_
_
_
_
_
Reportaje:EPISODIOS GALEGOS | Luces

O xornalismo que solta segredos

Manuel Rivas

O primeiro que facía cun tolo era cambiarlle de nome. Despois inventáballe unha vida nova. Ese era o método curador de Borrallo da Lagoa, un dos personaxes máis inesquecíbeis de Escola de menciñeiros. E na breve e intensísima estampa, aparece a mellor loanza que se pode facer dun terapeuta popular: "Valía máis que Conxo!". Aínda máis: "A Borrallo bótano moito en falla". Álvaro Cunqueiro enxerta no texto un dato histórico, unha espiña dramática da realidade, que semella insólita neste retablo con primeira edición en 1960: "O Borrallo, polo verán de 1936, apareceu morto nunha cuneta cun tiro na cachola".

Imos aló, sen medo ao que dirán: Álvaro Cunqueiro era un tolo e un menciñeiro a un tempo. Dito ao seu xeito, nun autorretrato preferido: "Un escritor da imaxinación". O que non quere dicir desmemoriado. Un erro de lesa incompetencia crítica é esgazar na literatura o eido da imaxinación do da memoria. Do mellor e máis atinado que se escribiu sobre Cunqueiro está nesta frase de Francisco Fernández del Riego: "Ao cabo chegaba a noite e penduraba todo o seu feitizo nunha lámpada eterna, a memoria".

As súas pezas de xornal termarían dunha hemeroteca universal, mais tamén dunha biblioteca

A imaxinación fai levedar a memoria. A esa re-lembranza chamaba el "a memoria deformante". Un tecido de reminiscencias, un urdido que enfía con visión exacta o coñecemento escuro, o visíbel co invisíbel. El dixo un día no Ribeiro d'Avia (Avia-Avon, como gustaba de xogar con Shakespeare!) que hai "viños que soltan segredos". Así catamos os seus artigos, en prensa ou lidos na radio. A partir do pequeno detalle, ou dun asunto común, todos conteñen unha revelación. Como viños que soltan segredos.

Houbo varios Cunqueiro dentro dun. Tamén como xornalista, o mellor xornalista foi "o xornalista da imaxinación". Mais esa foi unha segunda vida. E mesmo unha terceira. Como facía cos seus tolos Borrallo da Lagoa, o menciñeiro Álvaro Cunqueiro deulle unha nova vida ao doente Cunqueiro.

Non vou refugar a cuestión histórica. Como Cunqueiro sucumbiu e mesmo foi unha tempada unha prometedora estrela do xornalismo fascista? Escribiu artigos moralmente arrepiantes, así, por exemplo, os que trataban do bombardeo de Gernika ou da ofensiva hitleriana no Leste ("Ahora es el tiempo, el tiempo justo, de vencer rusos").

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Cunqueiro rompera a escribir nos xornais moi novo, en El Pueblo Gallego, un almeiro do xornalismo republicano e galeguista. Está a piques de recuperarse, en libro, ese período, e veremos xa refulxir ao xenial "xornalista da imaxinación". No hábitat do galeguismo convivían aves e peixes, vangarda e tradición. Sentíase a gusto naquel paraíso inquieto, esperanzado. Vese no artigo moi comprometido que escribiu cando o plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, no que repican as campás da liberdade.

O fascismo foi unha peste das conciencias. Moita xente, como aquel mozo poeta, criador e fabulador, tivo de súpeto que escoller entre a supervivencia ou a inmolación. Un dos seus mellores amigos, o que ilustrou os seus libros, Luís Seoane, viviu como unha toupeira até conseguir chegar a Lisboa e partir cara a Bos Aires. De ficar, como ficou Álvaro, o prezo de sobrevivir pareceuse moito ao da alma. E iso equivale a unha doenza. Ese foi axiña o trazo dos vencedores derrotados. Dos que viven, pasado o fervedoiro bélico, o rilar dunha tensión interior.

En 1947, o "triunfador" en Madrid volvía como un "desterrado" a Mondoñedo. Eu manteño que ese dobre, que esa pelexa interna, tomou a forma da relación entre o menciñeiro e o doente. O escritor da imaxinación renaceu cando un e outro, menciñeiro e doente, enfiaron no maxín un relato común. Mais ese texto só podía existir fóra da "historia oficial". Unha fuxida? Si. E por que non? Non é o exercer o dereito a fuxir un xeito de rebeldía?

O método Borrallo da Lagoa funciona. Álvaro Cunqueiro enceta unha segunda vida. Atravesa o río. Hai unha carta moi significativa asinada en outono de 1949, dirixida a Paco del Riego, o compañeiro da alma de antes do 36 e co que volve contactar despois do retorno a Mondoñedo. Proponlle escribir en La Noche sobre Don Fernando (en referencia ao bondadoso Quiroga Palacios, o novo arcebispo de Santiago). Sen mencionar ao ditador, establece unha clara contraposición: "Esto, que a nazón galego ten un chefe, política e esperitualmente falando, é o que algún de vós, dos que esempre estivéstedes no camliño bo, debe decir". Non é isto propio dun magnífico menciñeiro tolo ou dun xenial tolo menciñeiro?

O que pasa é que hai xente que pide de todo. Unha vez foi interpelado no coche de liña, cando ía de Mondoñedo á Coruña por outro viaxeiro: "¿Qué, señor Cunqueiro?... ¡Hay que escribir de lo achuchada que está la vida!". E el escribe con humor doído: "Parece que aquí tenemos que darlo todo los poetas: hasta las patatas".

Tamén Paco del Riego era un menciñeiro, aínda que menos fabulador. Así que, da súa man, renace "o escritor da imaxinación". Tamén nos xornais. Certo que o xornalismo para Cunqueiro é un medio de vida. Niso, evitou toda épica: "Para un escritor de imaxinación é moi difícil traballar nun xornal e aínda máis como director. Por outra parte, eu nunca puiden trasnoitar, simplemente porque xamais souben durmir de día. Dirixindo Faro de Vigo cheguei a arrastrar unha cantidade de sono incríbel. Por iso, cando puiden, deixeino. Eu era xornalista por necesidade".

Que máis ten agora falar do xornalismo ou literatura? As pezas do xornalismo de Álvaro Cunqueiro termarían dunha hemeroteca universal, mais tamén dunha biblioteca. Non esmorecen. Pola contra, cada día gañan. Acadan novas dimensións, como ocorre coas pequenas pinturas de Corot. Soltan sempre segredos. E mesmo ás veces, algunha pataca.

Cunqueiro na Festa do Albariño, en Cambados, en agosto de 1963. A foto reprodúcea a <i>Fotobiografía</i> de Xerais.
Cunqueiro na Festa do Albariño, en Cambados, en agosto de 1963. A foto reprodúcea a Fotobiografía de Xerais.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_