_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Galicia escrita en francés

Henrique Harguindey publica a súa pescuda sobre a presenza galega en memorias, crónicas, obras dramáticas ou relatos da literatura francesa

Desde a mención ao país coma unha sorte de El Dorado no texto fundacional da literatura gala, o poema épico La Chanson de Rolland, ata novelas actuais ou reportaxes xornalísticas sobre a catástrofe do Prestige, Galicia tivo o seu papel, pequeno pero "sorprendente", ao longo de máis de 1.000 anos de cultura escrita en Francia. As referencias -algunhas tópicas, outras fantasiosas, moitas certeiras- pódense atopar en Internet e de balde no estudo, escrito en francés, Le Galice racontée par des Français, do filólogo Henrique Harguindey.

Tradutor ao galego de Molière ou Rabelais, entre outras figuras, Harguindey foi atopando durante 40 anos de lecturas e investigacións alusións a Galicia. "Este é un país pequeno para a literatura francesa, non ten grande impacto, pero sorprende a cantidade de referencias e a súa continuidade porque se pensaba que non había case nada", expón. Ante o material achado, en 2004 decidiu darlle forma de estudo e acordou publicalo cunha editorial francesa. Porén, a publicación non se materializou, así que o editou a través da Universidade de Santiago en galego. Agora retomou a idea orixinal de dirixirse ao público francés, engadindo novos achádegos, e colgándoo no seu sitio web (www.palabrasdesconxeladas.com).

Davillier, coetáneo de Rosalía, capta o drama da emigración galega
Víctor Hugo narra a usurpación da coroa do rei García n' 'A lenda dos séculos'

A presenza galega nas letras francesas é ben heteroxénea e abrangue campos do saber diversos coma a literatura, a socioloxía ou a investigación científica. Por exemplo, Alberto de Mónaco, bisavó do actual rei monaqués, estudou no século XIX a pesca da sardiña en Galicia para averiguar por que en Francia se estaba a esgotar e concluíu que os mariñeiros galegos facían unha explotación racional e conservacionista dos recursos. Na segunda metade desa centuria, o hispanista Jean Charles Davillier, acompañado do xenial ilustrador Gustave Doré, percorre España redactando unhas crónicas que se publicaban no xornal de viaxes Le Tour du monde. Chama a atención como nos seus textos, coetáneos do Cantares gallegos de Rosalía, capta o drama da emigración e a actitude de desprezo que se tiña cara aos emigrantes galegos espallados polo resto do Estado, así coma a emoción destes cando lembran a súa terra. Avanzando no tempo, un dos escritores clave da literatura do século XX, Raymond Queneau, deixa constancia do seu paso por Vigo cunha surrealista (como non) chanza a conta do imaxinario can Dino. Máis afamada é a localización en Rande dun dos episodios das 20.000 leguas de viaxe submarina de Jules Verne.

Malia esta variedade de miradas e enfoques, o autor atina a trazar algúns fíos de continuidade. Así, no primixenio Chanson de Rolland, amais de referirse ao "ouro de Galicia" -que alude de xeito case mítico ás minas auríferas de época romana- un dos seus protagonistas é Hemón de Galice, o histórico Reimundo de Borgoña e pai de Afonso Reimóndez, quen logo foi coroado rei de Galicia na Catedral de Santiago e máis tarde tamén de Castela e León, como Alfonso VII o emperador. Esta temática dinástica atópanse en textos dos séculos XI, XV, XIV e ata do XIX, cando Víctor Hugo, unha das cimeiras da literatura gala, inclúe na magna A lenda dos séculos un poema que narra a usurpación da coroa ao rei García por parte dos seus fillos -en realidade foron os seus irmáns, Sancho de Castela e o citado Alfonso VII.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Desta veta sobre as leas de poder, con base histórica pero con altas doses de ficción, Harguindey salienta outro aspecto: as relacións que os textos reflicten entre as chamadas nacións celtas. De feito, no Roman de Ponthus et Sidoine, unha novela cabaleiresca bretona que servía de modelo de conduta para os fillos da nobreza, relátanse as peripecias de Ponthus nunha imprecisa e temperá Idade Media. O protagonista, fillo de rei suevo galego, consegue escapar por mar da Coruña tras un ataque musulmán que destrúe a cidade. Establécese en Bretaña, namórase da filla do rei, é traizoado por un compañeiro galego, pero tras variadas reviravoltas narrativas á fin reconquista a súa terra, casa coa namorada e é nomeado soberano de Galicia e Bretaña. Polo camiño ten contactos, ademais, con Irlanda e Escocia, o que fortalece a tese do celtismo.

Outra das constantes son os diversos conflictos que desde comezos do XIX implican a franceses no Estado español. A crueza da Guerra de Independencia narraa nas súas memorias o capitán Nicolas Marcel, quen fica abraido pola barbaridade de ámbolos dous bandos e relata como as tropas das que el participaba arrasan Camariñas asasinando homes, mulleres e nenos sen distinción. Ademais destas e moitas máis olladas francesas sobre Galicia, no web de Harguindey pódense consultar algunhas das traducións ao galego que ten feito, aquelas non suxeitas a dereitos do autor, cuxa descarga autorizaron as editoriais que as publicaron. Así, pode lerse en galego a Molière, Voltaire, François Rebelais ou mesmo o citado poema de Víctor Hugo sobre O reiciño de Galicia.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_