_
_
_
_
_

A voz das mil coplas

Pode ser o influxo do Monte do Seixo, cimeira máxica rodeada de lendas e mitos populares, a que espalle unha compoñente segreda no aire que fixera dos de Cerdedo unas xentes propensas ao canto e ao baile. "En cada recuncho do camiño, nas leiras, nos montes que antes estaban limpos, cantabamos e bailabamos: un levaba a gaita, outro tiña unha pandeireta", lembra Alicia, unha veciña da familia Lavandeira, saga de instrumentistas e mestres gaiteiros con varias xeracións de músicos.

Rastrexando este costume histórico andan os investigadores como Manuel Campos Toimil, que está a documentar a vizosidade das bandas de música no municipio, onde chegaron a convivir catro formacións simultáneas en varios momentos durante o período que vai da segunda metade do século XIX a mediados do XX. "A Terra de Montes ten / de todo coma en botica / bos canteiros, bos gaiteiros / e bos cregos para dicir misa", ensina a cantiga recollida polos membros da Asociación Cultural Os Abrentes, un dos activos máis importantes na defensa do tesouro do patrimonio inmaterial desta bisbarra da Galicia interior.

Recolleron máis dun milleiro de cantigas que a señora Manuela sabe de memoria

Se a escola de música tradicional d'Os Abrentes sementa a tradición, o escritor Calros Solla dedica os seus esforzos a recompilala e divulgala. El foi un dos descubridores de Manuela Cortizo Medal, Manuela das Marianas, unha cantareira veciña do lugar de Barro, onde os veciños seguen facendo ruadas e mesmo formaron un grupo por iniciativa propia, Pandeireteiras de Barro de Arén, que editou un cedé en 2006. Solla propuxo a señora Manuela para formar parte da polafía (neoloxismo referido ás xuntanzas de carácter festivo con contidos literarios e musicais) que o escritor Antonio Reigosa e a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizaron en Cerdedo como parte dun proxeto de posta en valor do patrimonio oral, literario e musical galego que percorreu outras vilas do país hai dous invernos. Na pasada edición de Ponte nas Ondas, celebrada no museo Verbum de Vigo, puido escoitarse a súa voz poderosa.

"As cualidades vocais desta muller fan pensar en qué tería sido dela se tivese a oportunidade de educar a voz, pero igualmente abraia a súa capacidade memorística e a excepcionalidade de que ela soa sexa a transmisora deste inxente legado", explica Solla, o antólogo de Cantares de Manuela de Barro (Rinoceronte, 2008). Segundo o escritor, "Manuela é tremendamente xenerosa por varios motivos: polo labor de recolleita do cantigueiro, por transcender a frialdade do libro e levar o seu canto aló onde é requerido e por abrir as portas da súa casa a todo aquel que demanda información sobre ela". Cando Manuela canta están canda ela a súa nai Gumersinda, a mestra Obdulia, os cegos que ían as feiras de Soutelo de Montes e, sobre todo, a súa tía Mariana, quen lle aprendeu unhas coplas nas que latexan séculos de vida, de labores tradicionais, de xuntanzas populares. "Para min, que pouco fun á escola, cantar é a miña vida: xa desde nena canción que escoitaba, canción que aprendía".

Este cancioneiro particular de Manuela non se limita ao milleiro do libro: son moitas máis que se suman ás que a cantareira memorizou doutros antergos e ás que escribe agora para invocar o sono. "Primeiro fago os versos e despois póñolle o son", revela a artista cun sorriso permanente. Unha das últimas letras da súa fornada fala, precisamente, da tradición: "Da arca da terra nosa responde / todo o que sabes. / Mézclalle o saborciño dos nosos / cantares". Outras veces, a gorxa de Manuela entoa os versos do poeta José da Fonte, outro veciño de Barro espontáneo tecelán de palabras. Calquera tarde, sexa inverno ou verán, é doado atopalos a ambos os dous sentados á mesa das Marianas dándolle forza ao Himno de Barro composto polo poeta.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

"Toda a sabedoría da tribo está concentrada neste cantigueiro porque os nosos devanceiros facían dunha ensinanza canción para amamantar aos nenos con estes recitados aparentemente inofensivos", indica Solla. A retranca, as mensaxes entre liñas e a riqueza toponímica son outros trazos que caracterizan este feixe de romances, coplas, oracións, crimes e cantares de Cerdedo. "Cumpría un cativo ou unha cativa que encetase esta liña porque as mil primaveras máis só se sosteñen se se asegura esta tradición nacida da calidade humana da xente".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_