_
_
_
_
_
ROLDA DAS LETRAS | Luces

A memoria como materia poética

Resístense os nosos poetas a abandonar, mesmo a cuestionar, os eidos da memoria, nos que tan doado resulta caer nun certo saudosismo. Así, Román Raña (O incendio das palabras) e Alfonso Álvarez Cáccamo (Sebes contra o vento) explóranos dende a (auto)compracencia, mentres que as voces máis novas se debaten contra os corsés que a memoria nos transmite, e fano reapropiándose dela, sinalando nela os seus propios territorios. Nesta liña, Mario Regueira constrúe en Blues da crecente un poemario narrativo e polifónico, no que alenta un pulo de rebeldía e unha vontade teimuda de supervivencia: versos como "Vós sodes o que non podemos ser, nós o que non queredes" poderían ser unha consigna, e non só xeracional. Máis minimalista, a Acusación de Xiana Arias abre fendas á ironía, mesmo a un humor agre que lle permite "contar a prisión" da cotiá loita por ser, tamén por ser muller: o resultado é un feixe de versos que nos acurralan dende a lucidez de quen xa non sabe "que facer coas palabras gastadas".

Pola súa banda, Branca Nonoveyra furga nas gavetas da lembranza dende unha certa estupefacción distanciada, que trata as lembranzas como ruínas sen deixar espazo para a conmiseración. O seu primeiro poemario, Dentro do labirinto, semella un ámbito fronteirizo creado para dende el poder contemplar o que fica atrás e seguir avanzando. Pero do feixe de poemarios que chegaron a nós contra fin de ano para arrouparnos nesta ventimperie quédome coas Palabras para un baleiro de Baldo Ramos: poeta e artista inclasificable, autoesixente coma poucos, a sobriedade discursiva que lle é habitual pode despistar e ser considerada por algúns como propia dunha tonalidade discreta que facilmente pode pasar desapercibida e mesmo agochar canta ambición cognoscitiva hai aquí, e que se nos transmite nun alento sutil que non desmaia, nun pulso a vida ou morte coas palabras. Baldo Ramos explora con afouteza os límites do inefable, enfróntanos coa impotencia da palabra, mesmo co fracaso posible do seu valor terapéutico. Ousa o poeta baleirar as palabras de sentido para convertelas no espazo do non discurso, nun universo de silencio que é habitable porque pode acoller, aínda, toda esperanza, aquela que é posible porque aínda non foi formulada, porque aínda non é fracaso.

- Narrativa en stand-by

E se nesta nova endeita de poesía o balance global é notable, non se pode dicir o mesmo da narrativa, que semella camiñar nos bicos dos pés agardando que remate a costa de xaneiro.

Menos mal que de Sotelo Blanco, editorial que semella dosificar cada vez máis as súas novidades, chégannos dúas voces ben interesantes. A da alemá Julia Franck, que en A muller do mediodía nos ofrece unha visión singular da vida dunha moza na Alemaña de entreguerras. A orixinalidade desta obra radica non só nas personalidades das súas protagonistas (e dos homes que, para ben e para mal, as acompañan) senón, sobre todo, en como a autora as ubica no taboleiro histórico daquel tempo. Franck consegue evitar o risco de facer unha novela máis sobre o nazismo e o Holocausto, para convidarnos a enfrontar o desafío de ser muller. Mergullándonos ao comezo no horror cotiá da Segunda Guerra Mundial, que actúa sobre nós a modo de anestésico, preparándonos para calquera outra barbaridade posible, non é ata ben avanzada a lectura cando empezamos a intuír que Helene é xudía, e que moitos dos atrancos que padece son froito desa condición. A muller do mediodía consegue así algo tan difícil como é deitar unha ollada nova sobre a dictadura de Hitler, que ao verse reducida ao absurdo dunha certa domesticidade, fica empequenecida, carente por completo dunha certa grandeur épica con que as artes, sen querelo, acabaron por arroupala.

Areaquente de An Alfaya fíxose con Premio Lueiro Rey de novela curta; por certo, un premio consagrado sen grandes alardes mediáticos pero que nos vai descubrindo con eficacia textos tan singulares como esta novela, na que a escritora amosa unha vez máis a súa versatilidade e o seu inconformismo creativo que en Areaquente a leva a imaxinar un desolado ámbito onírico habitado por seres ontoloxicamente ambiguos. A novela é tamén un experimento no que a escritora investiga as posiblidades e límites da maridaxe entre ollada e creación. Mágoa que nas páxinas finais mingüe a tensión climática que a autora consegue ir creando ao longo das páxinas centrais, e que se malbarata nun desenlace resolto con menos eficacia da que debería.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

- O franquismo corrupto

Resulta curiosa a coincidencia de dúas novelas recentes en achegárense ao mundo da corrupción do establishment no que se apoiou o franquismo para sobrevivir, pagando con tolerancia o apoio tácito non son das elites senón de sectores máis amplos das clases medias que así conseguiron medrar. Son estes sectores os que protagonizan Un tipo listo de Xosé Montegudo. Esta, que foi merecente do Premio García Barros, adoece dun exceso de tecnicismos financeiros que pexan o desenvolvemento do que podería ter sido un bo argumento, deslucido tamén polo anódinos que resultan o protagonista e a súa voz. Pola súa banda, Cid Cabido consegue en Unha historia que non vou contar aproveitar a fondo o que a priori era só, nin máis nin menos, unha boa historia: o asasinato nos anos 70 dun coñecido empresario da conserva, e as hipotéticas conexións do crime co sonado caso Reace. Como Capote no seu día, Cid tira da realidade historia e personaxes e revélanos unha vez máis (xa o fixera en Panificadora) o potencial literario de Vigo. Protagonizada por un personaxe doadamente identificable cun trasunto do autor empírico que nos resulta simpático pola desenvoltura irónica e pouco compracente con que o trata (¿se retrata?) o escritor, Unha historia que non vou contar artella unha trama de intriga, adubiada coas pingas xustas de humor, e canaliza con habelencia a curiosidade que esperta o suceso histórico, tanto nos que conservamos unha lembranza daqueles tempos coma dos que nin naceran aínda. Outrosí, Unha historia que non vou contar é moito máis ca unha boa anécdota ben narrada: é tamén un paseo polo Vigo da época do que, sen socioloxismos impostados, se nos ofrece un retrato plenamente convincente.

Pero sobre todo o texto se nos revela como un espazo polifónico no que escoitamos en directo diversas voces que nos enfrontan cos límites e posibilidades da lingua como instrumento de comunicación, de información e de construcción da realidade e que, de camiño, permiten poñer en evidencia o relativo da verdade: non chegamos a saber que foi o que verdadeiramente pasou e mesmo, ao remate, concordamos co protagonista en que ningunha das versións que se nos foron proporcionando resulta convincente. O que importa é a viaxe, pois a novela desenvólvese como un work in progress abortado, como un proceso en marcha que non leva a ningures, só ao cerne do relato, ao propio pulo fabulador, sen que en ningún momento o autor tente asoballarnos con alardes metaliterarios: aquí só hai praxe ficcional e discursiva.

- A esixente modestia

Para aqueles que teñan folgos de empezar o ano enfrontándose aos desafíos que sempre nos lanza a mellor literatura, velaí teñen Os once de Pierre Michon. Filla da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea patrocinada pola Concellaría de Cultura de Santiago nun exercicio de convicción europeísta nada demagóxico que oxalá non esmoreza, a novela de Michon resulta falsamente modesta na discreta apariencia das súas pouco máis de cen páxinas. Non se enganen: o texto alicérzase nunha escrita poderosa, que lle acae moi ben a un tema que sobarda os límites da historia e da psicoanálise para beirear o mítico. Michon foxe do corsé da novela histórica, que sen dúbida lle debía resultar demasiado ríxido, para seguir os pasos de Michelet e ofrecernos unha visión nova do Terror, entre distante e enfática. Pero a épica deixa aquí paso á ética, e nun relato denso e polifónico, vibrante e mesmo lírico por momentos, Michon fai da irresoluta loita dos oprimidos contra os poderes o único motor da condición humana. Todo isto, nunha obra que se erixe ao tempo como reivindicación tácita da ficción: neste caso, a mentira artística pode ir máis alá cá fidelidade da crónica na revelación do auténtico por ter a posibilidade de escoller un punto de vista privilexiado dende o que se achegarse a un dos intres cruciais da nosa civilización. A agudeza de Michon radica en escoller como pano de fondo da súa narración un cadro apócrifo, Os once de François-Elie Corentin; a súa habelencia, en dotar ás once figuras que retrata non só de cor e de fondura senón da capacidade para refractaren todos os desafíos, os fracasos, os paradoxos, as grandes miserias e os pequenos triunfos da historia da humanidade. E iso, en pouco máis de cen páxinas, só o poden facer os grandes.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_