_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A poesía de Méndez Ferrín pousa no castelán

Calambur edita nun volume cinco libros do presidente da Academia

Escríbeo Antonio Gamoneda, premio Cervantes e amigo de vello do autor de Contra maquieiro: "Hace cerca de medio siglo, cuando yo era, al parecer un mozo (decían, incluso, que era un poeta joven), tú, lo quieras o no lo quieras, escasamente pasabas de chiquillo y, por alguna disparatada causa, ya estabas hecho un poeta entero y grande". É un fragmento do pórtico da Poesía fundamental, o volume que xunta os cinco libros da produción poética de Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), tres deles por primeira vez en castelán. Só faltan os materiais espallados de Era na selva de Esm.

"Non sei se os tradutores deben falar moito", comeza o poeta e ensaísta Manuel Outeiriño, canda a xornalista leonesa Eloísa Otero responsábel da versión bilingüe e anotada que publica Calambur, "con todo, o mellor desta edición é poder ler Estirpe cunhas notas que explican o que aconteceu en 1936 no Cambedo, ou cal foi a importancia real de Prisciliano". Os poemas de Ferrín comparecen en castelán acompañados dun aparello de glosa que esmiúza as múltiples referencias literarias, históricas, á propia mitoloxía persoal do autor ou políticas que inzan os textos e contribuén a diagramar o que o propio Gamoneda denomina, con certa agudeza, "materialismo histórico-visionario" do poeta. "Visiones que eran, de paso, verdades como puños", engade.

"Ferrín decidiu que aínda era novo para a 'obra completa", sinala o cotradutor
A tradutora compara 'Con pólvora...' e 'Descripción de la mentira'

Na Poesía fundamental está o corpo central dos versos ferrinianos. Da xa instituída pedra fundacional da poesía contemporánea Con pólvora e magnolias (orixinal de 1976) a Contra maquieiro (2005), que viu a luz exento e en castelán en La Habana, coa intercesión do editor Constantino Bértolo, vai para tres anos. A Poesía enteira de Heriberto Bens (1980) -o heterónimo predilecto, e contundentemente combativo, do escritor-, O fin dun canto (1982) e Estirpe (1994) completan a tradución. "A pouco que fedellásemos, podiamos xuntar algúns textos menos coñecidos e agochados en publicacións colectivos e elaborar unha poesía completa", sinala divertido Outeiriño, "pero Ferrín decidiu que aínda era novo de máis para ter unha obra completa. E a nós pareceunos ben, claro".

"Este libro é unha historia de amizades", afirma, dende León, Eloísa Otero. Do seu empeño de traducir Con pólvora e magnolias, un labor que iniciou xunta Manuel Outeiriño cando deixou Galicia e que chegou ás librarías en 1994 da man da editorial Hiperión, naceu o proxecto actual. "Hai tres anos que estaba listo e foi Juan Carlos Mestre [poeta berciano, premio Nacional en 2009 por La casa roja] quen mediou coa editorial Calambur", lembra, "así que a amizade aparece por todas partes".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Para Otero, tamén poeta e mantedora do blog Isla Kokotero, en Poesía fundamental -cuxo epílogo redactou Outeiriño baixo o título Méndez Ferrín, poeta cimarrón- "aparece un poeta singular, pero tamén moitas outras cousas". "Non é poesía decorativa, senón que dá conta da vida e da humanidade", apón, antes de confesar que ela aprendeu a "ler a Ferrín grazas a Manolo [Outeriño]; son poemas, algúns, moi escuros, difíciles para alguén que non é galego". A xornalista láiase das escasas traducións da obra de Méndez Ferrín e considera que "é duro de ler na súa propia lingua". E garda na memoria lectora unha analoxía co prologuista do volume: "Para min hai dous libros fundamentais en España, Con pólvora e magnolias e Descripción de la mentira, de Gamoneda. Os dous datan de 1976 e os dous tratan da loita, da esperanza, da mentira, da traizón".

Outeiriño resume axiña os obxectivos de traballar nesta Poesía fundamental. "Da mesma maneira que El Bardo traduciu a Celso Emilio nos sesenta e tivo lectores, Ferrín pode ter lectores en castelán", opina. Porque "a noticia" dos poemas traducidos dun home "non moi interesado na autopromoción" atópase, antes de máis, "en que difunde a un autor que eu creo que é moi interesante".

En español

- Fría Hortensia y otros cuentos. Dezaoito relatos traducidos por Moncha Fuentes, Xavier Rodríguez Baixeras e Celina Suso Pasquier. Editorial Alianza (1999)

- En el vientre del silencio. A súa novela de 1999, traducida por Moncha Fuentes. Editorial Txalaparta (2002)

- Amor de Artur. Libro de contos de 1982. Versión de Moncha Fuentes e Xavier Rodríguez Baixeras. Editorial Impedimenta (2009)

- Arraianos. Relatos de la Raya, tierra de nadie. Esta compilación de relatos, orixinal de 1991, apareceu en versión castelá de Luísa Castro. Editorial Ronsel (1994)

- Con pólvora e magnolias. O seu libro de poemas máis emblemático, de 1976, foi traducido por Manuel Outeiriño e Eloísa Otero. Hiperión (1994).

- Contra maquilero. O seu último libro de poemas, de 2005, tamén en versión de Outeiriño e Otero, publicouse na editorial Artes y Letras de La Habana (2008)

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_