_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Entre o vello e o novo

A crítica literaria cuestiona o modelo xeracional pero detecta propostas de interese

O consenso mediático adoita agrupar os escritores so o epígrafe de xeración. E, porén, a crítica non deixa de amosar reservas perante un concepto enormemente expresivo, popular, mais escasamente rigoroso. "Conceptos como xeración ou tendencia úsanse abusivamente", sinala o crítico Isaac Lourido, "e en realidade son máis ben palabras que teñen que ver con estratexias xornalísticas, pouco útiles para o estudo da literatura". Os investigadores consultados coinciden no escepticismo á hora de trazar liñas comúns entre os autores galegos últimos e apenas perfilan apostas particulares. "A concreción do novo no terreo artístico e literario é unha cuestión cada vez máis complexa", advirte o profesor Arturo Casas, "e non creo que deba reducirse ao factor idade".

"A concreción do 'novo' no literario é unha cuestión complexa", di Casas
Para Vilavedra, "os editores arriscan menos que durante os anos 90"
Lourido: "Que ten que ver Solleiro con Regueira ou con Ameixeiras?"
Xesús González refírese á unión de ética e política en certos poetas novos
"Hai algo que se move, pero non lle temos nome", afirma Do Cebreiro
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A profesora, e poeta, María do Cebreiro coñece ben as operacións de canonización literaria. Experta nun dos mecanismos sobranceiros para o estabelecemento das lindes xeracionais, as antoloxías, declárase partidaria de "abrogar o método xeracional para estudar a literatura galega". "A crítica debe crear categorías que axuden a pensar sobre a materia, non a balizar", afirma. Para Arturo Casas, a inutilidade de determinadas tópicas quedou "demostrada" con Xuro que non volverei pasar fame, o libro de poemas colectivo que en 2003 publicou a "asociación socio-cultural asemblearia" Redes Escarlatas. "Oriana Méndez abría aquel volume e Luz Fandiño pechábao", explica, "ambas compartiron nalgunha medida un mesmo programa de intervención malia as súas respectivas datas de nacemento estaren separadas por máis de medio século".

Dolores Vilavedra, no consello editorial de Grial, considera "positivo" o abandono do "cronolóxico como criterio xeracional" e arrisca nomes de autores para ratificar a afirmación. "Que alguén de 50 anos como Luís Paradelo publicase a súa primeira novela

[Xelamonite, 2006], ou o fenómeno Teresa Moure, ou mesmo Rexina Vega, que son escritores que chegan tarde á publicación, resulta significativo". Vilavedra avanza motivos do adiamento na idade dos debutantes: "Pode ter que ver cunha crise na que os editores arriscan menos ou pode ter que ver con que rematou o pasmonaría dos 90 polos novísimos". A profesora tamén aduce "o desinterese da mocidade na literatura como forma de expresión artística".

Armando Requeixo, que realiza labores críticos na revista mensual Tempos Novos e no seu suplemento Protexta, refírese de contado á denominada Xeración dos 90. "Nos 90 si que houbo un punto de inflexión", indica, "unha promoción que aínda non está pechada; agora vivimos unha segunda vaga, máis individualizada e con achegas que engaden vizosidade ao panorama". Requeixo, con todo, tampouco evita poñer en cuestión "o modelo periodolóxico". "Pero o que non detecto é unha xeración nova nese sentido convencional que non comparto de todo", puntúa. A perspectiva de Arturo Casas respecto do novo foxe da convención dominante: "Ser novo consistiu adoito en ser aceptado ou cooptado desde o grupo posuidor e administrador desa etiqueta. O novo que fica á marxe de dinámicas grupais recoñécese como tal só post mortem". Grupos poéticos como Rompente ou Ronseltz, decote fóra dos centros académicos durante a súa etapa activa e recoñecidos na institución posteriormente, confirman iso que, para Casas, "sabe todo o mundo".

A reticencia a colocar nomes encol da mesa é respondida por María do Cebreiro coa cuestión das influencias literarias. "Cadora semella máis difícil que os escritores falen de libros e non de industria cultural e de mercado". Do Cebreiro fala dos relatos de dz ou o libro do esperma (2006) de Samuel Solleiro ou dos poemas de Ortigas (2007), de Xiana Arias, en calidade de "sorprendentes" e cifra esa sorpresa "en que a crítica non é capaz de mapear as súas influencias". "Se se trata de libros valiosos [os de Solleiro e Arias], tamén é porque amplían o horizonte de lecturas do seu campo", argúe. Para Isaac Lourido, que inclúe "a inmediatez" entre os motivos que impiden utilizar termos como "tendencias xeracionais", "sempre están a pasar cousas novas, sempre hai escritores novos" pero estabelece un paradoxo: "Ao cabo, ¿que ten que ver un libro de Samuel Solleiro cun de Diego Ameixeiras cun de Mario Regueira? Nada, alén de que naceron na mesma época e comezaron a publicar na mesma época".

Lourido reclama, ademais, atención para asuntos que "o sistema literario non enfrontou claramente até agora: o papel social da literatura". "Os estudos literarios non poden seguir a esquivar o diálogo entre a rede e o papel, sen caer en demagoxias sobre a suposta democratización", continúa, "pero si sistematizando o que hai aí". Os dous primeiros libros de Anxos Sumai -Anxos de garda (2003) e Melodía de días usados (2005)-, nacidos de experiencias na rede, o blog de autoría múltiple Historias eléctricas, que contén videopoemas, microrrelatos ou hipertextos, ou "a primeira blogonovela en galego, A dobre morte de Carina Mourela", que atinxiu o seu capítulo 29, son algunhas das prácticas literarias que, segundo Lourido, "non teñen quen as estude".

Precisamente Arturo Casas incide na "caducidade do discurso de autor" a pé feito de Biolencia, un poemario anónimo publicado en Internet. "A noción de obra acabada entra en crise ou, en todo caso, teatralízase esa finalización", apunta. Isaac Lourido chama a "descubrir novas formas do poético ou do literario" e pon o exemplo de Labregos do Tempo dos Sputniks, un acto musical no que O Leo e García, da formación hip hop Dios Ke Te Crew, reinterpretan a obra de Celso Emilio Ferreiro. Lembra a pertinencia da noción perfomance poetry, que ao seu ver xeralízase "nos colectivos de esquerda, de precarios ou contra a especulación", de xeito que a manifestación política tal e como era coñecida declina. "Nestas cuestións hai un problema de partida, porque a crítica instalada", continúa, "non ten en conta como literatura ou poesía a performance poetry; quizais non o sexa en pleno, pero si que toca a literatura e hai que atendelos".

"Ningún dos experimentos que se están a elaborar en soportes electrónicos", opina Armando Requeixo, "resulta antitético co que fixeron nos 90 autores como Camilo Franco ou Anxos Sumai". Aínda que Requeixo admite avances nesa dirección -"María Lado ou Estíbaliz Espinosa combinan o icónico, o audio e o texto en traballos electrónicos"-, pensa que a rede informática "está, de momento, a servir máis como escaparate que como arxila creativa". Dolores Vilavedra cínxese ao formato libro e constata que "sempre hai novas propostas e, se non se ven, non é porque non existan". A crítica responsabiliza á "xerontocracia literaria" do "taponamento dos novos" e trae a primeiro plano o debut en novela de Mario Regueira, L'affiche rouge (2007), ou Vidas post-it (2007), de Yolanda Zúñiga, "que transportan a visión interior dunha xeración que se achega aos 30 anos, á marxe dos centros de poder e da que non existía perspectiva literaria". "Son obras que non procuran a orixinalidade", salienta, "o que si acontece con Solleiro, pero esa busca pode errar nos disparos".

Xesús González Gómez traballou a crítica xornalística de durante varios anos. Dende o semanario A Nosa Terra tomou a temperatura da poesía contemporánea, na que atopa "unha tendencia na xente nova que, por primeira vez, tentan a conexión entre a ética, o poético e o político" e que define "como a máis interesante". "Parte da obra de Olga Novo, parte da obra de María do Cebreiro ou Zoonose, de María Comesaña", expón, "que saben que o corpo é o primeiro acto político, fan parte desa corrente subterránea de escritores de entre 20 e 30 anos da que aboian algúns nomes". "Por suposto tamén existen poetas que tratan á beleza dos corpos e non os corpos torturados, que diría Terry Eagleton", conclúe González Gómez, antes de cualificar a novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal (2006), como "unha importante tentativa: ofrecer as voces das clases subalternas, o relato do oprimido".

María do Cebreiro nota movementos. "Somos conscientes de que algo se move na literatura, pero aínda non lle temos nome", asegura, "lemos pequenas cousas diferentes, que permiten debuxar unha ilusión; o lector ten dereito a ilusionarse". Arturo Casas comparte esa percepción, que precisa "na aposta por indagar no urbano e no neourbano á marxe de dialécticas identitarias". Eis os puntos que, para o profesor e ensaísta, "cuestionan certos consensos e modifican en parte as coordenadas de campo", talvez a irrupción do novo cando o vello aínda non dá caído.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_