_
_
_
_
_
Reportaje:XENTE DE AQUÍ | CONCEPCIÓN ARENAL | Luces

A voz que clama xustiza

Concepción Arenal quixo que tras a súa morte non ficasen imaxes súas. Entendía que importaba a obra que legaba e non a persoa, e así só temos un par de retratos seus con expresión decidida e hierática. Decidida como era, que non hierática, foi unha muller de acción e un espírito sen límites, unha romántica apaixonada até o fanatismo. Un espírito obsesionado pola dor humana e que combinou o pensamento crítico da intelectual coa acción da reformadora social. Pensaba que "o home illado séntese débil, e mais éo". Porén, ela era unha personalidade singular e forte.

A dificultade para situar a súa figura débese á tradición cultural española, que divide todo en dous polos contrarios e non admite matices. No século XIX a Igrexa católica defendía todas as ideas reaccionarias e a orde social existente. Pola contra, o republicanismo liberal pretendía modernizar a sociedade e defendía os dereitos da persoa e era anticlerical, así que é difícil cadrar absolutamente nun bando a unha muller que era militante liberal e católica. Aínda que viviu como cidadá comprometida coa causa do liberalismo democrático: era moi consciente do papel que xogaba a Igrexa na sociedade, "a ditadura espiritual do catolicismo". Aquela intelixentísima galega nacida no Ferrol de 1820 é unha figura anómala na historia española. A súa ideoloxía non é binaria, con dous polos enfrontados. Une a piedade cristiá, a caridade, coa cultura democrática. Ela fai unha síntese útil. Partindo dunha idea relixiosa da vida á que non renuncia propón unha sociedade de persoas libres e compasiva, procura a liberdade e tamén a xustiza. A súa obra é todo un programa político e ideolóxico, malia que ela preferiu un campo distinto do debate político, preferiu ser unha reformadora social.

É difícil cadrar nun bando a unha muller militante liberal e católica
A súa obra é un programa político e ideolóxico. Ela foi unha reformadora
En Madrid asiste, vestida de pantalóns, a tertulias vedadas ás mulleres
Por vez primeira, a obra dunha muller era premiada con 'La beneficiencia'
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Persoalmente era unha rebelde e socialmente unha reformista. "Sendo eu radicalmente reformista son resoltamente antirrevolucionaria, condeno totalmente a apelación á forza para derribar o poder constituído hoxe na España da Europa". "Non hai sociedade sen propiedade". "Afianzar a propiedade, estendela, ese é o progreso". E todo o seu labor fía no estado democrático, na lei: "A negación de todo principio de autoridade é a negación de toda práctica do Dereito e de toda realización da xustiza". Fronte á revolución, a reforma: "Todos os países nos que se proclama o progreso, e que progresan verdadeiramente, modificaron a propiedade no sentido favorábel á igualdade". Esa era a súa ilusión.

Detrás desa entrega aos demais, ao público, había unha muller que procurou e conseguiu vivir libremente loitando pola xustiza e a liberdade. Unha muller que nun tempo e nun mundo de homes chegou a se disfrazar de home para acceder aos espazos prohibidos ás mulleres. Como se forxou unha personalidade así? Con tal carácter e forza como para desafiar o escándalo, o escándalo era a morte social para unha señorita da pequena burguesía naquel século. Unha experiencia na súa infancia debeu ser a que fundou a súa dureza, a súa radicalidade: a prisión e conseguinte morte prematura do seu pai, un militar santanderino comprometido coas ideas liberais. Do seu pai herdou o compromiso coas conviccións dun modo absoluto e tamén o amor pola idea da liberdade. E da súa conservadora nai, galega, a fe relixiosa. En morréndolle o pai aos oito anos, toda a vida vai ser leal á memoria dese pai idealizado, "o meu santo pai".

A nai viúva marcha coas tres fillas a Armaño, Cantabria, ao pé da súa sogra. Alí Concepción, Concha, pasa uns anos de formación entre a educación relixiosa da nai e as lecturas e a conversa liberal da avoa paterna. Xa entón a rapaza soña con ser avogada. Cando ten 14 anos a nai marcha con ela e coa súa irmá -a outra irmá morrera- a Madrid e alí experimenta que a educación que se lle daba ás mulleres naquel tempo, fosen señoritas ou traballadoras, era pura "perda de tempo". "O primeiro que precisa a muller é afirmar a súa personalidade, independente do seu estado e convencerse de que, solteira, casada ou viúva, ten deberes que cumprir, dereitos que reclamar, dignidade que non depende de ninguén e debe ter a idea de que a vida é unha cousa seria, grave e que se a toma como un xogo ela será o xoguete", escribe anos despois, despois de solteira, despois de casada, xa ela viúva. Aí a súa visión da vida, nada inxenua: "Se non sufriches, has sufrir. Ésa é a lei". "Hai para o individuo unha dose de dor, non só inevitábel [...] senón necesaria á perfección do espiritu". "O sacrificio e a loita é a lei da Humanidade. Por unha serie de sacrificios dos teus pais, vives; por unha serie de sacrificios teus, han vivir os teus fillos". A vida é loita, ela é unha loitadora.

Cando morre a nai, ten ela 21 anos e comezan as súas batallas. Un novo estudante aparece polos corredores e aulas da Facultade de Xurisprudencia madrileña. É calado e non trata con ninguén. Comezan os rumores: é unha muller! Escándalo. Como consecuencia dese incidente achégase a ela Fernando García Carrasco, con quen casa e con quen asiste, vestida con pantalóns, a tertulias vedadas ás mulleres. É ben interesante tamén García Carrasco, uns anos máis vello e liberal, que asentía a esa teimuda militancia da súa muller en acceder aos espazos sociais reservados aos homes. Casan e ese mesmo ano teñen que fuxir de Madrid perseguidos polo Goberno, refúxianse en Oviedo e alí editan unha folla clandestina de propaganda liberal. Voltan a Madrid e colaboran ambos nun xornal, La Iberia. Morre Fernando e ten que vender os bens e voltar para Asturias e logo Potes, Cantabria, cos dous fillos que lle quedaron, morreulle unha filla que lle deixou unha pena amarga, "verto lágrimas amarguísimas, porque a miña filla foi a miña primeira e última paixón". En Potes funda o grupo feminino das Conferencias de San Vicente de Paúl para axudar aos pobres. A humanidade para onde ela olla sempre: os pobres, os orfos, os doentes, os presos, as mulleres sempre. Nese tempo escribe un libro La beneficencia, la filantropía y la caridad. Son tantos os impedimentos para que a obra dunha muller sexa tida en conta que o edita baixo o nome dun seu fillo. A Academia de Ciencias Morais acábao por premiar recoñecendo así por primeira vez a obra dunha muller. Tamén neses anos escribe El visitador del pobre, aínda que máis precisamente debérase chamar a visitadora.

Os seus libros e a súa obra teñen un recoñecemento e un Goberno liberal noméaa en 1863 Visitadora de Cárceles destinada en A Coruña. Alí vai vivir cos fillos e intégrase no círculo liberal da cidade presidido pola figura impoñente e interesantísima da duquesa Juana de Vega, viúva do xeneral Espoz y Mina. Coa protección de Juana de Vega crea un círculo de mulleres para visitar os cárceres e axudar as presas. Supervisa os cárceres de mulleres e propón reformas, visita tamén os hospitais, os cárceres de homes... É atraída a calquera lugar onde resida a dor humana para reparar, no 1872 funda a Constructora Benéfica para contruír casas baratas para os operarios. Ese mesmo ano é secretaria da Cruz Vermella de Madrid e pide ser destinada a un hospital de campaña na Guerra Carlista, na que loita un fillo. E segue a escribir como unha predicación dirixida aos distintos sectores e clases sociais: Carta a un obrero, Cartas a los delincuentes, Cartas a un señor. Toda a súa vida resúmese nun dos seus títulos: La voz que clama en el desierto.

Os últimos anos pasounos en Vigo, onde chegou acompañando a un fillo destinado alí e onde está enterrada. Un monumento na entrada do cemiterio municipal di: "A la virtud, a una vida, a la ciencia".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_