Sons barrocos nos camiños
O peche do festival Mozart, que se celebra na Coruña, dará paso a finais deste mes á terceira edición do Via Stellae, unha cita que, malia a súa xuventude, se está a consolidar coma un dos mellores ciclos de música clásica do panorama español. A súa sede principal é Santiago de Compostela pero tamén se celebrarán moitos concertos en vilas e cidades ubicadas nos distintos camiños que conducen á cidade do Apóstolo.
Entre os directores que acudirán ao Via Stellae destacan nomes tan sinalados coma Marc Minkovski, John Eliot Gardiner, Rinaldo Alessandrini, Andrea Marcon ou Giovanni Antonini. O programa combina os grandes concertos con actuacións express que se celebrarán nos claustros das igrexas compostelás. Ademáis, haberá un ciclo adicado á música contemporánea e dúas xornadas que terán lugar nos mosteiros de Armenteira (6 de xullo) e de Oseira (13 de xullo) no que se combinará a música e a arte.
A música barroca predominará no programa do Via Stellae, que comeza o 4 de xullo e se prolonga ata o día 23 dese mes, pero tamén haberá espazo para o romanticismo e a música antiga. Entre os grupos que participan no festival destacan Les Musiciens du Louvre, Il Giardino Armonico, Monteverdi Choir e Mahler Chamber Orchestra.
Antes do inicio do Via Stellae, o festival Mozart continúa coa súa programación ao longo destas dúas últimas semanas de xuño. No programa destacan óperas coma As vodas de Fígaro ( 25 e 27 de xuño no Palacio da Ópera) e co concerto que ofrecerá a Real Filharmonía de Galicia para conmemorar o centenario do nacemento do compositor Olivier Messiaen, que pechará o festival o 28 de xuño no teatro Rosalía de Castro.