_
_
_
_
_
GROUCHOS | LUCES
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

A ondada depredatoria, o feísmo e a violencia catastral

Manuel Rivas

Leo en El Progreso de Lugo unha magnífica crónica de alcance mundial. Trata do urbanismo en Barreiros, na costa da Mariña, e infórmase dos preparativos dunha mobilización de veciños, comandada polo señor alcalde, contra as medidas de control urbanístico e protección do litoral que está a tomar o Goberno que preside Touriño. Mais o sorprendente e novidoso non é o anuncio dunha manifestación, senón a razón esgrimida e que mesmo podería servir de lema: "Nós tamén queremos ser multimillonarios".

Hai cousas que se poden refutar doadamente. Por exemplo, este grupo de veciños propietarios reclaman poder construír a ras de praia "como sempre se fixo". Home, hai cousas que se fixeron sempre, pero que algunha vez haberá que deixar de facer. Sempre se afogaron os cans nun saco. Sempre se tirou o lixo ao río. Sempre se deron vareadas aos nenos na escola. Sempre se queimou o monte. Si, sempre se fixeron barbaridades. Que as taras sexan típicas non as fai máis razonábeis. Hai tradicións que mellor non existiran nunca. E a idea, tan asentada, de que o costume fai lei, pois é moi perigosa. En Estados Unidos, no sur, tiñan por costume aforcar a quen lle aprendera a un escravo a ler. Ata que se acabou coa escravitude.

O que é máis difícil de rebater é a proclama esa de "Nós tamén queremos ser multimillonarios". É un auténtico manifesto. É como o Manifesto Comunista posto do revés. O Manifesto Multimillonario. L'esprit des temps, machiño!, que diría Beiras arrepiado. E cito a Xosé Manuel Beiras porque é o mellor exemplo dun profesor de economía que pode selo de ética. O único xeito efectivo que se me ocorre de refutar a proclama multimillonaria do lobby de Barreiros é que vaia Beiras e que lles explique en francés a paradoxal pobreza multimillonaria.

Non sei. Hai que botar contas. Que ergan a man os que non queren ser multimillonarios! Un? Velaí o Enrique de Castro ese, ademais de cura, roxo. As desgrazas nunca veñen soas. Agora, a ver, cantas praias hai en Galicia? Se cadra dan as praias para facérmonos todos multimillonarios. Todos no ras da praia, en pantalón bermudas e camisa hawai, co vermú na man, a falar do cambio climático. E se sobe o mar, que suba. Que se leve a area. E o Deus que a fixo.

'GALIZA NON SE VENDE'

Xente como area. Un mar de xente. Iso é o que debía haber este vindeiro domingo en Santiago, na convocatoria contra a desfeita urbanística e a degradación ambiental. Para manifesto atinado o que nace co lema Galiza non se vende.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

É unha chamada que, esta si, marca un tempo: o reloxo en hora da conciencia da humanidade galega. Exemplar tamén o xeito en que se organiza, coa unidade en rede, sen dirixismos, de máis de 40 asociacións ecolóxicas, dende a internacional Greenpeace (imprescindíbel a lectura do informe Destrución a toda costa) a colectivos nacidos en loitas concretas ao estilo Fusquenlla de Pontedeume, pasando pola teimosía histórica de Adega. Compostela vai ser escenario do xeito vangardista de ser e estar no mundo: pensar no universal e actuar in situ, pensar na Terra toda e actuar na propia terra.

O manifesto define cunha extraordinaria precisión lingüística a peste actual. A ondada depredatoria. Depredación. Esa é a verba. Nunca tanto algúns pares de ollos miraron tan en fite para o mapa de Galicia. Ollos de nados aquí ou alleos. A depredación non ten patria, por moito que se adorne de bandeiras. Descoñéceno case todo sobre a cultura, mais sábeno todo sobre o chan, o caudal dos ríos e a forza do vento no cimo da serras. Sodes os dous a mirar. Mais onde ti ves Galicia, os ollos depredadores están a ver un gran solar.

Depredación e violencia. Ao maltrato no fogar chamámolo violencia doméstica. O maltrato do territorio, do fogar de todos, ten sido definido como violencia catastral. Paréceme unha maneira de chamar polo nome o que ocorre en Galicia. Moito temos falado tamén de feísmo urbano. (Outra imprescindíbel consulta é a web feismo.com e o volume Feísmo? Destruír un país, de Difusora de Letras, resultado dun foro que agora ten a súa continuación en Ourense no encontro Construír un país a re-humanización do territorio).

O PAPAGAIO E O INFERNO

Mais encol do feísmo hai certa confusión. Ás veces semella que o "feísmo" é un recurso de señoritos da cidade para falar dos pendellos dos da aldea. Por suposto que hai moita destrución, e aínda máis abandono, na arquitectura rural en lugares e aldeas, pero, na realidade, o peor feísmo é o feísmo a grande escala de vilas e cidades. Dous exemplares paradigmáticos: o feísmo de Palexco no porto da Coruña e a espantosa construción (cráter-aparcadoiro de 11 sotos!) que ocupa o antigo barrio do Papagaio. En comparación con este Moloch, o pobre Papagaio era un barrio ben artístico.

Si, a grande depredación é a que está a despezar Galicia. Como se puido permitir a destrución paisaxística do cabo Vilano, ese grandioso castelo natural de Elsinor no mar da Costa da Morte? Que mentes trastornadas aprobaron a instalación da planta de gas no interior da ría de Ferrol ao tempo que se fanaba a pantalla litoral para un porto exterior? E todo o relatorio pode levarnos ao Inferno, agora que o Papa vén de rehabilitar ese espazo no duodécimo soto do aparcadoiro do Papagaio.

Todo isto é verdade. Mais tamén é certo que hai unha Galicia que vén loitando de xeito exemplar contra a depredación, a violencia catastral e o feísmo. Esa é a nosa tradición, non a da desfeita. Na arquitectura popular está o sentido da harmonía, as proporcións da sección áurea, como ben demostran os volumes de Pedro de Llano ou Manuel Caamaño. Como tamén o estaba na arquitectura cidadá de antes da dictadura. Na paisaxe humanizada está xa, en xerme, a relación ecolóxica entre a humanidade e a terra, ese ser "copilotos da creación" que enunciou de xeito maxistral Edgar Morin. O pensamento, a literatura e o xornalismo que deixarán pegada no futuro están atravesados por esa enerxía positiva de comuñón coa natureza.

Si, esa é a verdadeira tradición galega. A da Nai Terra. A que loitou contra o asolagamento do val de Castrelo de Miño, nos anos 60. Contra a destrución do Castromil en Compostela. A que impediu a construción dunha central nuclear en Xove. A que non permitiu máis celulosas nas rías, con grandes manifestacións e en plena dictadura (se mesmo querían poñer unha no val de Lemos!). A que conseguiu cambiar o trazado da autoestrada do Atlántico e que se pagara a terra non regalada. Segue a terxiversarse a historia. A loita aquela non foi un anacronismo: demandábase unha autovía libre de peaxe. A Galicia que logrou o peche do cemiterio de residuos radioactivos na Foxa Atlántica e a fin destes vertidos en todos os mares. A Galicia do Nunca Máis que conseguiu compensacións para os afectados polas mareas negras, a obriga dobre casco nos petroleiros e o cambio de lexislación comunitaria para ampliar a responsabilidade penal a armadores e compañías fretadoras da carga. A Galicia que non mira para outro lado cando arden os montes e que vai ás causas de fondo: o modelo nefasto de repoboación forestal e a urxente necesidade dun plan directorio para o enteiro país.

Falando do que falamos, alguén coñece mellor recurso natural, mellor valor, que a coraxe dun pobo que non permanece atrófico ante a ondada depredatoria, que se rebela contra as inxustizas? Iso si que é ser multimillonarios. Iso non ten prezo.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_