_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A primavera do cinema en galego

Ata tres películas rodadas en versión orixinal están seleccionadas para competir na sección oficial do Festival de Málaga, que empeza mañá

Unha ducia de filmes compiten desde mañá na sección oficial do Festival de cine de Málaga, o máis relevante do cine español despois do Festival de San Sebastián. Entre esa ducia de filmes haberá dúas películas galegas, Crebinsky, dirixida por Enrique Otero, e Doentes, dirixida por Gustavo Balza, aos que se suma na sección de documentais Radiografía dun autor de tebeos, de Marcos Nine. Ademais da considerable repercusión que supón formar parte da sección oficial, hai un dato que non debe pasar inadvertido: os tres traballos están rodados na súa versión orixinal en galego. "É unha feliz coincidencia, e cada vez se demostra que a versión orixinal non debe ser un problema, senón un valor", comenta Antón Reixa, que coa súa empresa Filmanova, ven de producir Doentes, un filme que parte dunha obra teatral de Vidal Bolaño, ambientado na Compostela dos anos cincuenta.

'Crebinsky' estrease o 8 de abril e 'Doentes' estará nas salas en maio
"Pa negre' demostra que unha película noutra lingua pode funcionar nas salas"

En Málaga tamén estará presente Enrique Otero co seu filme Crebinsky, a singular historia duns personaxes, interpretados por Miguel de Lira e Serxio Zearreta, que subsisten do que se chama "andar ás crebas", peneirar os obxectos que cuspe o mar bravo da Costa da Morte. Polo que se deduce na ducia de filmes escollidos na sección oficial, Málaga virou este ano máis cara unha aposta por directores debutantes, o que fai pensar ao director de Crebinsky, que o seu filme ten "tantas posibilidades de levar un premio como calquera outro".

A presenza neste importante festival de dous filmes rodados con partes en galego na súa versión orixinal fai que tanto Antón Reixa, como Enrique Otero, como o produtor Farruco Castromán, que participa nestes dous filmes, plantexen unha reflexión común: o que se podería chamar efecto Pa Negre, o filme rodado en catalán por Agustí Villaronga que se converteu por sorpresa no gran triunfador dos Premios Goya ao recoller nove galardóns. "Con Pa Negre transmitiuse que unha película noutra lingua que non sexa español pode funcionar en salas. Isto demostra que o cine está cambiando", explica desde a súa experencia Farruco Castromán, que hai tres anos puxo en marcha con Luis Tosar a produtora Zircozine. Castromán xa participara anteriormente noutro filme rodado tamén con moitas partes en galego, como foi a exitosa 18 comidas, dirixida por Jorge Coira. "Este filme sentou un precedente e comprobamos que o boca-orella funciona, o cal reforza máis este tipo de apostas ", engade o socio de Luis Tosar. Os dous filmes que estarán en competición oficial en Málaga serán estreados esta primavera. Crebinsky estará nos cines o 8 de abril e Doentes no mes de maio.

Estas dúas películas que compiten en Málaga centrarán a posteriori o seu esforzo no mercado galego e sairán para España con subtítulos. "A versión orixinal subtitulada supón un circuito menor, pero é un público máis esixente", comenta o produtor de Doentes, Antón Reixa, que cre que "existe un público potencial" para estas películas. "Na filmografía dos irmáns Coen hai un montón de acentos de América, todos moi diferentes, e non por iso deixan de gustar", afirma Reixa sobre as versións. Doentes é a primeira aposta en galego que fai a súa produtora Filmanova, aínda que case en paralelo estreará no Festival de Guadalajara, en México, o filme Anos despois, dirixida por Laura Gardos Velo, neta de Carlos Velo, tamén conservando a versión en galego. "Pa negre abriu unha boa estela e aquí tamén temos que intentalo, do mesmo xeito que esa heroicidade que fixo Ignacio Vilar con Pradolongo, levando a película case pobo a pobo", lembra Reixa, referíndose a unha das grandes batallas dos filmes minoritarios como é a da distribución. "Dobrar sería o fácil pero preferimos saír con menos copias e manter a esencia dun proxecto no que cremos, aínda que nos perxudique algo a nivel comercial, pero é un risco que asumimos", matiza Farruco Castromán sobre as películas que ten producido. Ante as graves carencias na distribución dos filmes independientes, Reixa avanza un proxecto que está xermolando á par da saída destas películas ao mercado: "Imos empezar a impulsar un sistema de distribución galego. É a primeira experiencia deste tipo, e imos tratar de chegar a todas as cidades que poidamos". Toda a embaixada galega que viaxará a Málaga -composta por produtores, directores, actores e músicos- vai con moita ilusión posta no festival, sen esquecer ao director Marcos Nine, que competirá co seu filme sobre o debuxante David Rubín na categoría de documentais. "De entrada, é a única curta que entrou na sección, o cal xa me fai ilusión", explica este director da Illa de Arousa. Para Enrique Otero, director de Crebinsky, "lembrando tamén Retornos, de Luis Avilés, posiblemente esteamos ante a mellor colleita de filmes galegos en anos". Malia todo, Otero non agoira un futuro inmediato moi optimista: "Isto é unha herdanza dun traballo que se fixo na mesma liña en anos anteriores, tamén coas axudas, pero non sei o que pasará de aquí en diante, porque non vexo moita produción en marcha".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A sorte de ter a Luís Tosar

En Málaga non só haberá filmes galegos, xa que o festival tamén homenaxeará a Luís Tosar. Pero o actor non estará presente só como homenaxeado, senón tamén na súa faceta de produtor, moi activa nos últimos tempos, a través de Zircozine, a empresa que comparte co seu amigo e tamén actor Farruco Castromán. Teñen participado en tres dos últimos filmes feitos en Galicia: 18 comidas, Crebinsky e agora Doentes.

Nalgúns deles, Tosar tamén participa como actor. "É unha sorte ter unha estrela como Tosar, que non pide caravana privada, nin cáterin especial, nin chófer, senón que ten vontade de facer cousas e séntese identificado con isto", louva Castromán sobre o seu socio e amigo. Desde o plató que teñen nas aforas de Santiago, Castromán explica a filosofía da súa empresa: "Participamos en producións modestas que poden rondar o millón de euros, un orzamento baixo para o que se move", afirma este produtor santiagués, que se prepara para asumir cotas máis altas. "Estamos proxectando cousas de maior presuposto", avanza.

Nos vindeiros meses Zircozine, e Tosar como actor, estarán en Colombia rodando a coprodución franco-colombiana Operación E, baseada na historia de Enmanuel, o fillo que Clara Rojas tivo cun guerrilleiro das FARC, e tamén no que, se cadra, será o proxecto máis ambicioso da produtora, Galaicus. Será un filme histórico que transcorre no século II a.C, baseado na presencia de Décimo Xuño Bruto en Galicia. A crise non pasou por Zircozine, e Farruco Castromán ten a súa opinión ao respecto: "Que haxa crise vai ser bo para que a xente levante o cu do sillón e sorprenda e innove dende as historias ata a financiación. Cómpre reinventarse".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_