_
_
_
_
_
EPISODIOS GALEGOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O monstro de Gaiás e a avenida pantasma

Manuel Rivas

Veñen de producirse dous acontecementos históricos en Galicia e polo prezo de un. O primeiro, o anuncio da paralización da Cidade da Cultura, nun recoñecemento implícito do desbalde e ruína que supuña para a comunidade a continuación das obras. E ao tempo, vénse de aprobar a denominación de Avenida Manuel Fraga Iribarne para a vía que leva de Compostela á devandita Cidade da Cultura. Todo indica que estamos ante o monumental fracaso dun gran delirio de grandeza, polo que, en consecuencia, é lóxico preguntarse o porqué desa homenaxe a quen argallou, promoveu e puxo en marcha co orzamento público o macro-mausoleo de Gaiás. Verbo deste asunto, Fraga non é unha casualidade máis, senón a gran causalidade.

Co Gaiás houbo voces críticas, si, mais as primeiras desapareceron soterradas nos cimentos

Se sumamos a súa época de ministro na ditadura, como Fraga Iribarne, e de presidencia monárquica na autonomía, como Don Manuel, o político conservador foi talvez o máis homenaxeado na Galicia do século XX. Como din en Lalín, con razón ou sen ela. Non sei se aínda conservamos un millón de vacas, mais o que é case seguro é que temos un millón de placas. E en moitas delas figura o seu nome en letras de molde. En épocas futuras, cando os arqueólogos pescuden á procura de restos, sorprenderanse seguro con dous tipos recorrentes de achados: as placas fraguianas e os bustos baltarianos (omnipresentes na antiga Ourense). E é posíbel que atribúan as abondosas iconas ao culto que se lle rendía a dúas especies de deuses domésticos ou lares.

Cando é preguntado pola comenencia de chamar a Alcibiades para o goberno de Atenas, Esquilo di o seguinte: "É mellor non criar un león na cidade, mais se se fai, o mellor é adulalo". Isto aparece na obra satírica As rás, de Aristófanes. Non presta agora facer un balance da obra do señor Fraga, mais a cita vén a conto para definir o único tipo de relación que semellan ter os seus discípulos políticos co señor Fraga. O da adulación.

E esa necesidade permanente de adulación pode ser mala conselleira, con efectos contraproducentes e satíricos de seu, como é o caso. da lúgubre avenida que leva a Gaiás, que tanto lembra os camiños dos contos: irás e non volverás. Un soño convertido en pesadelo. Coido que a Fraga non lle facían falta máis rúas para pasar a historia. Pola contra, esa denominación da Avenida, acordada ao mesmo tempo que o Goberno galego decide adormecer a Cidade da Cultura, semella unha puntada sen fío. Completar a metáfora do absurdo. Gaiás foi un gran erro, mais non só pola multiplicación incontrolada dos custes. Foino xa no seu arrinque, na súa orixe. A maior arroutada de megalomanía da historia de Galicia. O noso Titanic varado. Un pecado de soberbia no país onde falan as pedras, no lugar onde un modesto e maxistral obradoiro fixo posíbel o local universal do Pórtico da Gloria. O erro estaba na ollada, no maxín, nas magnitudes. A medida de todo, a moeda verdadeira, era o ego. Púxose en marcha a maquinaria pesada, sen facerse as preguntas esenciais que calquera pobre dun arrabaldo se fai antes de emprender unha nova obra: Por que? Para que? E logo: Podo ou non? Nunca endebedarse máis dun terzo.

Peter Eisenman, o arquitecto que conectou coa megalomanía do Patrón, deu a clave de por que este purgatorio, unha des-obra de faraonismo futurista, puido prender aquí. Nun país con verdadeiro control democrático, coas contas en orde, e con prioridade no benestar público, nunca sería posíbel. Foi algo que el dixo. Recoñeceuno. Algo como a Cidade da Cultura, tan pouco "cultural", nome ao estilo de Mussolini (un fan do futurismo, por certo), só podería saír adiante cun poder forte. Cunha autoridade de mentalidade grandiosa. Unha autoridade inchada. Palabra, invisíbel, de Eisenman.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Agora, cando a motoserra non ten compaixón nin coa escola nin coa saúde, preguntámonos como foi posíbel o do Gaiás. Houbo voces críticas, si, mais as primeiras, na época da Pax Fraguiana, desapareceron como soterrados nos cimentos de Gaiás. Pérez Varela, o conselleiro que valoraba ao peso cada intelectual galego e disque saíalle a 300 euros, pois ese si que merecería a Avenida e mais a Rotonda.

O segundo grande erro do monstro de Gaiás foi cando o Goberno progresista, de coalición, non o parou. Polo que contan, era complicado, e as empresas construtoras, con contratos asinados, pedían contrapartidas disque impagábeis. Mais aínda así, faltou coraxe. Isto é así. Pero que a coalición progresista non tivese coraxe non dá dereito a cómicos afeccionados, como o deputado por Vilalba Agustín Bahamonde, a que pretenda matarnos de riso, con esa declaración na que acusa ao Bipartito de ser o principal culpábel por non parar "o monstro de Gaiás". O monstro que pariu Don Manuel.

Agora, semella existir consenso entre Goberno e oposición para unha paralización ou moratoria. E mesmo comeza a albiscarse a idea de que os dous predios pendentes non serán construídos. Parabéns a Roberto Varela, pola coraxe.

Que ficará de Gaiás?

A onde levará esa avenida pantasma?

O tempo adoita ser un bo arquitecto. Dende logo, é un grande artista. Ao mellor Gaiás, co lique e co brión, coa pintura da intemperie, irá acadando un certo engado: a atracción da extravagancia, o fracaso da grandiosidade.

E un aire.

Na medicina popular galega hai un conxunto de doenzas que levan ese nome: o de aire. Moitos e variados os males de aire. Poden ser causados polo contacto con persoas, animais ou obxectos. Mais eu coido que aínda está por diagnosticar e asumir o aire que levou a este desastre que hipotecou a arca do país e os investimentos en cultura. Porque ese é o grande paradoxo. Quen foi o primeiro damnificado da Cidade da Cultura? Pois a cultura!

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_