_
_
_
_
_
Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Risco: referencia de que e para quen?

Teño constancia da competencia de Olivia Rodríguez no estudo, sobre todo, da obra de Vicente Risco. Por iso mesmo discuto o seu posicionamento valorativo sobre a figura do pensador ouresán verquida neste diario baixo o título O silencio e a furia. Ante todo por afirmar que se trata dunha "referencia inexcusábel" para a cultura galega. Ter que falarmos a estas alturas arredor do inequívoco pensamento reaccionario de Risco semella fóra de lugar, toda vez que existen tres textos fundamentais e brillantes, con diferentes calados e alcances, sobre o caso (Xosé Antonio Arjona, 1964; F. Bobillo, e Méndez Ferrín, 1994) pero cómpre reiterar a crítica novamente cando -por citar un caso- grupos de extrema dereita galegos reivindican como referencia inexcusábel ao autor de Mitteleuropa. Como Olivia Rodríguez salienta que Suso de Toro (en resposta a un artigo deste) pretende botar a Risco "tamén da historia anterior a 1936", voume cinguir aos textos anteriores a esa época para lembrar o nidio compromiso risquián co peor das ideoloxías que abranguen ese tempo.

'Teoría do nazonalismo galego' anuncia larvadamente a posición esencialista ou fascista

Con efecto, a Teoría do nazonalismo galego (1920) pode supor para certos lectores un texto mesmo democrático, sobre todo porque alí se defende o programa das Irmandades da Fala. Porén, faise necesario fixármonos en varias proposicións que anuncian larvadamente a posición radicalmente esencialista e/ou fascista do autor. Pasemos por alto, xa que corresponde tamén a un tópico común da época, a implicación que se establece entre a exaltación do nacionalismo galego e a súa supeditación á maior gloria de Hespaña. O que xa constitúe o cerne da ideoloxía risquiá en xermolo amósanse deste xeito: a) a apoloxía de Chamberlain, b) o racismo explícito na diferenza unha presunta civilización mediterránea contradictoria co "espírito" galego, concretada na península co "euroafricanismo" (os españois do Sul); c) a definición do pobo galego como pobo de labradores e de mariñeiros, obviamente supeditados á elite intelectual proposta por Risco, inimigo, por outra parte e loxicamente, da civilización industrial e do chamado "modernismo"; d) a redución cualificativa de Galiza á "sedentarización rural", co corolario superestrutural da adoración da terra, expresando lirismo, sentimentalismo, espiritualismo, antirracionalismo, como factores diferenciais fronte ao "europeísmo mediterráneo, intelectualista e xeométrico". Tal esencialismo reaccionario (se non consiste de por si nun oxímoro) terá a súa continuación xa perfectamente acabada en textos anteriores ao 36. Exemplos: A Nosa Terra (1925), o romantismo, característico da idiosincrasia galega, coa súa compoñente irracionalista, e exaltadora do sentimento, mais do sentimento -isto acada o cumio sintomal da ideoloxía risquiá- non como función afectiva, senón cognoscitiva, o que emparenta a Risco cunha baixeza intelectual evidente; e) a regresión manifesta e hiperbólica amosada no seu ataque ao Renacemento, do cal xurdirían a laicización -coas súas consecuencias: racionalismo, protestantismo, positivismo, ateísmo, mesmo deísmo- e a descomposición social, con estas outras: liberalismo, democracia, socialismo e anarquismo.

O programa está servido. Así, en 1931 (La Región), aparece a divisa fundamental: "Galicia ceibe, enxebre e católica", e no 35 (Alento) -e cómpre citar textualmente: "A idea fascista non é ruín en si [...] É un movemento nacional contra das causas de descomposición interna dunha nación (partidos políticos, loita de clases, relaxamento dos costumes...)". E da xudeofobia mellor non falar. É coñecida por todos, só que, no caso de Risco agroma con caracteres histriónicos (os xudeus son psicópatas, amargados, enfermos e de temperamento "hepático"; a saber a que se refire con isto último).

De xeito que a irremediábel conclusión é a seguinte: o que Olivia Rodríguez lle apón a Suso de Toro en tanto descualificacións cara a Risco "que son primeiro físicas e terminan sendo morais, ideolóxicas, racistas e ata existenciais..." resultan absolutamente certeiras. E cando a mesma autora di "Risco alertou contra o dano que poden producir os bárbaros semicultos", cómpre deducir o inverso. Isto é: o bárbaro semiculto, cargado de erudición, si, pero non de sabedoría, é o propio Risco. Erudición, amais, sumamente perigosa pola mensaxe que entraña. A súa mentalidade vaise fornecendo con elementos recollidos aquí e aló, importándolle menos a coherencia da mestura que a finalidade á que vai dirixida. E esa finalidade é, tanto consciente como inconscientemente, política, no sentido forte do termo, é dicir, non como modelo ou formalización dunha xestión determinada, mais como exposición duns principios vencellados a unha concepción global do mundo e da propia existencia toda. Concepción esotérica, mitolóxica, parafascista e finalmente nacional-católica.

Non hai que botar a Risco fóra da historia, en absoluto. Ao contrario. É preciso telo ben presente, disterar as súas contribucións etnográficas e a súa inclinación democrática inicial -pero sempre parcial e vacilante- ligada ás Irmandades da Fala, coa personaxe responsábel das páxinas máis repulsivas da historia de Galicia. Acontece, por empregar un exemplo actual, o contrario que con Céline, por outra parte un escritor inxustamente sobrevalorado. O Estado francés errou ao prohibir os actos conmemorativos do aniversario do pensador antisemita. Cómpre lembrar todo. Para saber, efectivamente, os referentes de os destinatarios de calquera discurso.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O último libro do filósofo Francisco Sampedro é A violencia excedente (Laiovento, 2006)

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_