_
_
_
_
_
Reportaje:Marea de verbas e imaxes | Luces

A protesta creativa

O 'Prestige' trouxo un estoupido artístico que deu color á revolta cidadá

Manifestacións temáticas secundadas por multitudes. Unha icona feita para a ocasión -a bandeira galega sobre fondo negro- que acadou difusión mundial en poucos días e aínda conserva o seu valor simbólico. Sectores artísticos enteiros conformando estratexias políticas. A reacción contra a marea negra do Prestige afectou á produción cultural, ó seu consumo (a venda de libros experimentou un crecemento apreciable) e á propia concepción das protestas.

O pulo creativo deu como resultado manifestacións sorprendentes
O autor da bandeira de Nunca Máis nin siquera rexistrou o deseño

Na altura de novembro de 2002, anos de rutina democrática converteran as manifestacións en cortexos testemuñais, de participantes afalados por megáfonos e consignas previamente pactadas. A do 1 de decembro, a marea dos paraugas, rompeu con esa inercia, ademais de coas previsións de asistencia. Máis de 200.000 persoas para escoitar, os que puideron, o manifesto dun escritor, Manuel Rivas. "Quizais o feito de que os voceiros fosen atípicos e o caracter literario dos manifestos fixo que chegaran a máis xente", reflexiona a cantante Uxía Senlle, que aquel día, e outros posteriores, acompañou a Rivas no palco. Enriba del cantou o Alalá das Mariñas, "máis emotivo de toda a miña vida", recorda. Naquela manifestación naceu tamén a bandeira de Nunca Máis. Calquera deseñador mataría por ter o copyright dese logotipo, pero o seu autor, Xosé María Torné, nin sequera o ten rexistrado, e recoñece que se inspirou nunha pancarta que levaba un cidadán anónimo.

Historicamente, as sociedades acéfalas e orfas de clases dirixentes procuran instintivamente referencias nas personalidades artísticas. Ou polo menos así pasou varias veces na historia de Galicia. Cando o Prestige os creadores galegos romperon tamén co tópico de que os artistas falan moito e fan pouco. Non pasara unha semana do afundimento do barco e 300 asistentes a unha asemblea no Auditorio de Compostela crearon o brazo cultural de Nunca Máis e chamáronlle Burla Negra, como o barco do desafortunado pirata pontevedrés Benito Soto. Ó día seguinte xa estaban pechados na Casa da Cultura de Laxe, "na marea baixa limpando chapapote e na alta limpando mentiras", lembra un deles, Miguel de Lira.

O pulo creativo de Burla Negra e a receptividade de Nunca Máis deu como resultado manifestacións ("mani/festa/accións", en definición de De Lira) de temáticas tan sorprendentes como A marea gaiteira que xuntou a 20.000 persoas, moitas con instrumentos musicais" en Santiago, os 40.000 escolares que abrazaron a costa toda, ou O velorio do mar e a manifestación das maletas na Coruña. "O velorio pensouse como unha instalación, chantar cruces polo mar asasinado na praia do Orzán. O proxecto inicial das maletas era levalas a ocupar os aeroportos como protesta porque nos obrigaban a marchar" recorda o artista plástico Pepe Galán, autor das dúas iniciativas. A macromanifestación de Madrid, o 23 de febreiro, quedou no recordo dos participantes como algo parecido á Love Parade berlinesa. En cada convocatoria, cada manifestante era un performer, como entendeu perfectamente Bi, o artista que acaparou os focos nas concentracións cos seus disfraces.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Foron días de guerrilla situacionista. Un grupo de arquitectos e estudiantes coruñeses tomaron a Torre de Hércules e penduraron dela fitas plásticas negras (os "hilillos", evidentemente). Brigada Remolca-Madriña, outro colectivo de arquitectos de Vigo, construiu unha especie de batea na rúa Príncipe. Alumnos da Escola de Imaxe e Son da Coruña argallaron un fotomatón aberto ós paseantes dos Cantóns. Gravaron tres horas de opinións. Practicamente todos os debuxantes e historietistas galegos coordenados polo guionista Kike Benlloch e o debuxante Manel Cráneo formaron o Colectivo Chapapote, que desenvolveu un inxente labor gráfico. "Quedou claro que temos xente con moita inventiva, moi lúcida e con retranca, e non soamente os que sempre chupan cámara", asegura Benlloch.

Os concertos solidarios son un clásico das reivindicacións. Houbo que facer dous, un de cantautores/folk e outro de pop rock, para acoller a tanto grupo. Tamén se editaron dous cedés colectivos con músicos galegos e foráneos. E o 1 de febreiro de 2003 foi posiblemente o día da meirande oferta cultural na historia de Galicia, o Concerto Expansivo: simultaneamente, ás 10 da noite, 147 actuacións, desde sesións de música electrónica a canto coral, de pop a heavy, pandereteiras, ou malabaristas.

"O ser humano cando se excita é creativo, e ten ganas de significarse", analiza Suso Iglesias, daquela un dos promotores de Burla Negra e hoxe director da TVG. "E había unha tensión emocional tal que ata tomando unhas cañas se argallaban accións que,non soamente se levaban a cabo, senón que nelas participaban milleiros de persoas", engade. Naqueles días Manuel Fraga poucas veces tivo tanta puntería intelectual como cando sentenciou: "Algúns cren que están en maio do 68". A revolta francesa non mudou a sociedade, pero si a De Gaulle da presidencia.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_