa Fraga nin da actual, que segue mantendo o mesmo grao de clandestinidade e compravenda de información. É certo que a sociedade non foi consciente do que significaba esa relación perversa entre medios e poder político, e iso permitiu que se institucionalizase. O peor de todo é o que significa en termos de descrédito dos medios. A súa principal crise é esa. Dime de qué créditos e convenios dependes, completando ao amigo e mestre [Vázquez Montalbán], e direiche qué caste de medio é.

P. Asinaría o manifesto Os medios en galego importan, promovido por Afonso Eiré, tendo en conta a situación dos traballadores d'A Nosa Terra?

R. Ese en concreto non o asinei, pero estou disposto a apoiar calquera manifesto en defensa duns media en galego. Entendo que se esa reivindicación non se asume civicamente, denotaría que o país é incapaz de soster un espazo galego de comunicación, condición para modernizar discursos e realidades a prol da construción, que ha de ser permanente, da nosa identidade como pobo diferenciado. Poida que ao actual Goberno isto lle parezan andrómenas, por iso non perden un minuto en laiarse pola caída dos escasísimos medios en galego que resistían a crise. Tamén penso que arestora non se pode alegar exclusivamente a razón do poder político para explicar por que un medio en galego cae.

P. Que é o que falla?

R. Para min, o principal ten que ver coa sociedade e co público potencial desas publicacións en galego.

P. Hai relación entre o escaso público consumidor e a tendencia a pagar a eses xornalistas polo compromiso, máis que polo traballo?

R. Todo está interrelacionado. Por unha parte, a sociedade crítica demanda públicamente a necesidade de manter viva unha prensa en galego, e por outra parte non se alimentan os resortes que necesita esa prensa para sobrevivir. Agora mesmo o principal é a correspondencia que eses medios necesitan na sociedade para sobrevivir e a actuación do poder político, ao que lle estorba o galego e as liñas editoriais destes medios. Por iso adelgazan as axudas e non lles preocupa que caian Vieiros e A Nosa Terra.

P. Tendo en conta o que pasou con Edicións Galegas de Referencia, podería pensarse que a escasa implicación atinxe tamén aos interesados que non deron 3.000 euros para aquel proxecto.

R. Iso é moi relativo. Ninguén fixo un estudio serio de por que fracasaron os diversos intentos de levar ao cabo medios en galego. Está Galicia Hoxe, que forma parte do mesmo grupo empresarial que El Correo Gallego, pero houbo outras iniciativas ligadas a grupos de persoas concienciadas de asegurar o pluralismo de medios en galego, que fracasaron ou fracasamos no intento. Ese estudo está por facer, e descubririamos sorpresas.

P. A resistencia de Tempos non é só voluntarismo.

R. É o resultado de converxer nun proxecto colectivo, non especulativo, 150 fundadores e máis de medio milleiro de colaboradores e expertos. Desque empezou a crise, fixemos un estudo de viabilidade en función de todos os elementos que máis poderían incidir na nosa superviviencia, e adaptámonos a ese estudo. Non quixemos fiarnos en exceso das dádivas do bipartito, malia que o apoiamos para xubilar o sistema fraguista. Penso que atinamos, porque as políticas de comunicación non mudaron. Tempos aínda se pregunta por que Vicepresidencia nos castigou un ano sen publicidade institucional, por que Touriño nunca nos concedeu unha entrevista, cando Feijóo aceptou de inmediato, ou por que nunca se reuniu cos membros do Colexio de Xornalistas. Deixar como estaban os medios públicos, por caso, foi dunha enorme irresponsabilidade.

P. "Superamos os esquemas da resistencia cultural", dixo en 1985, tras dimitir como director xeral de Cultura. Co actual grao de violencia simbólica do Goberno, vale dalgo ter razón?

R. Temos razón porque temos os argumentos. Esa é a nosa principal arma de futuro. Resistimos doutra maneira, poñendo a proba a nosa capacidade de intervención cívica e de creación cultural. Non defendo o resistencialismo ao que nos vimos obrigados os que militamos no asociacionismo de base e na procura de novas tendencias creativas durante os anos negros. Si pola resistencia activa e creativa, a que denuncia e dá respostas alternativas.

P. Foi ineficaz a aposta sistemática por normalizar, adiando os conflitos?

R. Tampouco podemos autoflaxelarnos. Hai un traballo que mantivo a chama acesa, pero si entendo que os modelos de resistencia deben mudar. Que o modelo de resistencia lingüística non foi o máis axeitado nos últimos anos é evidente, porque do contrario estariamos noutro estadio de normalización lingüística, e tería sido imposible que calquera Goberno, mesmo este, tan alleo aos puntos fortes da identidade do país, fixese o que está facendo. Nunca se atreverían.

Luís Álvarez Pousa, a carón do seu despacho na Facultade de Ciencias da Comunicación.
Luís Álvarez Pousa, a carón do seu despacho na Facultade de Ciencias da Comunicación.ÓSCAR CORRAL

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_