_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A controversia Piñeiro

A Academia dedica o Día das Letras á figura máis polémica do galeguismo

Nin Lois Pereiro, nin Xosé María Díaz Castro, nin Ricardo Carvalho Calero, nin Florencio Delgado Gurriarán. A Academia da Lingua decidiu, o pasado sábado, que o Día das Letras Galegas de 2009 estará dedicado a unha das figuras máis polémicas do galeguismo recente: Ramón Piñeiro. O responsábel da liquidación do nacionalismo político na posguerra pero tamén impulsor do grupo de intelectuais que promoveu a editorial Galaxia, nado en Láncara en 1915 e morto hai 18 anos en Santiago de Compostela, segue a provocar reaccións enfrontadas entre os axentes culturais.

"A polémica sobre Piñeiro procede, ao meu ver, de dous aspectos", fala o académico Xosé Luís Franco Grande, "o primeiro, descoñécese a súa figura, que non está tanto nos seus escritos éditos como nos inéditos. O segundo, discútense asuntos que noutros países non se discuten: Piñeiro comprendeu que o esencial no galeguismo era a cultura galega". Para solucionar a incógnita dos inéditos de Ramón Piñeiro, continúa o autor do libro memorial Os anos escuros, haberá que agardar á tese de doutoramento que Miguel Barros, presidente do consello de administración d'A Nosa Terra, lerá en novembro. "Trátase dun traballo monumental", asegura Franco Grande, quen non dubida en cualificar de "superior" a "cabeza" de Piñeiro.

"Hai que moderar o culturalismo dos 50 coa consigna de galeguizar partidos"
O nacionalismo actual asumiu o programa 'piñeirista', din os consultados
Más información
A bienal que racha fronteiras

"A controversia sobre o de Láncara ten que ver coa rúbrica culturalismo", apunta o ensaísta Antón Baamonde. Na decisión estrátexica de abandonar a loita política e as siglas do Partido Galeguista, na década de 50, e substituílos por resistencia cultural reside o pecado orixinal de Ramón Piñeiro. "No exilio non estaban polo labor e o novo nacionalismo interior axiña se posicionou en contra do culturalismo", lembra Baamonde. A case coétanea confluencia dos escapados do galeguismo coas correntes marxistas e terceiromundistas, onde enraiza o actual BNG, opúxose frontalmente ás teses piñeiristas. "Pero hai que moderar o culturalismo dos 50 coa consigna de galeguización dos partidos dos 70", opina o ensaísta, que naquela altura militaba na Unión do Povo Galego: "Non é que comparta o punto de vista de Piñeiro, pero ser Mao Zedong en 1977 tampouco é o grande acerto do nacionalismo galego".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Piñeiro, "o grande animador cultural de Galicia nunha época complicada", ao ver de Franco Grande, deu finalmente en formar nas fileiras do PSdeG-PSOE nas primeiras eleccións ao Parlamento Autónomo. O director da revista Tempos Novos, Luís Álvarez Pousa, que frecuentou a célebre mesa camilla de Xelmirez 15, afirma que "os debates sobre a realidade ou a irrealidade do piñeirismo ou ulroamismo [Ulm Roam, personaxe da novela Retorno a Tagen Ata, de Méndez Ferrín, inspirado en Ramón Piñeiro] son froito dunha época na que el asume un protagonismo mesmo mediático non conectado co nacionalismo, senón co galeguismo. Hai unha loita de poder, de presenza pública".

"Moitos dos que estigmatizaron a Piñeiro iniciáranse da súa man á vida pública", di Álvarez Pousa, "hai moito de 'matar ao pai". Aínda que non concreta, sobre o seu discurso planan as sombras de Xosé Manuel Beiras, protexido de Piñeiro e do grupo Galaxia, e de Xosé Luís Méndez Ferrín, que pasou de dedicar ao galeguista o seu primeiro libro de relatos -Percival e outras historias (1958)- a efectuar a impugnación máis contundente da significación política do piñeirismo en Retorno a Tagen Ata.

Pero é o sociolingüista e profesor Henrique Monteagudo, que vén de editar o discurso de ingreso de Ramón Piñeiro na RAG en 1967, A linguaxe e as linguas, quen máis nitidamente sitúa a cuestión Piñeiro: "O seu problema é o de quen se adianta demasiado ao seu tempo. Nos anos 50, cando o marxismo dominaba o campo intelectual, Piñeiro defendía unha democracia federal e europeísta, un modelo democrático e non soviético nin chinés". O actual nacionalismo hexemónico, malia ao seu enfrontamento histórico cun Piñeiro que amais foi deputado polo PSdeG, asumiu boa parte do programa piñeirista. Neste punto coinciden os consultados.

"Cómpre coñecer ben ao personaxe", salienta Monteagudo, "e revisar dúas ou tres cousas da historia recente de Galicia, entre elas o cambio de táctica no galeguismo e a Transición, na que foi figura central". Para Franco Grande, sen medias tintas, "houbo un momento no que se traballaba en Galicia porque Ramón Piñeiro tiraba de todos". Aquel Ramón Piñeiro, fai memoria, que percorría como podía o país: en tren, en ómnibus, no coche dos amigos.

O balance que realiza Antón Baamonde conéctase con certas tentativas irresoltas do galeguismo político. "Nos 60, os galeguistas foron incapaces de crear un partido burgués ou de centro", considera, "e aquel era o intre de facelo. O que pasa é que temén é certo que se lle atribúen responsabilidades para encubrir as incapacidades dos que estaban ao seu carón". Baamonde certifica unha última conclusión: "Pero hai que recoñecer que o nacionalismo moderno, retórico e culturalista, non é tan diferente do piñeirista".

As letras da saudade

Fala Franco Grande: "Dende a Murguía até hoxe, a cultura foi o motor do galeguismo, pero a xente non o entende e fala de cousas disparatadas: que se galeguismo difuso, que se piñeirismo...". E aínda que preguntar por Ramón Piñeiro sempre remite ás súas discutidas actitudes políticas, por veces dificilmente disociábeis da súa actividade cultural, Luís Álvarez Pousa non dubida da pertinencia da homenaxe da Real Academia Galega: "Ninguén merece máis un Día das Letras que quen foi quen de poñer todos os esforzos para crear esa resistente fábrica de palabras que foi e segue a ser Galaxia. Está máis que xustificado, como o estará no seu día o que se dedique a Ricardo Carvalho Calero, de quen, por certo, a última imaxe que teño foi na cadeira do cuarto onde Piñeiro estaba hospitalizado". Carvalho Calero convalecía na mesma clínica de Santiago de Compostela.

Escritos como Siñificado metafísico da saudade (1951), Para unha filosofía da saudade (1953) ou A saudade e Rosalía (1962) son, a dicir de Antón Baamonde, "un intento de definir un espírito galego e portugués diferente, con certo carácter etnicista pero plausíbel na Galicia da época". A tradución de Da esencia da verdade, de Martin Heidegger, realizada entre Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega, constitúe outro dos "méritos innegábeis" do homenaxeado: "Querían que o galego fose algo máis ca un idioma de labregos e de poetas. Para eles, a madureza cultural dun pobo dábase coa filosofía". Pero o ensaísta vilalbés reitera que "os elementos polémicos non son os políticos: non coñezo a ninguén que rasgue as vestiduras porque a Filosofía da saudade [volume que xuntou en 1984 os seus escritos sobre o particular] estea máis ou menos conseguido".

A face lingüística

N'A linguaxe e as linguas, Piñeiro bocexa as liñas dun discurso sobre o idioma, excesivamente dependente do voluntarismo e do sentimental aínda que tamén avanza a problemática rural/urbano, que a maioría do nacionalismo aínda non recambiou. "No sociolingüístico, eu quedo coa Carta a Rodrigues Lapa, publicada na revista Grial e recollida no libro Olladas no futuro", di Henrique Monteagudo, que cualifica de "brillantísimo" o discurso de ingreso na Academia Galega, apontoado por el propio nunha introdución á última edición do mesmo.

Ramón Piñeiro, que foi preso entre 1946 e 1949 -"el estaba no cárcere mentres os que o criticaban organizaban días do traxe galego; ou falaban de Sartre, que podía ser outra forma de traxe galego", ironiza Baamonde-, dirixiu a editorial Galaxia e codirixiu a revista Grial. Logo da súa etapa parlamentaria, que durou até 1983, presidiu o Consello da Cultura Galega.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_