_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A nova pintura de Mar Vicente

A artista luguesa triunfa en Austria e presentará a súa obra en Kassel

Conseguir que o perfil plano da pintura ocupe un espazo é a obsesión da luguesa Mar Vicente (Lugo, 1979), unha artista que malia a súa xuventude pode presumir de espertar o interese pola súa obra nunha das capitais europeas da arte, a localidade xermana de Kassel. Nela celébrase cada cinco anos a prestixiosa documenta, na que sempre se dan cita destacadas figuras da arte contemporánea internacional. A Kunstverein de Kassel aproveita o ano previo á celebración deste evento de fama mundial para invitar a cinco artistas novos a facer unha mostra individual neste recinto. Unha das escollidas é Mar Vicente.

Aínda que só leva dous anos e medio vivindo en Austria, onde se desprazou por motivos persoais, Vicente conseguiu nun tempo récord que o seu traballo espertase o interese de galerías e coleccionistas tanto austríacos coma alemáns. "Creo que tiven moita sorte porque nun país coma Austria non é fácil encontrar tan pronto xente que se interese polo teu traballo. O que pasou é que a algunhas persoas simplemente lles gustou o meu traballo, sen pensar se era un tipo de obra vendible ou non", explica a artista, que vive nas proximidades da localidade austríaca de Graz e traballa cunha galería localizada en Klagenfurt.

A formulación habitual é combinar obras de parede con elementos no chan
A irrupción da peza no espazo é un dos conceptos básicos do seu traballo

Afastada dunha tendencia arraigada no mundo da arte contemporánea que consiste en prescindir da opinión do espectador, Vicente sinala que lle preocupa moito a actitude deste ante as súas pezas. "Penso moito na reacción da xente e pretendo que xurda algo neles cando vexan unha das miñas pezas. Hai persoas que non entenden o que ven cando se sitúan ante unha obra de arte contemporánea, pero, a pesar diso, forman parte dela. Procuro facerlles pensar un pouco no que se lles está presentando", apunta a artista.

Aínda que a súa obra pode parecer en ocasións máis próxima á escultura ou á instalación que á pintura, Vicente explica que ela parte dunha formulación pictórica porque utiliza o lenzo e a cor aínda e que, ao mesmo tempo, cando pinta pensa en volúmenes. A formulación máis habitual para presentar o seu traballo e combinar as obras feitas na parede con elementos situados no chan. Este será o punto de partida para a súa intervención na Kunstverein de Kassel, onde terá que enfrentarse por primeira vez a un espazo moi amplo.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Segundo apunta a artista luguesa, unhas veces parte dun elemento arquitectónico coma soporte e outras do soporte coma elemento arquitectónico. "Sexa coma sexa o meu interese sempre vai encamiñado cara a calquera superficie que poida portar cor", sinala Vicente, que na súa obra amosa unha preocupación por atopar os límites da pintura e polo xeito en que esta se pode presentar para ocupar físicamente o espazo.

O tratamento do espazo como obxecto e viceversa procura que o espectador se mova arredor da obra e que mentres executa este movemento o que observa varíe e produza tamén un cambio de parecer no observador. A irrupción da obra no espazo é un dos conceptos básicos no traballo de Vicente, que acostuma a presentar pezas que parecen emerxer da parede e, dalgún xeito, cuestionan a pintura entendida coma unha disciplina bidimensional.

Despois do reto que supón a mostra individual en Kassel, prevista para o vindeiro mes de maio, a artista terá que afrontar unha nova mostra nunha galería de Castellón. Aínda que está moi contenta por como lle están indo as cousas na súa estadía en Austria, non descarta que nun futuro non moi afastado poida volver a España.

Mais, polo momento, volveu a Galicia para presentar unha mostra do seu traballo na galería compostelana Trinta, onde onte inaugurou unha mostra na que deixou a súa pegada cunha gran intervención pictórica nunha das paredes da galería. Este traballo complementouse con pezas máis pequenas situadas no chan que tamén implican a ocupación dun espazo.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_