_
_
_
_
_
LUCES
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Da vieira e do horizonte

Ao longo de case dous séculos, a cultura en Galicia tivo como un dos seus quefaceres básicos a construción identitaria e mesmo nacionalitaria. E se Galicia e a súa cultura chegaron a onde están débese en gran parte a ese traballo ímprobo dunhas elites que, en condicións xeralmente adversas, propiciaron que esa construción fose posíbel.

No ámbito das artes, en diversos momentos chegaron a fixarse claves identitarias puntuais, a modo de follas de ruta. Que cumpriron o seu servizo, mais foron insuficientes e superadas. Porque no campo de acción da cultura e da creación plural das artes a fixación de trazos concretos dunha identidade racional, lóxica e cartesiana vólvese problemática. Porque a arte constitúe unha metamorfose incesante, unha deriva continua que rompe con toda rixidez, canon ou enrocamento normativo. Sendo ademais que as artes abranguen todo o campo do real e o imaxinario, do colectivo e o individual, do emocional e do sensíbel, da intuición, do símbolo, do mito, do soño...

E ese campo fenoménico das artes é tan complexo e paradoxal, que resulta imposíbel a fixazón de liñas claras de identidade. E iso supoñendo que tal cousa fose desexábel. Os artistas, que, como calquera cidadán, están loxicamente influídos polo seu medio, e sobre el deben incidir e actuar, han de romper con toda forma de determinismo, abranguendo o máis vasto campo de visión e de experiencia posíbel. Deben aspirar ao alento máis achegado ao uomo universale albertiano e leonardiano. Porque a reflexión identitaria pode ser pertinente en certas doses, para a ubicación do artista na realidade e na comunidade, pero un enfatismo excesivo ou unha cristalización en claves determinadas -que sempre resultarían cuestionábeis-, poderían chegar a ser redutoras e castrantes.

A arte galega campa hoxe por parámetros de enorme apertura, de absoluta acuidade universal. Os nosos artistas son cidadáns do mundo. Dominan amplas perspectivas culturais e artísticas no espacial como no temporal, practican todos os xéneros e hibridacións e non lles son alleos ningún medio ou técnica, por emerxentes ou novedosos que sexan. Teñen unha formación plural e ampla, máis cosmopolita que nunca. Esta é a mellor noticia. A plena homologación coas inquietudes máis punteiras e ambiciosas do noso tempo. Calquera outra atitude sería involucionista e restritiva. Nun mundo globalizado, calquera acción artística en calquera lugar atañe e establece sinerxias ou tensións con calquera outro punto do mapa, pois a sociedade da comunicación así o permite. Por outra parte, os sectores máis lúcidos de Europa e de Occidente foron abandonando o seu etnocentrismo, abríndose a outras áreas culturais, asimilando incluso as artes primixenias de todo tempo e lugar... creándose unha estimulante e complexa ágora de interacción aleatoria e exponencial.

De aí que ningunha formulación identitaria -caso de producirse- poida deixar de ser aberta e fluída. O contrario sería caer nun discurso esencialista que, ademais de cuestionábel de raíz, resultaría limitador, se non suicida, e máis na esfera da creación e da acción cultural, na que a porosidade ha de ser absoluta.

Porque máis que nunca na época da mundialización, os conceptos de territorio, lugar ou identidade, entre moitos outros, vólvense máis fluídos e menos enfáticos, desde o punto de vista da interacción cultural e humana. O suxeito recibe e emite ondas e cartas de navegación desde todos e para todos os portos. E ese xogo, no que se extraviarán os partícipes dun cosmopolitismo alienante, acrítico e conformista que confonden estar à la page coa grande viaxe da cultura, permitirá un alento creador de grande envergadura aos artistas formados, lúcidos e autocríticos, fieis a un proxecto de autenticidade creadora.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A meu ver, a arte en Galicia, como o conxunto da súa cultura, vive un momento xermolante e expansivo de gran alcance, pois está a explorar os camiños todos da acción humana, todas as emerxencias e realidades do mundo da vida, sen renunciar á súa singularidade. Mais sen obsesionarse coa construción dunha identidade normativa. E non porque os seus máis lúcidos creadores vivan despreocupados ou alleos a esa inquedanza, senón porque saben que a arte vai máis alá, xa que a máis fecunda viaxe da arte aspira á destrución da norma, á creación doutra voz, ao ensanchamento de horizontes para a percepción, á creación de interrogantes tanto ou máis que de respostas, á tensión exploradora -como a ciencia e a tecnoloxía- nos rumores dos límites...

Por fortuna, a impresión que os mellores creadores e teóricos da arte deron sempre en Galicia, e hoxe máis que nunca, é a da espiral e a da vieira. A da espiral: círculos cada vez máis expansivos e abertos. A da vieira: estrías cara a todos os puntos do espazo. Quizais non outros símbolos levaba tatuados, nos antebrazos da súa constelación navegante, Manuel Antonio cando, acobadado á proa, soñaba navegacións nas que 4 x 4 = 32 ou incluso 64.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_