_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Literatura.net

A presenza da creación na Rede é máis ben escasa - Os máis escépticos son os escritores que xa se aventuraron no ciberespazos con propostas propias

Crear e facer chegar a obra directamente, sen os filtros do editor, distribuidor ou libreiro, sen limitacións de formato, xénero ou espazo. Interactuar co lector. Internet en teoría é o soño húmido feito realidade dun escritor. Desde o que está empezando e se ve como herdeiro da longa tradición de autores aos que lles rexeitaron obras hoxe clásicas, ata o consagrado que gustaría de experimentar fóra do ríxido soporte libro. Internet é un abano no que entran desde os microrrelatos de ata 140 caracteres na rede social Twitter a obras en perpetuo proceso de creación que poden incluír vídeos, audios ou enlaces moito máis amplos e máis sutís que as molestas notas a pé de páxina. Sen embargo, a presenza na rede da creación literaria -non da literatura- é máis ben escasa, polo menos en Galicia.

"Ninguén se toma en serio un libro se non aparece en papel", di Camilo Franco
Para Campo, "o desexo de que algo pase é máis forte que a propia realidade"
Más información
Os críticos de libros tamén se botan á Rede
As palabras xustas

"Na rede hai moi pouca creación literaria", confirma o editor Manuel Bragado. "Hai moitos textos, mais poucos con intención de estilo. Creo que é debido a que os textos se escriben nun contexto multitarefa, co que supón de distracción, e pola inmediatez do soporte". No polo oposto ao director de Xerais, pero co mesmo activismo en internet, está a poeta e actriz Déborah Vukusic: "Haina e en cantidades inxentes, a calidade xa é outro asunto. A rede é unha plataforma de liberdade e polo tanto un pode publicar arreo sen temor, mesmo se non é sempre do xeito máis acertado ou esquece a autocrítica". Nesa valoración coincide outra ciberviguesa, a profesora Begoña Outeiro: "Hai creación literaria na rede, pero sobre todo existe a recreación literaria, que chega moito máis alá e se mestura coa realidade dun xeito moi diferente á literatura máis canónica. A rede pode supor un problema grave para o sistema literario en tanto que fai máis opaca a dimensión autorial para dotar unicamente de relevancia a mensaxe que se emite".

Os máis escépticos son precisamente dous autores que fixeron experiencias literarias en Internet. "Os escritores, en xeral, teñen menos pudor en anunciar a súa obra que en escribila directamente na rede. Váisenos bastante a forza pola boca: falamos do futuro para non ter que falar do presente, pero case ninguén no mundo se toma en serio un libro se non aparece en papel ou se non ten versión en papel", afirma Camilo Franco. "Internet é un medio para principiantes en xeral e para autores de xéneros minoritarios (poesía, teatro, ensaio,...). É un océano tan extenso que deberías ficcionar un amor rebelde entre Carlos Callón e Gloria Lago ou algo dese calibre para atraer a atención. Por moito que lles doa aos cibervisionarios, o papel ten un prestixio que nunca terá a pantalla dun ordenador", considera Jaureguizar.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Con eles coincide máis ou menos (o descreimento parece cousa de xornalistas) a galega bonaerense Débora Campo: "Vivimos nuns tempos nos que o desexo de que algo sexa ou pase é mais forte que a propia realidade. Lánzanse prognósticos que teñen moita difusión (todos os xornalistas temos fame de boas novas), aínda que non teñan moita base. Algo disto pasa coas potencialidades da rede". No extremo contrario está Sechu Sende, que foi publicando ao longo de dous anos no seu blog o seu último libro, Animais (rexeitado por varias editoriais pola súa opción ortográfica). "Como criador de textos , literarios ou non, a rede permíteme compartilos dunha forma mais directa, sen intermediarios. Podo publicar un poema de Emilio Araúxo, un relato inédito, unha banda deseñada sobre Lois Pereiro, fotos dun mural no cuarto da miña filla...".

O certo é que o dixital, tarde ou cedo, afectará ao lector e ao escritor. "O que me parece máis excitante é se Internet vai transformar a forma de escribir e se xurdirán novas perspicacias lectoras", pensa Antón Lopo. O director de Galaxia, Carlos Lema, que nun ensaio en Grial definía o ebook como "o libro perfecto", asegura que "Internet acentúa esa capacidade de control do pensamento crítico a través dos textos porque crea unha continuidade que semella perfecta e na que o pensamento, a interrupción do texto pola vontade do lector-escritor é moito menos factible." Desde a experiencia (en todos os aspectos: pedíronlle desde Brasil un microconto en Twitter, pero tiña que mandalo por email), Xabier Puente Docampo aposta pola esencia: "A literatura é independente do soporte. O único que define calquera arte é a linguaxe que lle é propia. Interésame o fenómeno literario na rede se o medio lle engade algo que non poida existir no soporte papel: hipertexto. Por aí pode chegar algo máis ca un novo xénero literario". De momento, esta reportaxe fíxose completamente a traveso de emails e redes sociais.

Escenarios da cibercrítica

- A sección de crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega puxera en marcha o blog acriga.blogspot.com. Durou en activo apenas os catro primeiros meses de 2008.

- Anos antes, en 2003, arrincara xa lg3, a páxina de Culturagalega.org -dependente do Consello da Cultura Galega- dedicada á literatura. As recensións de novidades editoriais de todos os xéneros pendúranse nesta web semanalmente.

- Fervenzas Literarias é unha páxina con feitura de magacín sobre libros e actualizado con relativa asiduidade. Realiza entrevistas, comentario de obras e funciona como axenda de actos.

- Na bitácora de crítica cultural Quantas letras para um rio (letrasparaumrio.wordpress.com), a literatura ocupa boa parte dos contidos, pero sempre con especial atención a fenómenos non hexemónicos.

- En Bouvard e Pécuchet (bouvard.blogaliza.org), Manuel Rodríguez Alonso, antes activo no extinto diario dixital Vieiros, coloca implacábeis comentarios á actualidade literaria, ortográfica e gramática.

- O blog que o profesor de Teoría da Literatura Arturo Casas mantivo na Rede durante case un ano,-Lándoas, agora clausurado -, non só se ocupou de cuestións literarias -a intervención no debate político era outro dos seus obxectivos confesos-, pero os seus textos na materia centraron numerosos debates cibernéticos.

- Aínda que O levantador de minas, o blog do poeta Alfredo Ferreiro, arrímase máis ben a unha bitácora persoal, a literatura e a recensión de libros aparece entre os contidos máis habituais.

- Francisco Martínez Bouzas adoita glosar obras para o suplemento cultural do xornal Faro de Vigo. Vén de abrir Nove Noites (novenoites.wordpress.com), onde garda o xa publicado e engade materiais ensaísticos.

- Xosé Manuel Eyré leva anos entregando opinións literarias para A Nosa Terra, na súa etapa de papel e na actual electrónica. Dende 2007, Ferradura en tránsito (xmeyre.blogaliza.org) é un activo blog sobre lectura de libros galegos, acrecentado con denuncia política.

- Armando Requeixo leva apenas un mes no espazo virtual. Faino a través de Criticalia (armandorequeixo.blogaliza.org), que ideou como compilador de textos asinados por el e aparecidos noutros medios. Agora tamén prepara reflexións de corte ensaístico exclusivas para a Rede.

Caderno da crítica(cadernodacritica.wordpress.com) é o espazo de Ramón Nicolás para recoller o seu traballo en prensa. Engade outras anotacións, maiormente breves, sobre a actualidade do sistema literario.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_