_
_
_
_
_
GROUCHOS | LUCES
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

A metamorfose política de Galicia

Manuel Rivas

Houbo un territorio onde Ségolène Royal se impuxo con rotundidade ao dereitista Nicolas Sarkozy, xa na primeira volta das votacións para a presidencia da República Francesa. Foi na Bretaña. E con amplísima marxe, nas demarcacións electorais de Côtes d'Armor e Finistère. A maioría dos bretóns non quixo saber nada do arroutado. Lembran? Os botafumeiros da Pax Fraguiana oíron o dogma do xefe e espallárono ao xeito dun paradigma da ciencia política: "As fisterras da Europa atlántica son e serán sempre conservadoras".

A opinión tomaba a forma dun destino fatal cada vez que había eleccións e saía o patrón coa rufa cantinela do 90% en Vilalba. E a partida de dominó, chupada Mesmo esa idea, a dunha fidelidade racial ao conservadurismo, interiorizouse en moita xente que aparentemente quería transformar a sociedade e saír da atrofia. Mais para saír da atrofia hai que saír da propia. Nos últimos tempos do fraguismo, a sociedade xa cambiara. A fisterra galaica deixara de ser conservadora. Mais nin o Don, nin os botafumeiros, nin os poderes económicos, nin tampouco moitos dos políticos da oposición acabaron de crelo. Todos andaban engaiolados ou abraiados polo efecto mediático da aldea potemkiana.

A aldea potemkiana? Foi hai catro anos, nas anteriores eleccións municipais, que se consideraban decisivas para medir o desgaste do poder ante a infame xestión da catástrofe do Prestige e a tremenda marea negra. Lembran Muxía? Nunha meditada estratexia, co asesoramento de expertos publicistas norteamericanos, o equipo dirixente do Goberno de Aznar recorreu a unha técnica do marketing político que conseguiu en grande parte o seu obxectivo. Tratábase de elixir un lugar controlado, con alcalde siareiro e sociedade mansa. Estudiaron todas as variantes con detalle e o alfinete coa bandeiriña foi cravado en Muxía. A técnica da aldea potemkiana está inspirada en Potemkin, home forte da corte tsarista. Cando a tsarina quería viaxar para coñecer o xeito de vida do pobo, o Potemkin ía por diante coa intendencia, engalanaba as aldeas, ocultaba as miserias con decorados de cartón pedra e vestía á xente con roupaxe folclórica. E a tsarina pensaba que o seu pobo era o máis feliz do mundo.

Tocoulle a Muxía ser a aldea potemkiana de Aznar e Fraga. O referente. A metáfora. E funcionou. Nas pasadas eleccións municipais, todas as cámaras foron a Muxía. O primeiro titular era Muxía. Moitos perspicaces analistas descubriron Muxía. E Aznar, preguntado polo Wall Street Journal, resumiu sorrinte o resultado das eleccións municipais: "Muxía, of course". Normal que sorrira: a cantidade de xente que picou no engado! As contas dos votos no conxunto de Galicia non cadraban, mais foi moita a xente que picou. Unha porque quería picar, e outra por andar coa vista cansa.

O certo é que a sociedade cambiara. E máis vai cambiar nestas vindeiras eleccións municipais, que poñerán fin en grande parte ao tópico da Galicia profunda. A decisiva ponte a outra xeira da Galicia política, na que xa nin os máis preguiceiros poderán dicir como axioma que a sociedade galega é de natural conservadora.

A TRISTE HISTORIA DA HISTÓRICA SIGLA

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Algúns experimentos que se andan a facer, teñen que ver coas mutacións no tradicional electorado da dereita en Galicia. Son novos e vellos palangreiros que tratan de pescar nese caladoiro. Para metamorfose, a do Partido Galeguista. Eu xa non sei se é coleóptero ou lepidóptero. Da historia das siglas, esta é unha das máis tristes da historias. Unha coruñesa, María Teresa Alvajar, contábame hai pouco como a súa nai galeguista, Amparo Jean, trataba a Castelao de irmán en público, para escándalo dos túzaros. Así era, o partido dos irmáns. Esas siglas atesouraron, en tempos decisivos, a honra ilustrada de Galicia. Foron un referente político, mais tamén moral. E na Coruña, o Partido Galeguista tivo máis importancia e presenza da que se adoita falar. A Agrupación de Mulleres era a máis importante. E figuras como a do xornalista Antón Villar Ponte déronlle unha clara identidade de esquerdas. Agora, pobres siglas, son usadas como nun teatro de monicreques. Nin a propaganda é feita en galego. Nin se defende o topónimo coruñés. Unha mofa e unha befa. Iso si, o candidato convida a voar en avioneta por riba da cidade, nun acto de perigosa seducción electoral. A campaña friqui. E Carlos Marcos, que así se chama, vén de decir que pode pactar con calquera, agás co Bloque Nacionalista Galego. Por que? Porque son "inimigos da Coruña". Eu non teño que ver co BNG, e mellor para o BNG e para min, mais penso que esta linguaxe non debería figurar no vocabulario democrático e ten moi pouco que ver co verdadeiro carácter coruñés, de estilo e tradición republicana. É unha linguaxe bélica que nos leva ás teorías do Carl Schmitt. Inimigos? Xa pasou o tempo dos inimigos, ho.

AS MIGAS

O PRIMEIRO VERSO. Ao arrinque da inspiración chamaba James Joyce "epifanía" e Valle-Inclán, "iluminación". A min gústame moito o que dicía Vicente Aleixandre: "O primeiro verso cae do ceo". Despois da chuvia, sempre saio ao estrelampo pola beiramar da Torre de Hércules, por ver se me cae o primeiro verso. Mais por alí xa debeu pasar Rivadulla Corcón, a apañalos todos coa súa nasa de libertario poeta muxián, para ceibalos outra vez pola ondas da Radio Galega, onde fai un programa por enteiro dedicado, hai que ter valor!, á poesía.

CAIXA DE MISTOS KAFKA. A min a inspiración venme dunha caixa de mistos marca Kafka, mercada en Praga, nunha tenda a carón do cemiterio xudeu. Prendo un fósforo e vexo así A metamorfose: el espertou como "insecto monstroso" cando se decatou de que amaba á irmá. Pode a familia vivir sen Gregor Samsa, trala noxenta mutación? A resposta, malia todos os escrúpulos, é que si. Mesmo a familia mudará de casa, como o corpo de Grete, a irmá, mudou a fermosa muller nesa primavera. A familia vivirá sen Gregor Samsa, mais nós non. A humanidade non. O seu cuarto é a tobeira da humanidade. O cuarto do soño, da disidencia, do desexo.

A MÁQUINA DO BALEIRO. Un dos días de maior abraio na miña vida. Cando nun escaparate de ferraxería en Madrid vin un artefacto e o letreiro que o identificaba: "Se vende máquina de hacer el vacío".

O TRASLADO. Na cacería da guerra do 36, levouse ao límite o home e o eufemismo para matalo. Experimentouse coa linguaxe nos lameiros do subconsciente. Avanzan moito as pescudas sobre os feitos, mais sería ben interesante un estudo do ocorrido coa linguaxe. Unha historia das verbas da guerra. Por exemplo, os nomes dados ao crime. Ir dar un paseo significaba unha viaxe á morte. O mesmo, claudiar ou ir ás claudias, en Ourense. Dinme en Bos Aires que a verba utilizada na dictadura dos militares, entre o 1976 e 1982, era traslado. Asasinar. Facer un traslado.

A INMORTALIDADE. No diario dun escritor, Dostoievski apunta que a inmortalidade é a única verdadeira idea que tivo a humanidade. Leo isto en tardiña de domingo. Polo patio de luces sobe ou descende o rumor inmortal do Carrusel deportivo. Dostoievski non sabía do futbol.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_