_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

O final do espectáculo

Na última década, só Castela e León iguala o gasto público galego en grandes equipamentos culturais

Sepultada en Europa a política cultural global anoada ao discurso economicista, baseada no cemento e no espectáculo, está por ver se non afunde todo o demais. En Galicia, onde o paradoxo se reproduce por entre os socalcos do monte Gaiás -a fin dos macroeventos coincide coa necesidade de dotar de contidos á Cidade da Cultura, que este ano levou o 17,5% dos recursos-, case 1.500 traballadores da cultura perderon o emprego entre xaneiro de 2009 e marzo de 2010. Na primeira vagoada da crise, a caída do emprego na industria cultural dobra cumpridamente a desafiliación total á Seguridade Social.

Co panorama dediante, este xornal contrastou o impacto da crise nos orzamentos e as medidas paliativas en Euskadi, Cataluña, Andalucía e Castela e León. No debate, que atinxe ao futuro das políticas culturais públicas e a súa relación co máis ou menos feble sector privado, hai datos coñecidos de percorrido estatal. Relativos á natureza do gasto público: na última década, segundo o Informe Galicia 2010 que publicou a revista Tempos Novos, os gastos de capital da Xunta, que inclúen novas infraestruturas e equipamentos, nunca baixaron do 70% do total. Só Castela chega a eses niveis, fronte ao 16% de Euskadi ou Cataluña. Tamén no que atinxe ao adiado pacto polo territorio: o gasto cultural per capita nos concellos de menos de 5.000 habitantes é algo máis da metade (37,13 euros en 2006, antes dos recurtes nas contas municipais) cá media estatal.

Só un 4,2% do total dos Bens de Interese Cultural están en Galicia
Os plans de internacionalización ficaron na carteira do bipartito
Non se coñece o plan director que Agadic anunciou para o inicio deste ano
"Máis importante que os recursos é a vontade", argúe Héctor Pose
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete
Más información
"A cultura non pode ser un sector subsidiario das políticas públicas"
"As forzas progresistas temen molestar"

"Investir en grandes recipientes ten unha rendibilidade política bastante inmediata", resume o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares. "E esa tamén foi a aposta do sector privado, o que quere dicir que na sociedade galega esa opción estaba ben vista". O feito de que en Galicia só 667 bens inmobles estean inscritos como Ben de Interese Cultural (só o 4,2% do total estatal), resultado en parte dun patrimonio eclesiástico pouco desamortizado, dá conta da ausencia de prioridades estratéxicas. "A riqueza patrimonial define Galicia e debía ser o noso alibí, tanto polo turismo como pola dignificación da sociedade", di Villares. Aínda que o turismo concentra o 40% do orzamento cultural galego, é en protección do patrimonio onde máis dedidiu aforrar a consellaría en 2011: o 82% dos fondos, en concreto (a industria cultural e o audiovisual, por separado, levaron un 44% e un 54% menos ca en 2010).

Só Andalucía, cunha redución do diñeiro público dun 40% en dous anos, se achega aos niveis de aforro cultural da Xunta de Galicia (fronte ás reducións en Euskadi, Cataluña e Castela e León, dun 5,03; 12,6 e o 13,95% dos fondos respectivamente). E non en partidas tan sensibles. A maior caída dos recursos públicos para artes escénicas dase no sur (o 22%), mentres as liñas máis reducidas en Euskadi son acción comunitaria (21%) e patrimonio, onde un recurte do 17% -e un 5,74% en política lingüística- capitaliza as críticas da oposición nacionalista. Canda o abandono por parte do PSE do "demasiado identitario" Kulturaren Euskal Plana, o plan vasco de cultura aprobado en 2000.

No caso catalán, onde os 302 millóns de Cultura supoñen o 0,98% do orzamento da Generalitat (en Galicia é o 1,4%), as manifestacións que houbo en marzo diante do Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (Macba) -abandeiradas co retrouso No retalleu la cultura- amosan a paralaxe entre Cataluña, centrada na acción exterior, e Galicia, onde os plans de internacionalización ficaron na carteira do bipartito. Nun país onde a cultura supón o 9,74% do emprego total (en Galicia é o 2,2%, lixeiramente por riba da media española), o discurso primaveral de Guillem-Jordi Graells, o presidente da Associació d'Escriptors en Llengua Catalana, non diferiu por demais das explicacións do conseller de Cultura de Mas, o socialista Ferrán Mascarell: "A dependencia da Administración é grande. A optimización dos recursos pode ser positiva se non repercute na creación e na produtividade das industrias culturais". Mentres, coa esperanza andaluza centrada en Córdoba, candidata a capital cultural europea de 2016, o Goberno do PP en Castela e León anunciou un plan de industrias culturais para xerar 15.000 empregos. As críticas do sector, que fala de "propaganda", teñen que ver coa falta de dotacións e debate público. O plan inclúe deporte e touradas e un Día del Donante Cultural. En Galicia, no entanto, aínda non se coñece o plan director que Industrias Culturais anunciara para comezos de ano. Segundo o xerente, Juan Carlos Fasero, a idea era darlle á cultura "valor de sector estratéxico".

Son estas expresións -estratexia, sostibilidade cultural ou implicación dos axentes culturais- as que conviría encher agora de contido político, separadas da ladaíña neoliberal, dos centros de reclutamento político e dos proxectos que só duran unha lexislatura. "No concreto", sintetiza Héctor Pose, coordinador entre 2001 e 2008, con José Antonio Caride, do Proxecto Interea, punto de encontro para a formación e o debate sobre traballo sociocultural. O único proxecto que puido unir daquela ás sete cidades galegas foi unha exposición sobre Curros Enríquez. "E iso que a maioría tiñan goberno bipartito", chacotea. "Conviría aproveitar a crise para darlle unha maior centralidade á cultura como cerne das políticas públicas", di Pose.

Contra a "perversión" dos equipamentos de proximidade sen valor de uso, "pensar a cidade ou o concello inflúe no deseño urbanístico, na sinalética, nas políticas de vivenda ou nas ofertas de lecer activo e pasivo", defende. O feito de que en Galicia non se estimulen os centros de creación -á parte de Cataluña, tamén Extremadura ensaiou fórmulas ao respecto- ao estilo europeo ten que ver coa falta de experiencia en xestión cultural, pero tamén coa falta de iniciativa. "Máis importante cós recursos económicos son a vontade e a sensibilidade na acción política".

Máis no plano institucional, Villares refresca a idea limiar do documento que presentou en xuño o Consello da Cultura, Reflexión estratéxica sobre a cultura galega: "A cultura necesita en gran parte o apoio público, e iso debe plasmarse con criterios obxectivos". Sobre eses criterios, aplicados á situación das 200 fundacións culturais do país, tratará o próximo informe do Consello. O que urxe agora, segundo Villares, é "poñerse dacordo no básico". "A crise é tan profunda que nalgúns sectores incluso teremos que deixar de falar de recortes económicos".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_