_
_
_
_
_
Luces

O noso home en Londres

O finado Fernando Pérez-Barreiro, tradutor de Shakespeare e do chinés, foi como un 'gentleman' anglogalego

Parecía un personaxe de John Le Carré, coinciden en describilo varios dos que o coñeceron. Quizáis porque era discreto, humilde, de conviccións firmes e moi sabio, todo cun aspecto impecablemente británico. Nacer naceu en Ferrol en 1931, pero viviu desde 1963 no Reino Unido, onde morreu o pasado día 4, en Lancaster, dunha pulmonía. Quizais fose a súa discreción e ese afastamento xeográfico, que non afectivo nin intelectual, os que impediron que en Galicia a súa figura e a súa obra tivesen o coñecemento que merece alguén que dominaba unha ducia de idiomas, entre eles o chinés, do que traduciu para o galego, e fose tamén pioneiro na reivindicación pedagóxica do noso idioma.

Fernando Pérez-Barreiro era fillo dun avogado ferrolán do mesmo nome, dirixente nos anos 30 de Derecha Regional Gallega, e director de La Verdad, o xornal do partido, e tamén de El Correo Gallego na súa etapa ferrolá. "A el o galeguismo víñalle en parte de familia, pero na primeira etapa na que o coñecín, entre 1954 e 1958, non manifestaba inquedanza ningunha. Algunha máis xa despois na Coruña, cando comezou a ter trato con Ramón Piñeiro, pero sobre todo, a identificación galeguista tívoa en Londres", recorda Xosé Luís Franco Grande, un dos amigos que conservou toda a vida. Pérez-Barreiro foi a Londres, en 1963, como un exiliado existencial. "Era un home brillante que non quería queimar as súas enerxías nun traballo de avogado que non lle gustaba", asegura Franco Grande, compañeiro seu no despacho de Sebastián Martínez Risco, que acababa de ser designado presidente da Real Academia Galega.

Dominaba ata 12 idiomas e en 1983 foi o único español licenciado en chinés

O avogado que non quería selo aproveitou a oportunidade de ir traballar nas emisións en galego que facía a BBC, e logo desenvolveu a súa carreira no seo da Organización Internacional do Café, da que foi xefe dos servizos de tradución. Os idiomas eran algo máis ca un traballo. En 1972 Pérez-Barreiro publicou Macbeth (Galaxia), a primeira versión dunha obra de Shakespeare ao galego, e en 1984 traduce para Xerais, coa súa muller Teresa Barro, as obras de Lewis Carroll Alicia no País das Marabillas (pola que levaría en 1985 o Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís do Ministerio de Cultura) e Alicia do outro lado do espello. En marzo de 1983, a sección Gente deste periódico falaba del como o único español que nese ano se licenciaba en lingua chinesa, e tamén que viña de publicar unha tradución ao galego dun panorama da narrativa corta china moderna (Flores e leña, Edicións Xerais).

Fernando Pérez-Barreiro e Teresa Barros foron tamén os pais do Grupo de Traballo Galego creado na capital inglesa, un colectivo de intelectuais que, entre outras cousas, en 1974 "elaborou un Plan Pedagóxico Galego, un informe que resultou moi útil para os primeiros pasos da normalización e que foi dos primeiros estudos en reivindicar a escola en galego, algo que hai que ter presente agora, coa que está caendo", considera o daquela pedagogo e agora director de Edicións Xerais, Manuel Bragado.

"Foi un personaxe que me resultou fascinante, moi discreto e moi elegante. Como Plácido Castro, polo que el tiña moito interese, formaba parte dese agromo do que podería ter sido un corpo diplomático galego", di Manuel Rivas, recordando o seu contacto con el nun vello hotel da rúa James Baker en 1999 cando o escritor coruñés vivía en Londres. "Desde logo, parecía un home que estaba cumprindo unha misión", novela Rivas.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

"Era un cabaleiro moi inglés, que estaba entregado á tarefa galeguista", defíneo o presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Craig Patterson, que o coñeceu en Escocia nun congreso sobre Galicia. "Como moitos galegos no Reino Unido, quería britanizar a política de Galicia, no bo sentido, achegar máis consenso e máis diálogo", di Patterson, querendo probablemente dicir máis sentido. Nos últimos anos, Fernando Pérez-Barreiro Nolla retomou con forza a súa vinculación con Galicia, a través do Instituto Galego de Análise Internacional (IGADI) que dirixe en Baiona outro sinólogo, Xulio Ríos. No IGADI e n' A Nosa Terra facía análises de política exterior.

En 2005 foi galardoado co Pedrón de Honra en 2005 e coa medalla Castelao en 2009, pero nin honores nin anos amoleceron as súas conviccións. "A defensa da lingua, que é tarefa nobre e parte do galeguismo de sempre, desvía a atención da defensa dunha cultura e unha sociedade que sexan igualmente creativas", afirmaba en Non abonda coa lingua, o seu último traballo na web do Grupo Galego de Londres. "O resultado terríbel é que, a quen observa a cultura galega, ofréceselle un panorama no que se expresa en galego unha cultura esencialmente española, a española de hoxe, que supón unha enxurrada de modas, modais e modismos da vulgaridade universal".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_