_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Anacos de pensamento galego

Un dicionario trata de establecer unha historia da filosofía en Galicia

O Consello da Cultura Galega, en coedición con Xerais, vén de poñer na rúa o Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego. Coordinado por Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas García, o volume xunta achegas de 46 autores. "Recóllense as ideas que foron tecendo o pobo que hoxe somos", segundo Rivas García, "o complexo panorama do pensamento galego, ese que ás veces emerxe e ás veces fica latente". O libro, que explicitamente rexeita entrar "no pensamento dos vivos" e cínxese a "obra escrita", divídese entre dicionario de autores e parte enciclopédica sobre "temas": economía, xornalismo, antropoloxía, matemática ou liberalismo. "Por suposto que existe un pensamento galego", afirma tallante Torres Queiruga, "e que comeza en Paulo Orosio, o teólogo do século V que era da Gallaecia bracarense, ou en Prisciliano".

"Son as ideas que teceron o pobo que hoxe somos", di Rivas García
Para García Soto, "non hai tradición, senón brotes de pensamento"
"No libro vese moito pensamento de seminario, o que era Galicia"
"Só hai un filósofo moderno, Amor Ruibal", afirma Torres Queiruga
Más información
Entre Heidegger e Marx
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O Dicionario naceu na sección de Pensamento do Consello da Cultura. A idea inicial pretendía non exceder a "filosofía galega". "Iso era máis difícil de delimitar", explica o teólogo Torres Queiruga, "e, amais, tendo en conta que, segundo Aristóteles, a filosofía é a ciencia que se busca a si mesma, decidimos utilizar o termo pensamento". A Aristóteles tamén remite o decano da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, Luís García Soto para afirmar a existencia desa filosofía galega. "O que acontece", relata, "é que tendemos a ver a filosofía con parámetros particulares: parece que se non es Aristóteles, non es ninguén".

García Soto, que vén de publicar unha escolma de ensaios filosóficos sobre literatura, completa o seu razoamento: "Nunca se pensa que todos os médicos teñan que ser Fleming". Para o decano, en Galicia, "existen na actualidade traballadores do ensino da filosofía, en institutos e universidades, con nivel na materia". Arrímase, así, a unha consideración do "modo de produción do pensamento" na que hai profesionais que traballan e "publican, moitos en galego".

Pero a historia dese pensamento galego construíuse na discontinuidade. "Non existe unha tradición", considera García Soto, que fala de "brotes de pensamento" datados na antigüidade. E a restitución do relato, iso é, ao cabo, escribir historia, só comeza recentemente: "Este dicionario é unha mostra, o intento de rastrear un pensamento galego ao longo do tempo".

O historiador Justo Beramendi, no entanto, problematiza a cuestión. Encargado de redactar o tema Nacionalismo na sección enciclopédica do libro, o recente premio Nacional de ensaio fractura "o que se entende por pensamento galego". "Se temos en conta o pensamento producido polos que naceron en Galicia", sinala, "haberá un elenco de autores; se o que procuramos son aqueles que pensaron sobre Galicia e con contidos sobre o país, o elenco vai ser outro". Beramendi confirma os ocos desa historia: "Hai pensamento galego, nalgúns intres e para algunhas cousas". Apunta a Ilustración galega, na que detecta "especificidade" respecto da castelá, nos nomes de Frei Martín Sarmiento ou Padre Feijoo.

"O pensamento vencellado ao galeguismo ou ao nacionalismo si que ten un carácter particular e propiamente galego", describe o autor de De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Beramendi, quen lamenta que no libro estea "Concepción Arenal e non Pablo Iglesias", ou que non figure unha entrada sobre o movemento obreiro, pon en dúbida a existencia de Prisciliano e non observa "nada especificamente galego" en pensadores como Orosio. O ensaísta Antón Baamonde coincide na complexidade de apoñer o xentilicio a "pensamento". "Habelo haino, o que recolle o Dicionario Enciclopédico, unha serie de pensadores que, en conxunto, poden formar unha tradición". No entanto, Baamonde négase a falar dunha "identidade propia" da xínea histórica da filosofía en Galicia.

"No libro, o que se ve é moito pensamento de seminario", expón, "por como era este país". Pero Baamonde, que fala de Francisco Sánchez -o autor de Quod Nihil Scitur (1581)- na prehistoria do pensamento en Galicia, refírese a Feijoo e a Sarmiento. "E Otero Pedrayo, malia a non ser un filósofo, creou unha idea de Galicia", di, "e unha escola". Segundo o autor de A rosa sen porque (1997), alguén doado de parodiar é un clásico, e conecta as actitudes do escritor de Trasalba cunha certa rebelión contra a modernidade "que Otero ve como agresión ao mundo da vida".

Para Andrés Torres Queiruga, "dende que se fala de Gallaecia houbo tentativas de influír no pensamento universal". O teólogo e filósofo da relixión non achou reparos en incluír a Prisiciliano no libro que coordinou: "Ao mellor non era galego, pero influiu no seu tempo". E, con todo, Torres Queiruga só indica un nome "na modernidade", "un pensador universal que non se sabe explotar": Ángel Amor Ruibal, segundo o Dicionario, "talvez a máxima cabeza especulativa de Galicia". Amor Ruibal (San Breixo de Barro, 1869 - Santiago, 1930) pensou a renovación do pensamento católico na época do modernismo. "Ninguén o entendeu en Santiago", asegura Queiruga, "e sitúabase en punta do pensamento relixioso europeo". Expulsado e suspendido en Roma "por falar contra o tomismo", Ángel Amor Ruibal nin sequera se atopa, arestora, "editado en condicións". "Debía ter un instituto e case non se dan atopado os seus libros", láiase.

Manuel Rivas García escribe, na Introdución do Dicionario Enciclopédico, remóntase ao datos do Ensaio histórico sobre a cultura galega (Ramón Otero Pedrayo, 1933) ou Galicia (Manuel Murguía, 1888) para probar a "continuidade histórica da cultura galega, da Gallecia dos romanos aos días actuais" ao tempo que xustifica os alicerces do traballo do Consello da Cultura.

O suplemento Luces non se publicará durante o Nadal

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_