_
_
_
_
_
Reportaje:LUCES | AS LETRAS E AS IDEAS

A escrita como intervención

A produción ensaística medra cada tempada e atópase nun intre de relativa diversidade

O ensaio non é un produto editorial doado de comercializar e tampouco ten moita tradición en Galicia, malia os antecedentes históricos de figuras como Risco, Piñeiro ou o mesmo Castelao. Pero a expansión do mercado contribuíu tamén a dar pulo á chamada literatura de ideas e incluso á tradución de pensadores estranxeiros.

Más información
"Este país está cheo de parvadas ditas en galego"
"A razón non se tería que asimilar aos xogos analíticos"
"Hai unha débeda narrativa cos emigrantes"

A tópica historiográfica das literaturas emerxentes adoita sinalar a poesía coma o primeiro dos xéneros que agroma en períodos de reconstrución. O denominado Rexurdimento literario galego, no século XIX, confirma a tese. E aínda que o prólogo que Rosalía de Castro escribiu para o seu propio Cantares Gallegos, en 1863, se poida considerar como unha achega ensaística de primeira orde, o certo é que até a Xeración Nós, na década dos 20, as elites da literatura galega non propuxeron abertamente a importancia específica do ensaio. Vicente Risco, Florentino Cuevillas ou as xentes do Seminario de Estudos Galegos chantaron os alicerces do que hoxe se configura como liña de forza da escrita en galego.

Os homes de Galaxia, aquela constelación culturalista que finiquitou o galeguismo político arredor de 1950, amosáronse perfectamente conscientes do peso do ensaio. A tradución que, en 1956, Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega realizaron de Da esencia da verdade, de Martin Heidegger e con limiar do alemán para a edición galega, alén da centralidade ou non do pensamento heideggeriano, marcou outro fito no subcampo ensaístico da literatura de Galicia. Do ámbito Galaxia saíu, asemade, a revista trimestral Grial, aínda na rúa, e a Revista Gallega de Economía, na que se publicaron traballos pioneiros no estudo económico do país.

Desde o cuestionábel concepto de normalización, que os planificadores culturais manexan con asiduidade e que se simplificou adoito no retrouso "encher ocos" a imaxe das literaturas hexemónicas veciñas, pódese afirmar que na actualidade, o panorama ensaístico goza de boa saúde. Os materiais que aparecen nos focos dos escritores abranxen diversidade de intereses e o contacto cos centros ocidentais de produción de pensamento existe. Na excesiva dependencia das intitucións académicas, en escollas estilísticas ou de contidos reside, se cadra, a súa eiva máis relevante.

A vocación interventora e intensamente política do ensaio, inseparábel do xénero, caracteriza a revista que dirixe, dende a súa fundación en 1990, Xosé Luís Méndez Ferrín. De periodicidade trimestral e nacida da caída do muro de Berlín, A Trabe de Ouro abeirou autores que, na órbita da esquerda anticapitalista, se revelaron logo en libro. O profesor Francisco Sampedro, amais de tradutor ao galego do filósofo esloveno de moda Slavoj Zizek -O espectro segue a roldar (actualidade do Manifesto Comunista), en 2004-, tirou á luz A violencia excedente, no que se sitúa na esteira do propio Zizek para analizar a xeración de violencia nas sociedades opulentas contemporáneas.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

En obras como Paz, guerra e violencia, o decano da facultade de filosofía da Universidade de Santiago, Luís G. Soto, tamén se enfronta á problemática do real. Para O suxeito posmoderno, Rebeca Baceiredo traza unha interpretación da existencia individual no capitalismo avanzado ao pé de categorías tomadas de Gilles Deleuze. O politólogo Carlos Taibo acomete, en Imperio norteamericano e capitalismo global, a través dunha óptica afastada do ollar filosófico e arrimado á lóxica implacábel dun Noam Chomsky, un esquemático e útil mapa da "guerra global permanente". Outra cartografía interpretativa do mundo actual aparece n'Os movementos de resistencia fronte á globalización, igualmente da man de Taibo. Dentro do ensaio de intervención cadran As palabras das fillas de Eva, da escritora Teresa Moure ou os traballos de Carme Adán -Feminismo e coñecemento, por caso-, modeladores dunha teoría feminista, que nace á actualidade no labor pioneiro de María Xosé Queizán e a publicación periódica A festa da palabra silenciada.

No traxecto que media entre o feminismo e a literatura atópase Elas e o paraugas totalizador, da crítica e profesora Helena González. Neste libro, González condensa toda unha xeira analítica sobre a poesía feminina galega e ratifica a consideración da "poesía de muller" como o acontecemento principal da lírica na década dos 90. Unha óptica diferente é a manexada por María do Cebreiro Rábade Villar en As terceiras mulleres. Cunha contundente bagaxe teórica, Rábade Villar igual fedella na obra de figuras sobranceiras da literatura en feminino de Virginia Woolf ou Rosalía de Castro que na representación da muller na Metamorfose de Ovidio ou nas letras dos boleros latinoamericanos. A reflexión ensaística de María do Cebreiro Rábade Villar, tamén poeta, aínda se desenvolve fragmentariamente, en publicacións colectivas ou actas de congresos, pero garda un indiscutíbel valor (Historia cultural e resistencia, por exemplo).

A propia literatura ocupa un espazo central na produción de ensaio en Galiza, onde a academia supura abondoso pensamento arredor do feito da escrita. So a sombra do sociólogo Pierre Bourdieu e do seu epígono israelí Ithamar Even-Zohar acubíllase a factoría teórica do grupo Galabra da USC, que encabeza Elías Torres. O autor do recorrente Diglosia e texto, o profesor Antón Figueroa, recoñece igualmente a titela da obra do francés. As pescudas de Arturo Casas ou de Xoán González-Millán, morto en 2002 e co referencial Resistencia cultural e diferencia histórica, exceden a ortodoxia Bourdieu.

Fóra da retórica académica e máis apegadas ao termo ensaio en sentido xenérico están as obras de reflexión sobre a literatura facturadas polos propios escritores. Os dominios de Caín, de Xosé Carlos Caneiro, válese dunha argumentación feble para reivindicar unha literatura forte. Xavier Seoane iniciou, coa publicación en 2002 d'O sol de Homero, un proxecto ensaístico "en defensa das humanidades". O imprescindíbel novelista Xurxo Borrazás publicará en breve Arte e parte, nas súas palabras "un ensaio sobre as dificultades da creación na Galiza". Un compartimento estanco é o habitado pola particular interacción de ensaio e poesía que elabora a poeta Chus Pato. Entre o ensaístico e o divulgativo aparece un subxénero peculiar e autóctono, os libros que xiran arredor da figura homenaxeada no Dia das Letras Galegas. Esta inflación anual das Letras Galegas non excede, por veces, o oportunismo editorial.

Outra das correntes de teorización dominantes acha no nacionalismo político tema de cavilación. A redefinición do que debe ser a praxe nacionalista xurdía no Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista, de 1990, no que participaban Xoaquín Fernández Leiceaga, Rafael Martínez Castro, Bieito Iglesias e Antón Baamonde. Baamonde seguíu pendente do asunto e no 2002 deu ao prelo unhas reflexións memorísticas con explícito eco político, Aire para respirar. Xosé Manuel Beiras canalizou o seu último pensamento político en dous substanciosos libros de conversas, A nación incesante e A estrela na palabra e o veterano dirixente nacionalista Camilo Nogueira antologou n'A terra cantada 80 dos seus textos de intervención política.

Aquela edición de Da esencia da verdade de Heidegger inaugurou a vertente tradutora de ensaio na Galiza. Os libros da editorial Laiovento hexemonizan, en gran parte, as versións galegas de obras internacionais. A colección compostelá preocupouse de traer para o galego ensaios críticos co estado neoliberal de cousas: o mentado Slavoj Zizek, Keith Dixon, Alain Badiou, Pierre Bourdieu, Alex Callinicos, o lingüista Louis-Jean Calvet, Bernard Cassen ou Noam Chomsky deitaron na editora a súa non conciliada visión do mandarinato estadounidense. Na práctica tradutora destaca, asemade, A Trabe de Ouro. Pensadores da altura de Adorno, Fredric Jameson, Georges Labica ou Fred Halliday apareceron en galego, decote en versión do tamén ensaísta e poeta Manuel Outeiriño.

BIBLIOGRAFÍA

Feminismo e coñecemento. Carme Adán.

Espiral Maior. 2003.

Aire para respirar.

Memorias dun tempo presente.

Antón Baamonde. Xerais. 2002.

O suxeito posmoderno:

entre a estética e o consumo. Rebeca Baceiredo.

Galaxia. 2006.

Resistencia cultural

e diferencia histórica.

Xoán González-Millán.

Sotelo Blanco. 2000.

Outro idioma é posible.

Teresa Moure. Galaxia. 2005.

As terceiras mulleres.

María do Cebreiro Rábade Villar. Galaxia. 2005.

A violencia excedente. Francisco Sampedro. Laiovento. 2006.

Os movementos de resistencia fronte á globalización.

Carlos Taibo. Xerais. 2003.

Outra idea de España.

Suso de Toro. Xerais. 2005.

Á man esquerda. Entrevistas. Araceli Varela Vázquez

e Marcos Mariño Beiras. Laiovento. 2005.

O fracaso neoliberal

na Galiza.

Xavier Vence. A Nosa Terra. 20

05.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_