_
_
_
_
_
Entrevista:RAMIRO FONTE | Escritor | Luces

"Reivindico a ética do artesán fronte ao ego do artista"

"Sabe cal é poeta galego do século XX que máis me interesa? Ramón Cabanillas". Fala o escritor Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) e a súa toma de postura desafía certas convencións da historiografía hexemónica sobre a poesía galega. "Considero que sen composición non hai poema; Cabanillas era dos que dominaba o verso", argumenta, e continúa: "Iso si, ten que haber máis que composición, senón o poema fica só en habelencia técnica e así non interesa nada".

Fonte, bibliófilo confeso -o seu poemario de 1997 titúlase O cazador de libros: "O nome non minte"-, dirixe na actualidade o Instituto Cervantes de Lisboa. "Todas as xeracións literarias galegas admiraron a Portugal", lembra alguén que aproveita a súa circunstancia profesional para ler a Camilo Castelo Branco: "Agora xa teño paciencia, porque é un escritor con máis de 200 obras". Ramiro Fonte vén de publicar en Xerais As pontes no ceo, o terceiro volume da triloxía memorialística Vidas de infancia, que comezou a escribir conmocionado polo 11-S a un ritmo de "catro horas diarias, cinco días á semana".

"As grandes obras literarias universais son profundamente localistas"
"Fago poesía medida por patriotismo, para ampliar a literatura galega"
"Os grandes poetas, como Rosalía, sempre se poden ler con ollos novos"

Pregunta: Que persegue Vidas de infancia?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Resposta: Quería poñer a proba a máxima de Baudelaire que encabeza os libros: "O xenio é a infancia netamente formulada". Interesábame pescudar en como un cativo constrúe a realidade con todo o que ten diante e, a medida que avancei no proxecto, entrei neses espazos onde a memoria persoal conflúe coa colectiva. Aí, o que era unha idea de 100 páxinas rematou nun fresco de 1.400 sobre as vidas que rodean a vida dun neno.

P. Trátase dun traballo no que o universal se cruza co local.

R. O gran reto foi que a xente que aparece citada aparece co seu nome, como personaxes de carne e óso. E aínda que emprego técnicas de fición, no libro hai certa verdade literaria. Porque ao facer falar a unha persoa con nomes e apelidos méteste nun territorio diferente, onde está en xogo a túa vida e a dos teus semellantes, a vida de certos tipos que acaban por conformar a vida dunha vila que devén representativa das vilas galegas e tamén dunha vila universal. Porque, en Vidas de infancia, descubrín que para ser universal hai que volver ao local: as grandes obras literarias son profundamente localistas. Pasa co Quixote: "En un lugar de La Mancha...".

P. Pasa tamén con Joyce, citado na primeira páxina de As pontes no ceo.

R. En efecto. Outro dos libros que tiven de lanzadeira foi o Ulises, do que me interesa como reflicte esa vida múltiple, variada, que estala en Dublín. Outra das obras que tiven presente para realizar a triloxía foi a dun escritor xudeu, Henry Roth.

P. Tamén realiza un exercicio de microhistoria.

R. Si, porque é un libro que ten a mesma vocación que moitas novelas do XIX, que funcionan como fresco histórico, de documento. Escríbea un historiador lírico, con referentes tamén nos historiadores galegos do XIX, como Manuel Murguía, que era un grande estilista. As Vidas de infancia son máis ca unha novela, son unha novela sen lindes, sen marcos, que se pode ler para responder á pregunta "como era unha vila galega nos sesenta?". Era así. E, asemade, tentei ratificar a unha frase da Poética de Aristóteles que me inqueda dende hai moito tempo: "A poesía é máis verídica que a historia".

P. Até que punto se pode reconstruír con palabras o pasado?

R. As palabras son a ferramenta que temos. Pero creo que esta é unha obra moi visual, dun autor que viu moito cinema e que aplica técnicas que aprendeu nos filmes. Outro referente foi o John Ford de Que verde era o meu val!, no que o escenario consiste nunha rúa de casas iguais e monótonas que desembocan no pozo dunha mina. A condición de vila vella de Pontedeume, con ese chauvinismo, axudou. Quizais funcionaría igual en vilas como Noia ou Ribadeo, e non noutros lugares. Malia a que os arquetipos humanos cos que elaboro a narración repítense en calquera lugar.

P. A súa prosa procura a transparencia.

R. Quero que a miña prosa sexa moi medida, moi transparente, moi calibrada, que non faga ruído pero que sexa moi traballada. Leva moito escribila. Heidegger, que por certo escribía moi farragoso, dicía a pé feito de Nietzsche que "o estilo está na simplicidade". Porque, ás veces, cremos que o grande estilo se atopa nesas frases rimbombantes con moitas subordinadas. Humildemente, optei por un modelo de prosa que coido que non é pobre, senón que ten o léxico que debe ter.

P. Como decide entre escribir prosa ou poesía?

R. Hai temas que valen para un poema e igual non valen para unha páxina de prosa. A estas alturas, xa fixen todo tipo de experimentos, mesmo escribir un poema e logo volvelo escribir en prosa. Mais, no fondo, non resultan cousas tan diferentes, porque cambias a técnica pero, ao cabo, xogas coas palabras. O que si penso é que o mellor xeito de disciplinar unha prosa é a lectura de poesía e, quizais, viceversa, e que se cadra non existen grandes novelistas nos que non vexa un fondo de poeta, mesmo de poeta fracasado. Pasa con Faulkner e pasa con Cervantes. Pero na prosa dase un prolongado traballo de oficina ao que non podes renunciar. Obviamente, contrólase mellor un soneto de 14 versos ca un fresco de 1.400 páxinas.

P. Sempre defendeu, nos seus poemas, a métrica tradicional, a rima.

R. Si, pero fíxeno por patriotismo. Fatalmente, un escritor galego, aínda que recibamos grandes obras doutros idiomas, opera nunha paisaxe literaria ás veces moi reducida. Daquela, a min interésame ampliar a paisaxe literaria do que se escribe en galego. Por suposto, cando era novo, gustábame a poesía creacionista e non os sonetos. Con todo, debo dicir que sempre lin a Rosalía e a Ruben Darío. E a xente cre nunha mentira: non existe gran poeta do século XX que non teña unha zona da súa poesía formal. Así que, dende a modestia, díxenme "vou intentar facer poesía rimada, monométrica" e coido que o conseguín. Non fun entendido e abrín unha liña maldita. A xente traga antes un texto surrealista que non se entende que a rima, que é máis provocadora. A rocha dos proscritos, 300 páxinas de poemas formais, recibiron as mellores críticas en España. Aquí non as tivo e houbo quen dixo que eu deixara de ser poeta por aquilo.

P. Volverá á poesía?

R. Voume facendo vello e cada vez leo máis. Agardo, ao escribir, case un milagre. Intento moitos poemas que fracaso no medio. Pero dende o ano 2000 manexo un corpus duns 40 poemas dos que non hai nin dez que dea por rematados. Porén, a min interésame reivindicar a ética do artesán e non a megalomanía do artista, o seu ego. Hai que reivindicar a ética do oficio, que se aprende co tempo e, con 50 anos, non podo situarme nos mesmos presupostos que cando tiña 17. Amais, non existen temas novos. O que tes enfronte, o espello da vida, o espello da realidade, o espello do ser humano.

P. Lese a Rosalía de Castro alén dos tópicos?

R. Todos os grandes poetas non aturan lecturas exclusivas, non se poden reducir, e sempre os podemos ler con ollos novos. O clásico é, precisamente, o máis susceptíbel de ser o noso contemporáneo. E se eu escribo en galego é porque existiu Rosalía. Pero deixémonos de historias. Rosalía tivo grandes lectores. Celestino Fernández de la Vega soubo lela, Carvalho Calero soubo lela, Ramón Cabanillas leuna ben ao escribir poemas, Pimentel, Octavio Paz, Lorca, Juan Ramón Jiménez, Machado, que é tremendamente rosaliano... As miñas últimas intuicións respecto de Rosalía, á que sempre lle ando a dar voltas, céntranse en que, realmente, ela fundou a literatura galega en Follas Novas, non en Cantares Gallegos. E tamén me interesa moito, moitísimo, o seu libro en castelán, En las orillas del Sar.

P. Que falta na literatura galega?

R. O que aínda non conquistamos son eses 5.000 lectores cultos, que len libros e que lles gusta a literatura. Unha das cousas das que estou máis orgulloso con este libro [a triloxía Vidas de infancia] é de que, malia a que posibelmente sexa pouco lido nos círculos da cultura, si que o le, ou vai ler, xente que nunca se achegou a un libro e que van facer o esforzo de ler en galego por primeira vez. Xente da miña vila que farán que o libro rache ese círculo. Pero o problema da nosa literatura e da nosa produción cultural é crear unhas zonas de recepción ilustradas. Nunca houbo este fondos económicos e, no entanto, onde está un Otero Pedrayo? Onde está un Risco? Onde un Cunqueiro?

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_