_
_
_
_
_
Reportaje:Unha figura chave do galeguismo Luces

Un longo exilio interior

Algúns dos que asinan no libro de honra apartaron a Del Riego da dirección de Galaxia

Nas páxinas do libro de honra de Paco del Riego instalado na porta do tesouro das letras da Penzol, as palabras máis repetidas foran sacrificio, compromiso, xenerosidade e Galiza. O pergameo tamaño folio ben poderia ser proclamado ramo de ouro do consenso pois reconcilia, no tempo breve do secado da tinta, a reos da Lei de Partidos co mesmísimo presidente da Xunta de garavata azul bandeira.

O lóstrego de concordia ha ser, antes de máis, mérito de humanidade do home recordado e homenaxe rendida a seus tantos anos de Caupolicán coa carballa das cen ponlas ao lombo. Endebén, moitas das mans que ora riscan o papel de barba sobre facistol de cerimonia non poderán, no afogo dun salaio traidor, negar que votaran a partir de 1979 apartar a Del Riego de responsabilidades dentro do grupo Galaxia.

Foi sermoneado en ausencia por un obispo, algén tan fóra do rito católico
Más información
O derradeiro patriarca

Se esta decisión non apareceu nunca recoñecida publicamente como purga ou ostracismo foi porque o exiliado reservou a súa queixa en beneficio da causa. Que se recorde, só Valentín Paz Andrade, grande amigo e correlixionario de Del Riego, denunciara nas páxinas d' A Nosa Terra (1987) a reclamación de inconstitucionalidade da Lei de Normalización Lingüística por parte de García-Sabell. O principio de "non pór chatas á obra en tanto non remate", o menos moderno e dialéctico que nos deixara Castelao, funcionou como unha omertá sublime que negaba a importancia política de calquera incidente: o abrazo do fraguismo por parte dun grupo de fundadores de Galaxia, por exemplo.

Del Riego entendeu a accidentalidade política do Partido Galeguista como un dereito a militar na esquerda. Compañeiros e, non por iso menos amigos, coma Álvaro Cunqueiro, traducian o principio de "non partidismo, non electoralismo" de Ramón Piñeiro coma unha identificación entusiasta con Ramiro de Maeztu. En 1983, na Feira do Libro de Vigo, o autor de Poemas de Si e de Non negábase a entrar, para asinar exemplares, nunha caseta que fora previamente ocupada por Marcelino Camacho: "Terán que desinfectala antes", reclamaba Cunqueiro. A 20 metros de distancia, Del Riego, ignorante do arrebato fascista do seu amigo, conversaba animadamente con Camacho e os compañeiros de CC OO.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Os franquistas meteran dúas veces a Del Riego na cadea. A primeira recén rematada a guerra, baixo acusación de colaborar co PCE; a segunda, nos primeiros anos cincuenta por colaborar coa prensa do exilio. Na porta da cadea de Vigo agardaba a saida de Del Riego un mangado de falanjos que houberan de deixalo por morto despois dunha interminabel sesión de tortura. Parece que levaba razón Xaime Illa Couto (o seu amigo e cofundador de Galaxia con Ramón Piñeiro) nun verso no que o define como construído en pedra.

A súa ficha de separatista de esquerdas habia causarlle catástrofes interminábeis coa policía franquista, sen o grupo de Piñeiro, tamén represaliado, sentirse por iso menos conservador, senón máis ben beneficiado pola sona de resistente de Del Riego. Pola contra, os problemas da máquina non partidista para reinar en política ideada por Ramón Piñeiro chegaron para o activísimo director de Galaxia ao regresaren os partidos, ao cabo dunha reforma política que compensaba aos gañadores da guerra e mal perdoaba a vida dos resistentes.

No remate da ditadura, a Rede Galaxia é de feito o excelente Ministerio de Cultura dun país independente: os traballos de Hércules de Del Riego integraran o exilio, a resistencia interior e o recordo antolóxico da vella lingua, en forma de excelentes manuais, o primeiro éxito editorial dun país en que as editoriais e as bibliotecas estaban perseguidas dende Fernando VII; o prestixio da Biblioteca Penzol, gobernada polo home de pedra en solitario, chegaba ben máis lonxe que o da Facultade de Letras de Compostela.

Así foi que mentres as institucións de cultura de todo o Estado batían as selvas do exilio na procura de persoas e institucións que lles puidesen prestar lexitimidade, o partido non partidista de Ramón Piñeiro inauguraba o futuro mediante o exilio do seu máis conspicuo heroe, Del Riego.

Debe ser recoñecida a complexidade do propósito de facer invisíbel unha personalidade enorme coma a do primeiro diretor de Galaxia. O primeiro pretexto para xustificalo foi unha cuestión de idade, argumento que mal casa coas públicas gabanzas, na hora da súa morte, de quen había de gobernar con gran dignidade a Biblioteca Penzol 30 anos máis. O segundo foi unha sonada rifa pola nova normativa que superaba as normas gramaticais elaboradas por Otero Pedrayo e Del Riego nos primeiros sesenta. Del Riego via a dialectalizacion chegar baixo capa da fidelidade á lingua falada que defendía Constantino García dende o Instituto da Lingua Galega.

A revista Grial explicaba, por fin, a verdade do asunto en letra impresa ao se botar en salto olímpico sobre a pía da posmodernidade. Ningunha proposta editorial poderia situarse con máis precisión xeométrica no antagonismo dos cen números precedentes dirixidos por Del Riego que a nova liña editorial. A defensa rexa da interculturalidade, aparentemente ignorante da violencia do poder contra a cultura propia, procuraba desenganar aos lectores do Grial de todo o discurso anterior. O aumento da presión recolonizadora nun contexto de guerra interimperialista, cos prismáticos enfocados nas reservas de recursos naturais e humanos, precisaba esta non tan nova doutrina. A ideoloxia posmoderna é funcional aos intereses imperialistas, interesados en riscar as defensas culturais que estorban a globalización. Carlos Casares, novo diretor de Galaxia e herdeiro político de Piñeiro, facía gabanza pública de Gianni Vatimo, introdutor en España da fin dos fundamentos consistentes (nada novo, o fin das ideoloxias de Fernández de la Mora) e das crenzas verdadeiras. O pensamento feble.

Alguén tan laico e distante das socializaciós burguesas e ritos católicos coma Paco del Riego deixou expresa e resoltamente descartadas as honras fúnebres. En fatal continuidade do seu interminábel exilio interior, foi sermoneado en ausencia por un bispo mentres nos reclinatorios de honra dunha misa de funeral botáballe un responso o mesmísimo conselleiro de Educación que lle houbera de tirar o sono durante as derradeiras horas. O xenio de Del Riego.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_