_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A volta do novelista pródigo

Víctor Freixanes publica, despois de 17 anos de silencio, 'Cabalo de ouros'

É desas novelas das que -como adoita suceder cada vez máis, e parece bo sinal- xa se fala e escribe antes de que vexan a luz. Mesmo son temas de conversa social. "Parece que as 20 primeiras páxinas non son precisamente accesibles. Que as escribiu case como un reto ao lector", escoitei a un pre-lector a pasada semana. "A novela -toma a palabra o autor- ten tres partes. Unha é un limiar co universo e o ton dun cantar de cego interpretado polo narrador. A segunda é unha cantata para orquestra sinfónica e pólvora, cun ton de humor, iso que Vicente Risco dicía que era a defensa dos indefensos. A terceira é o relato dunha testemuña que emigrou e que recorda os feitos 20 anos despois".

"Hai un problema coa política: non se ten sensibilidade cara ao cultural"
"A nosa epopea, a nosa aventura colectiva é a emigración"

Cabalo de ouros, de inminente aparición en Galaxia, é a primeira novela de Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951), desde A cidade dos Césares (Xerais, 1992) ganadora do Premio Torrente Ballester. Dezasete anos de silencio na traxectoria dun novelista na que hai chanzos como O triángulo inscrito na circunferencia (Galaxia, 1982), un referente na renovación da narrativa galega. "É un xesto de respecto aos lectores. Eu escribo moito, o que chamo 'literatura gris', ensaios e informes, e o feito de ser editor condicionoume como autor, teño a obriga de ser a lanzadeira dos outros autores, non un competidor. Quizais tamén hai un exceso de autocrítica. Esta empezou sendo un conto, e vin que había un universo enteiro que necesitaba levedar. Foise cocendo nos avións e nos hoteis, co portátil como un diván de psiquiatra", xustifica Freixanes, por un lado a tardanza en publicar e por outro -dá a sensación- tamén o feito de publicar.

A agardada novela de Freixanes transcorre na posguerra. "É a crónica dun tempo que me interesa moito, o período da posguerra dos anos 40 e 50, no que se produciu un fenómeno pouco coñecido, a cultura do wolfram, xente que perde unha guerra e se dedica a sobrevivir. Xente que sempre me fascinou, a xeración de meus pais. É unha partida que dura tres días coas súas noites, afastados de todo, na que participan sete xogantíns: tratantes de gando, médicos composteláns, o secretario do arcebispo... Esa partida ocorreu realmente, e non foi a única".

-O wolfram e o contrabando están tamén presentes nas últimas obras de Manuel Rivas. Esas historias son o noso western?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

-A nosa epopea, a nosa aventura colectiva é a emigración. O wolfram reflicte a miseria dun tempo. Xente que trataban con el e ganaban tanto que prendían os puros cun billete de cen pesetas, ou enchían con champán as pías de salgar. As mulleres levaban o mineral no refaixo... En min e en Rivas hai unha preocupación pola memoria, a mítica ou a histórica, por tentar explicar o país polo que somos.

A hora de elaborar esa explicación, Víctor Freixanes é un observador privilexiado. É escritor, investigador académico, e tamén forma parte desa non moi ampla nómina de profesionais que tiveron e teñen roles directivos en empresas de aquí e de fóra, para os que o país é unha realidade que lles preocupa máis aló das oportunidades de negocio. A conversa transcorre precisamente no Auditorio de Galicia, cheo de xente das artes escénicas que falan en grande parte das medidas (ou da falta delas) da administración sobre a produción cultural.

-Que ten que mellorar? As políticas culturais, a demanda social dos produtos culturais ou as estratexias das industrias culturais?

-Temos un problema coa política, na que, con algunha excepción, non hai sensibilidade ningunha cara o cultural, e mesmo cando estaban os outros, algúns esperabamos máis. Temos un problema financeiro: a sociedade civil que antes amparaba proxectos, agora está asfixiada ou desapareceu do mapa. Temos un problema coa lingua, que ten que ver coa política: o Goberno é moi reticente á recuperación do idioma galego, e estar paralizado é dar marcha atrás. Temos tamén un cambio xeracional de hábitos de consumo, a gratuídade na Rede... Coinciden todos os factores para ter unha tormenta perfecta. As solucións irían por apelar a unha economía de guerra, ter imaxinación, unha concentración parcelaria dos proxectos, achegarse a novas redes e novos temas, e capitalizar as redes do exterior.

-Á idea de que o galego se impoñía parécea suceder a de que a cultura galega está subvencionada.

-Do do galego teñen a culpa os que utilizaron a demagoxia para arrapañar 4.000 votos, e agora están arrepentidos. Sobre o da cultura, en Francia, en Alemaña, en calquera país saben que son necesarias políticas culturais esixentes e con visión de futuro, con compromiso das administracións. En Estados Unidos falan de liberalismo e logo impiden que outros entren no seus mercado exteriores, e xa non digamos no interiores. As editoriais vivimos non polas axudas, que non chegan ao 9% da facturación, senón porque temos unha sociedade que reclama os nosos libros, edítanse seis títulos diarios en galego, cunha media de 1.500 exemplares. A visión da cultura como un Monte Medulio é reaccionaria, hai que baixar ao corpo a corpo no medio dos romanos. A cultura galega estivo moito tempo na trincheira, e ao final iso é acabar no gueto das subvencións.

Mellor queimarse que oxidarse

Na conversa de Freixanes ou nos informes que elabora, o de saír ao exterior, a loitar contra os romanos ou a conquistar mercados, é unha constante. "O ano que vén sairemos a Arxentina e Uruguai, temos que buscarnos a vida con Rivas, con Neira Vilas, con Domingo Villar, ese é o camiño". Mesmo non teme botar a andar polos lameiros do politicamente incorrecto. "Para entrar nos mercados lusófonos temos que facer traducións ao portugués, e para acceder aos mercados infantís, ao arxentino ou ao mexicano. E algo que non ten asumido o galeguismo é que para proxectarnos no exterior temos que reivindicar a Valle Inclán, a Julio Camba, e usar todos os idiomas e a rede social galega no mundo. O que non vexo é editar aquí en castelán, penso que hai que darlle un percorrido ao orixinal galego antes de facer unha tradución ao castelán. Pero hai que saír do tobo, a pesar da Administración. Mellor morrer dunha pulmonía que de inanición e aburrimento", quéntase Freixanes. Tanto que volve á política: "A creación galega é moi competitiva, fai falta un proxecto político para lanzar o país. Tivemos recursos económicos, temos capital humano, infraestruturas razoables, o que fai falta é un proxecto integrador que lance este país, non que estea contra del".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_