_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A memoria do exilio vive nun piso porteño

A fundación Manuel Puente atesoura materiais esenciais para reconstruír a historia dos trasterrados na Arxentina

Poucas das moitas persoas que camiñan diariamente polo barrio porteño de Almagro sospeitan que nun edificio posmodernista de tres plantas, situado á altura do número 3600 da quilométrica avenida Rivadavia de Buenos Aires, atópase unha parte fundamental da historia dos políticos e intelectuais galegos que tiveron que deixar a súa terra tras a Guerra Civil, coa intención de fundar unha nova Galicia ao outro lado do Atlántico. "Esta casa conserva o son das voces de toda a xente marabillosa que pasou por aquí. Penso que é case humana", sinala Rosa Puente, filla do intelectual galeguista Manuel Puente e actual ocupante da casa e gardiá, xunto ao seu marido, dos tesouros que se atopan nela.

"A casa conserva o son da xente marabillosa que estivo aquí", di Rosa Puente
"Non hai acordo pechado para que alguén se faga cargo do valioso arquivo"
Ninguén deu un paso adiante para a conservación dun patrimonio esencial
A casa de Puente foi a auténtica embaixada galega en Arxentina
Más información
Os papeis ciscados da emigración
O almacén sen fin do MEGA
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A residencia de Manuel Puente en Buenos Aires converteuse despois da contenda en España no primeiro lugar de acollida para os que chegaban fuxindo das represalias franquistas. Un deles foi Castelao. Rosa Puente lembra que o rianxeiro viviu nesa casa xunto á súa muller durante a primeira semana que pasou en Buenos Aires, en xullo de 1940. Posteriormente, marcharían a un piso situado na avenida Belgrano que tamén foi facilitado por Puente. A pegada de Castelao está moi presente na casa. Entre outras cousas poden verse diversas fotografías, unha serie de debuxos e o exemplar número 0 da primeira edición d'As cruces de pedra na Galiza, asinado polo propio Castelao poucos días antes de morrer.

Rosa Puente era unha nena cando na súa casa se celebraban as xuntanzas do Consello de Galiza, que se celebraban no salón. "Lembro que as xuntanzas eran os sábados e que Castelao era sempre o primeiro en chegar. A min fascinábame a súa personalidade. El transmitiume as primeiras imaxes que tiven de Galicia e cando xurdiu a oportunidade de viaxar alá comprobei que as cousas eran tal como el as describía", explica Puente.

Ademais de Castelao, pola casa da avenida Rivadavia pasaron, en distintas épocas, nomes ilustres da literatura e as artes plásticas galegas: os escritores Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste ou os pintores Luís Seoane, Manuel Colmeiro ou Laxeiro. Ata a morte de Manuel Puente, ocorrida en 1970, a casa seguíu sendo un lugar de encontro dos intelectuais galegos que residían ou visitaban a capital arxentina.

A política, a literatura e as artes eran as grandes paixóns de Manuel Puente e a súa casa converteuse nun lugar en que se desenvolvían as actividades que máis lle gustaban. Incluso o Partido Socialista arxentino tivo nesta vivenda a súa sede durante varios anos, despois de que o seu local fose destruído, a mediados da década dos cincuenta. Agás un período duns poucos anos, Rosa Puente sempre viviu na casa do seu pai e sinala que o feito de seguir nela ten moito que ver coa intención de manter vivo "un anaco da historia de Galicia na Arxentina".

As cartas, libros, documentos de todo tipo e fotografías que constitúen os fondos da fundación Manuel Puente atópanse arquivados nos ateigados andeis da casa. Coa colaboración de Museo da Emigración Galega en Buenos Aires fíxose unha primeira clasificación hai algún tempo, pero semella evidente que eses tesouros necesitan moita máis atención. Rosa Puente ten claro que todo o arquivo será doado a Galicia cando ela fine, pero o certo é que non hai ningún acordo pechado coa Xunta ou con ningunha outra institución da comunidade autónoma para que se poida facer cargo dos centos de documentos de valor existentes na residencia dos Puente.

Hai algúns anos, o historiador Ruy Farias, actual responsable do departamento de investigación do Museo da Emigración Galega, realizou unha primeira avaliación dos documentos que se atopaban na casa e puido constatar a necesidade de realizar un traballo moito máis polo miúdo para garantir a conservación dun arquivo moi ciscado e que precisa con urxencia unha axeitada clasificación. Entre os documentos atopados están as actas do primeiro Congreso da Emigración Galega, presidido polo propio Manuel Puente en 1956, e as cartas que o intelectual intercambiou con Ramón Otero Pedrayo ao longo de máis de 20 anos.

Polo de agora, a única colaboración que obtivo a fundación para a conservación e clasificación do seu arquivo procede do Consello da Cultura Galega. Coa Xunta actual houbo conversas, igual que cos Gobernos anteriores, pero semella que ningúen deu un paso adiante para garantir a conservación dun patrimonio esencial para manter a memoria da emigración galega na Arxentina.

Rosa Puente explica que o soño do seu pai era que a casa da avenida Belgrano na que viviu Castelao en Buenos Aires se convertera na sede dun instituto de cultura galega. Como ese soño non resultou posible, quizais nalgún momento poida chegar a oportunidade de facer algo semellante coa casa de Manuel Puente, un lugar que foi a auténtica embaixada galega na Arxentina durante décadas e que non debería perder a súa condición de lugar case mítico para unha xeración de galegos que tratou de reconstruír, dalgún xeito, a terra que soñaron. Aínda que fose a máis de dez mil quilómetros de distancia. Dende logo será imposible atopar un lugar semellante, onde as paredes poidan contar tantas historias vividas polos grandes protagonistas da cultura e a política galega na emigración ao longo dos últimos 70 anos.

Puente, o empresario comprometido

A vida de Manuel Puente (Salvaterra de Miño, 1890-Buenos Aires, 1970) foi un exemplo de compromiso político, amor pola súa terra de orixe e xenerosidade para acoller na súa propia casa aos paisanos que chegaban a Arxentina fuxindo da guerra e do franquismo.

Arribou á capital arxentina canto contaba 15 anos e completou a súa precaria educación lendo case que calquera tipo de libro que chegaba ás súas mans, con preferencia polos temas relacionados coa política e as artes. Cando aínda non acadaba os 20 anos de idade, fundou unha empresa que co tempo mudaría nunha das máis importantes do ramo da xoiería e a pratería en Arxentina, con sucursais ao longo de todo o país.

A súa actividade empresarial non lle impediu simpatizar coas ideas políticas socialistas e mostrar o seu entusiasmo coa chegada da II República en España. Tras a Guerra Civil, a súa casa convértese nun lugar de encontro e acollida para os políticos e intelectuais galegos que arribaban a Buenos Aires fuxindo do franquismo.

A chegada de Castelao á Arxentina foi un acontecemento importante na súa vida. Xunto ao propio Castelao, Alonso Ríos, Elpidio Villaverde e Ramón Suárez Picallo, Puente fundou o Consello de Galiza, un Goberno galego no exilio que se xuntaba cada sete días e que celebraba as xuntanzas na súa propia casa.

O seu labor cultural incluíu a edición de diversas obras de Castelao, a fundación da editorial Nós e a xestación e posterior edición de Historia de Galicia. O director desta obra, Ramón Otero Pedrayo, cualificouno como "o primeiro dos bos e xenerosos".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_