_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

O teatro arrepónse

Vinte estreas abren a tempada, aínda sen coñecer cal será a nova política escénica

Di Manuel Lourenzo que o teatro "está en pugna coa política porque tamén é política". "Ten que selo". O Premio Nacional das Artes Escénicas de Galicia -o primeiro e o último, de momento- explica así a capacidade de arrepoñerse e o talento para encoirar do teatro galego. As escenas de xuño, cos festivais, as compañías e os actores denunciando o atraso no pagamento das subvencións, as destitucións no Centro Dramático e no Centro Coreográfico e a volta ao traballo por separado.

A falta de ver cómo vai a compravenda na Feira Galega das Artes Escénicas, que conta xuntar a 140 programadores e axentes culturais de España e Portugal (alí estrearán espectáculo Galitoon, Excéntricas e Kukas), a tempada iníciase con repertorios cruzados. Hai pezas autorreferenciais, circo con danza-jazz, teatro de emocións e musicais multitudinarios: case vinte estreas entre setembro e novembro. Lagarta Lagarta, a compañía de Ernesto Chao e Rosa Álvarez, presenta hoxe en Narón O segredo dos Hoffman, adaptación de Roberto Salgueiro da novela de Alejandro Palomas. Chao sitúaa en liña de continuidade con Aeroplanos e As últimas lúas. "Estou farto de tanta comedia banal", di o actor, que reivindica as montaxes de custe emocional. "A diversión non ten que ver co xénero".

"Falta que os teatros públicos aposten polas obras de risco"

Afeitos aos espectáculos pequenos, o problema de Lagarta non foi convencer ao novelista barcelonés, senón á editoria Plaza y Janés. "Eles fan novelas para o cine

[o propio Palomas guionizou Ojos de invierno, de Ángeles González Sinde], pero convencéronse de que eramos xente seria e de que isto non é Hollywood".

Tras Imperial: Café Cantante, é Eduardo Alonso (Teatro do Noroeste) quen se atreve coa "superprodución" Glass city, o 24 deste mes no Teatro Jofre de Ferrol. A derradeira, segundo argumenta. "É imposible facer algo así neste país". O novo texto de Alonso, cun elenco de 14 actores, reconstrúe A Coruña como cidade de cristal en 1958: "O de que Santiago reza, Vigo traballa e A Coruña se divirte vén de cando Franco veraneaba en Meirás". O Madrid dos favores ministeriais transplantado á Coruña, con atentado contra Franco incluído, e a burguesía hipócrita que alimenta o rexime, cíngueas Alonso nun espectáculo de danza, teatro e música de Bernardo Martínez. "Máis Cabaret que Hoy no me puedo levantar", trecolea.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A nova dramaturxia de Gustavo Pernas, Colgados (Logomonos), o 8 de outubro en Culleredo e a finais de novembro no Rosalía coruñés, é outra reflexión do director de Áncora Teatro sobre as posibilidades da incomunicación e a incuria contemporáneas. Interpreta el mesmo baixo a dirección de Ánxela Abalo. "O protagonista é o home-soga, un Celeiro que quere profesionalizarse como aforcado. Vendo que a xente se colga dos sitios, el ofrécese ao concellos para que o contraten, aproveitando o efecto transferencia". O Estado e a Conferencia Episcopal sospeitan: o home-soga non quere ser candidato nin aspira á santidade. O segundo logomono sería Freak de Feáns, cunha cabeza de home e outra de muller, mais Áncora tivo que adiar Concurso Levi. Contaban celebrar con ela os 20 anos da compañía, pero a festa terá que esperar.

Tamén risca o cuarto de século Teatro do Atlántico, anque a celebración "preséntase complicada", recoñece Xulio Lago. O director vigués, que en novembro terá que comezar os ensaios d'As actas escuras para o Centro Dramático, estrea o 9 de outubro en Narón O xogo de Ialta. Afterplay, dous textos do irlandés Brian Friel sobre historias de Chèjov. Lago xungue no mesmo espectáculo o primeiro, dramatización de Retrato de dama con canciño, e Afterplay, que reúne dúas décadas despois ao Andrei de Tres irmáns coa Sonia de Tío Vania. A dramaturxia para catro actores e músico non é o que preocupa arestora a Lago, á espera de que a nova convocatoria de axudas, a primeiros de ano, corrixa a redución de fondos para novos espectáculos deste ano.

O Cerrado por aburrimiento de Ana Vallés responde ao teatro de creación de Matarile Teatro e a "un certo estado vital actual", tras o abandono definitivo da compostelá Sala Galán. "O Centro Coreográfico era do máis estimulante que había en Galicia", insiste Vallés, que critica a "informalidade impensable noutras profesións; esa imaxe case franquista dos artistas que se chega a proxectar aquí: como se fosemos vagos y maleantes". Coa estrea pendente para finais de novembro no Teatro Colón da Coruña, a Vallés xúntaselle a dramaturxia de Cerrado..., con oito actores e bailaríns, coa xira vasca de Animais artificiais e a súa colaboración con José Campanari e Nuria Sanz (Sapristi) na dirección de Vaia tormenta. A obra que hoxe abre a tempada da compostelá Sala Nasa inscríbese dentro dos novos formatos escénicos para nenos e adolescentes: unha versión d'A tempestade, de Shakespeare, para públicos a partir de nove anos.

A Nasa e a viguesa Ensalle, dúas das cinco salas privadas de Galicia (sen contar a SGAE), certifican a boa saúde do teatro de risco. Dúas montaxes súas, Testosterona (Chévere) e 105 pasos o la mecánica de la carne (Ensalle), figuran entre os seis espectáculos escollidos pola rede estatal de teatros alternativos. Xesús Ron, da Nasa, alégrase de que Chévere sexa por fin compañía residente no espazo compostelán -con Sarabela (hoxe estrean A esmorga en Ourense), Teatro do Morcego (Narón) e Ningures (Cangas)-, pero segue botando en falta que os programadores dos teatros públicos aposten polas montaxes de risco. "Falta ese elo", afirma. Cascuda, a coprodución que o coruñés Diego Anido estreara co Centro Dramático en 2008, non tivo máis ofertas. Anido volveu a Barcelona, onde traballa para Señor Serrano e Andrés Corchero. Por Testosterona, historia dun intersexual que comeza cun concerto de punk, só se interesou Agustín Lorenzo, coordinador do Instituto Municipal Coruña Espectáculos.

"Se desaparecen as salas, onde metemos a creación contemporánea?", pregúntase Pedro Fresneda, de Ensalle, que abre a tempada a semana que vén con iki=breath: sing=dance, da xaponesa Hisako Horikawa. "Non ten sentido meter 70.000 euros nunha produción e que nós teñamos a metade para todo o ano". Entre os festivais alternativos manténse, contra marzo, o Alt de Vigo. Dez anos despois, o Zona Alternativa da Nasa deixa de ser festival. A idea agora é potenciar a música e conservar a marca.

"Estábannos mirando desde fóra"

Natalia Balseiro foi destituída á fronte do Centro Coreográfico cando se lle prometera continuar, como mínimo, un ano máis. Non houbo razóns. A súa praza, como a de Cristina Fernández á fronte do CDG, será sometida a concurso.

"Para nós supón un parón enorme", lamenta a bailarina e coreógrafa ourensá Rut Balbís, da compañía Pisando Ovos. "Din que sacarán as bases dos concursos en outubro, pero a preocupación témola todos. Non sabemos que vai pasar agora". Balbís louba o proxecto de Balseiro, unha das alfaias do bipartito na xestión da escena: "O Centro Coreográfico impulsou a danza en Galicia nun tempo récord. A xente de fóra miraba cara el de xeito apetitoso, convocáronse coproducións e residencias e acudían balilaríns de todo o Estado, europeos e galegos desterrados".

Era o momento "de establecerse", segundo a responsable da Asociación de Profesionais da Danza de Galicia, que agrupa a máis de 20 compañías e artistas independentes. A directora de Pisando Ovos, a compañía de danza máis votada en 2006 na rede estatal de teatros alternativos, agarda agora pola reunión, a semana que vén, co xerente da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos Fasero.

Sen saber cal é a nova política para a danza en Galicia -a única mención ás artes escénicas no programa do PP pasaba por recuperar o Ballet Galego Rei de Viana-, o problema máis inmediato sería "ter que esperar un mes máis para que se presenten os candidatos e outro mes máis para seleccionalos". Tamén está por ver como encaixa a partida do Plan Galego das Artes Escénicas -66 millóns entre 2008 e 2011- nos orzamentos de 2010.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_